Os dez maiores atractivos turísticos do muro de Adriano

Carole Raddato
por , traducido por Eva Bruzos Bruyel
publicado en
Translations 2
bookmark_addbookmark_addedGarda o artigo printImprimir picture_as_pdfPDF

O 1.900.º aniversario da visita do emperador romano Adriano (que reinou do 117 ao 138 d.C.) á antiga Gran Bretaña, así como a construción do muro que leva o seu nome, é un fito conmemorado en 2022. Ao longo do ano e no marco dun festival, estiveron a celebrarse centos de eventos e actividades por todo o muro de Adriano, que é patrimonio da humanidade da UNESCO.

Hadrian's Wall at Cuddy’s Crags
O muro de Adriano en Cuddy's Crags Carole Raddato (CC BY-NC-SA)
O MURO DE ADRIANO ESTÁ CONSIDERADO UNHA DAS MAIORES PROEZAS ENXEÑERÍS DO IMPERIO ROMANO.

O muro de Adriano non só é un dos sitios máis emblemáticos do norte de Inglaterra, senón tamén unha ruta National Trail de 135 quilómetros (84 millas) que atrae cada ano a miles de sendeiristas e apaixonados da historia. Cruza o país desde Wallsend, á beira do río Tyne, no leste, ata Bowness‑on‑Solway, na costa oeste, e está considerado unha das maiores proezas enxeñerís do Imperio romano, así como un legado fascinante do emperador Adriano a Gran Bretaña.

Eliminar anuncios
Publicidade

O muro de Adriano constituíu a fronteira noroeste do Imperio romano durante máis de 300 anos. Como escribiu o biógrafo de Adriano na Historia augusta, «reprimiu moitos abusos e foi o primeiro que construíu un muro, de 80 millas [128 quilómetros] de lonxitude, para separar os bárbaros dos romanos» (Life of Hadrian, 11.2.). Con todo, foi máis ca unha simple muralla contra os invasores do norte. Era unha liña militar activa cun deseño enxeñoso que contaba coa protección de 15.000 soldados, así como cun denso cordón de portas fortificadas (castelos miliares) e torres de vixilancia (torreóns), unha serie de fortes e unhas inmensas obras de terra (o vallum e o foso norte).

Map of the Hadrian’s wall (Vallum Hadriani) c. 122 CE
Mapa do muro de Adriano (Vallum Hadriani) arredor do 122 d.C. Simeon Netchev (CC BY-NC-ND)

A importancia cultural do muro de Adriano recoñeceuse en 1987, cando a UNESCO o declarou patrimonio da humanidade. Desde 2005, forma parte do sitio transnacional patrimonio da humanidade denominado «fronteiras do Imperio romano» (que na actualidade inclúe o muro de Adriano, o limes xermánico, o limes do Danubio e o muro de Antonino) e, en 2003, abriuse unha ruta nacional específica para el. O Camiño do Muro de Adriano ou Hadrian's Wall Path National Trail converteuse nunha das rutas de sendeirismo de longa distancia máis populares de Gran Bretaña, grazas á súa combinación única de historia e natureza. Atravesa algunhas das paraxes rurais máis fermosas do país, xa que vai seguindo a paisaxe aproveitando ao máximo as barreiras naturais que conforman os penedos, os outeiros e os ríos.

Eliminar anuncios
Publicidade
Bronze Head of Hadrian
Testa de bronce de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Tanto se pensamos percorrer só un tramo coma a totalidade do muro de Adriano, esta guía conduciranos ata algúns dos seus maiores atractivos turísticos, ademais de axudarnos a planificar unha viaxe inesquecible ao longo desta ruta histórica, que é tamén un tesouro arqueolóxico.

Hadrian's Wall Path
O Camiño do Muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

1. O forte romano de Housesteads e os seus arredores

Housesteads (orixinalmente Vercovicium) é o forte máis famoso do muro de Adriano e o monumento máis popular de entre todos os que se atopan na liña do muro, con 100.000 visitantes ao ano. O forte está esplendidamente illado, empolicado no alto da ladeira do outeiro, cunhas vistas espectaculares. En xeral, tamén se considera que é o forte máis magnífico e o mellor conservado do muro de Adriano. É o mellor lugar para ver moitas das características orixinais deste tipo de instalacións militares.

Eliminar anuncios
Publicidade
Housesteads Roman Fort, Barracks
Forte romano de Housesteads, barracóns Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Os fortes do muro de Adriano seguían o deseño en forma de naipe típico do Exército romano: eran rectangulares, de esquinas redondeadas e con catro portas dobres. Dentro estaban os edificios oficiais e administrativos, os barracóns e os almacéns. En Housesteads, pódense ver en detalle moitos dos edificios interiores, o que inclúe o cuartel xeral (principia), a casa do comandante (praetorium) e o hospital, así como bloques de barracóns, latrinas, celeiros e despensas.

Housesteads Roman Fort, Granaries
Forte romano de Housesteads, celeiros Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Hai un pequeno museo que contén unha colección abraiante dos obxectos romanos achados no sitio, o que inclúe altares, pedras conmemorativas, xoias, ferramentas e armas, así como unha escultura da deusa Vitoria alada e un relevo duns genii cucullati («espíritos encapuchados»), unhas deidades celtas encapuchadas que se asociaban á fertilidade e á prosperidade.

Xusto ao oeste do forte romano de Housesteads, está o castelo miliar 37 (Housesteads), onde, ademais dos seus muros ben conservados e as súas estancias interiores, se pode apreciar o mellor exemplo que queda dunha porta de castelo miliar.

Eliminar anuncios
Publicidade
Hadrian's Wall Milecastle 37
Castelo miliar 37 (Housesteads), muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-SA)

Camiñando cara ao oeste, chégase ao cume dos penedos de Cuddy's Crags, onde os visitantes poderán facer unha pausa para mirar atrás, cara a Housesteads, e contemplar unha das imaxes máis emblemáticas do muro de Adriano e do parque nacional de Northumberland. Desde aquí, as vistas ao leste captan a esencia do muro de Adriano na natureza: a liña sinuosa do muro nun escenario rochoso de penedos.

Xusto ao leste do forte romano de Housesteads, está a porta de Knag Burn, unha das poucas entradas do muro que non formaban parte nin dun castelo miliar nin dun forte. Construíuse para facilitar o tráfico comercial a través do muro cando a porta norte do forte de Housesteads estaba pechada. A ruta lévanos en dirección leste aos memorables Sewingshields Crags, uns penedos con vistas panorámicas que ofrecen a última imaxe, quizais a máis bonita, de Whin Sill (unha lámina xeolóxica) desde o leste. O sector central do muro de Adriano, cuxo estado de conservación é bo, conta no seu extremo oriental co torreón de Sewingshields (35a) e o castelo miliar 35, empolicado de maneira espectacular ao bordo dun afloramento rochoso bastante alto.

Housesteads Roman Fort, North Gate
Forte romano de Housesteads, porta norte Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Instalacións: aparcadoiro alí mesmo (de pago), o centro de atención ao visitante de Housesteads (contiguo ao aparcadoiro) e cafetería.

Eliminar anuncios
Publicidade

2. Steel Rigg e Sycamore Gap

O tramo do muro que vai desde Steel Rigg a Sycamore Gap é o máis popular e fotografado. O camiño discorre por unha serie de penedos espectaculares, o que fai desta parte do muro a máis pintoresca, cun castelo miliar nunha localización fabulosa e o famoso fondal de Sycamore Gap. A ruta lévanos desde o aparcadoiro de Steel Rigg a Peel Gap, onde se construíu unha torre pouco despois de que se concluíse o muro. Tras 15 minutos de camiñada, toparémonos cunha das imaxes máis emblemáticas do muro, con vistas ao castelo miliar 39 (Castle Nick).

Hadrian's Wall, Milecastle 39
Castelo miliar 39 (Castle Nick), muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-SA)

A pouca distancia de alí, tras un descenso brusco, o muro chega a Sycamore Gap, cuxo nome fai referencia ao sicómoro solitario que inmortalizou a exitosa película Robin Hood, príncipe dos ladróns (1991). A escena que ofrece a árbore dentro da paisaxe é abraiante e crese que é unha das árbores máis fotografadas do país. En 2016, gañou o premio Árbore do Ano de Inglaterra.

Sycamore Gap, Hadrian's Wall
Sycamore Gap, muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Instalacións: aparcadoiro de Steel Rigg (de pago).

OS ESCRITOS DAS TABOÍÑAS DE VINDOLANDA CONSISTEN EN CARTAS PRIVADAS E DOCUMENTOS MILITARES.

3. O forte de Vindolanda e o seu museo

Vindolanda foi un dos fortes da calzada romana coñecida como Stanegate anteriores ao muro de Adriano. Construído arredor do 85 d.C. e habitado ata o final da Gran Bretaña romana, Vindolanda foi o forte da liña do muro que estivo habitado durante máis tempo. Localizado a un quilómetro e medio (unha milla) ao sur do muro de Adriano, Vindolanda ofrece unha imaxe integral dun forte romano e o seu asentamento civil (vicus), ademais de contar cun excelente museo que axuda a comprender extraordinariamente ben como vivían as gornicións no muro.

Eliminar anuncios
Publicidade

Vindolanda é un sitio dunha extensión considerable que consta de nove fortes, construídos uns enriba dos outros. Os restos visibles, do século III d.C., inclúen as murallas do forte, o cuartel xeral, a casa do comandante, celeiros e barracóns, así como o asentamento extra muros, con casas, tendas, unha taberna e unhas termas.

Vindolanda Roman Fort
Forte romano de Vindolanda Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Unha fiestra máxica ao pasado aflorou das taboíñas de Vindolanda, un dos achados arqueolóxicos máis importantes de Gran Bretaña. Escritas con tinta sobre fragmentos de madeira do tamaño dunha postal, as taboíñas consisten nunha serie de cartas privadas e documentos militares que nos permiten albiscar como era a cotiandade das persoas que vivían na fronteira norte nos anos inmediatamente anteriores á construción do muro de Adriano (80‑120 d.C.). Seguen aparecendo novas taboíñas. Durante unhas escavacións en 2017, descubriuse un novo agocho de 25 taboíñas, canda o único par coñecido de luvas de boxeo romanas.

Roman Boxing Gloves from Vindolanda
Luvas de boxeo romanas procedentes de Vindolanda Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Unha das escavacións máis lonxevas e de maior envergadura tivo lugar no forte de Vindolanda, na que participaron voluntarios vidos de todo o mundo. A campaña de escavacións empezou a comezos de abril e prolongouse ata finais de setembro, co que os visitantes puideron ver os voluntarios en acción.

Eliminar anuncios
Publicidade

Instalacións: aparcadoiro de balde alí mesmo, cafetería e museo.

4. O forte romano de Chesters

Cunha fermosa localización xunto ao río, a 6,44 quilómetros (4 millas) ao norte de Hexham, o forte de Chesters (coñecido nos tempos de Roma como Cilurnum) construíuse para controlar o paso do muro de Adriano que cruzaba o río North Tyne. Albergaba unha gornición de 500 soldados de cabalería e estivo habitado durante case 300 anos, ata o final do dominio romano de Gran Bretaña no século V.

Chesters Roman Fort, Headquarters
Forte romano de Chesters, cuartel xeral Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Os restos visibles son o resultado das escavacións que levou a cabo o anticuario e coleccionista John Clayton (1792‑1890), que tamén desempeñou un papel importante na conservación do muro de Adriano. Entre as construcións que se atopan á vista están o cuartel xeral (principia), a casa do comandante (praetorium), dous bloques enfrontados de barracóns e as catro portas principais. O prato forte está abaixo na ribeira, onde se poden ver as termas mellor conservadas de toda a fronteira.

Chesters Roman Fort, Baths
Forte romano de Chesters, termas Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

O Museo Clayton de Chester alberga unha fabulosa colección de inscricións, altares e esculturas procedentes do forte e dos seus arredores.

Instalacións: aparcadoiro (de pago), museo e cafetería.

5. A cidade romana de Corbridge

Corbridge non está exactamente no muro, senón a 4,8 quilómetros (3 millas) ao sur, na calzada Stanegate, e estivo habitada durante máis tempo que calquera outro dos sitios que se atopan ao longo do muro de Adriano. O primeiro asentamento era un forte, que se fundou na década do 80 d.C. para controlar o paso que cruzaba o río Tyne.

Eliminar anuncios
Publicidade

Máis adiante, transformouse na cidade romana máis importante de Gran Bretaña e a máis setentrional do Imperio romano. A importancia de Corbridge radica na súa localización na intersección de dous calzadas romanas: Stanegate, en dirección leste‑oeste, que levaba a Carslile, e Dere Street, en dirección norte‑sur, que conducía a Londres.

Corbridge Roman Town
A cidade romana de Corbridge Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

A antiga cidade de Coria (tamén coñecida como Corstopitum) estendíase por 12 hectáreas, pero só se escavou polo de agora un décimo do asentamento.

Os restos visibles na actualidade (que representan só unha minúscula parte desta cidade romana construída arredor do lugar onde se situaron sucesivos fortes) inclúen os celeiros mellor conservados de toda Gran Bretaña, un mercado, unha fonte ornamental e distintas instalacións para os lexionarios.

O museo do sitio conta cunha das maiores coleccións de obxectos procedentes do muro de Adriano, que, con máis de 34.000 achados, permite comprender máis vividamente como era a vida na cidade máis setentrional do Imperio romano.

Instalacións: aparcadoiro de balde alí mesmo e museo.

6. Birdoswald e Willowford

Bisdoswald é o lugar ideal que hai que visitar para ver non só un dos tramos máis longos do muro de Adriano e mais os considerables vestixios dun forte romano, senón tamén castelos miliares, torreóns e os restos dunha ponte romana. Está situado nun escenario rural impresionante, con amplas vistas ao río Irthing.

O forte de Birdoswald, que coñecían como Banna os soldados auxiliares que o gorneceron hai 1.900 anos, é sen dúbida un dos que mellor se conservan dos 16 que se atopan ao longo do muro de Adriano. Apréciase ben o trazado das portas e da muralla exterior do forte, así como dos celeiros e dun edificio que se interpretou plausiblemente como unha sala de instrución militar. O máis destacado son os abraiantes restos da porta leste, que é a que mellor se conserva de entre todas as portas de acceso a un forte do muro de Adriano.

Eliminar anuncios
Publicidade
Birdoswald Roman Fort, East Gate
Forte romano de Birdoswald, porta leste Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Ao leste de Birdoswald, é posible camiñar máis dun quilómetro e medio (unha milla) ao longo do muro para ver dous castelos miliares (Harrows Scar e Poltross Burn), dous torreóns (48b e 48a) e as ruínas dunha ponte romana.

No primeiro tramo, pódese apreciar un símbolo fálico na cara sur do muro antes de chegar ao castelo miliar de Harrows Scar (49). Desde o castelo miliar, o camiño descende ata unha pasarela moderna que cruza o río Irthing para nos conducir aos restos do estribo leste dunha ponte romana que está na outra beira, agora en terreo seco. Haberá que seguir outro tramo do muro para chegar ao castelo miliar de Gisland e Poltross Burn (48).

Hadrian's Wall, Willowford Roman Bridge
Ponte romana de Willowford, muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Instalacións: aparcadoiro de Birdoswald (de pago), centro de visitantes, museo e cafetería.

7. O templo de Mitra (Carrawburgh)

OS OFICIAIS DO EXÉRCITO ROMANO FAVORECERON UN CULTO MISTÉRICO QUE SE FIXO ESPECIALMENTE POPULAR NA FRONTEIRA: O MITRAÍSMO.

A relixión desempeñou un papel importante na vida cotiá romana. O mesmo pasaba en Gran Bretaña e no muro de Adriano. Os oficiais do Exército romano favoreceron un culto mistérico que se fixo especialmente popular na fronteira: o mitraísmo, unha relixión que chegou a Gran Bretaña desde a parte oriental do imperio e que veneraba o deus Mitra.

Os seguidores de Mitra rendíanlle culto nun templo escuro semellante a unha cova coñecido como «mitreo» (mithraeum). Un templo destas características escavouse en 1950, xusto ao sur do curso do muro de Adriano. Probablemente, o edificio construírono os soldados do forte de Brocolitia (Carrawburgh), que estaba enfronte, arredor do 200 d.C. Os tres altares que se acharon no sitio (cuxas réplicas se atopan no templo) consagráronos os comandantes dunha gornición do forte composta de auxiliares bátavos, recrutados orixinalmente en Renania. Un dos altares ten un relevo de Mitra cunha coroa radial, cuxos raios están perforados para permitir que a luz dunha lámpada de aceite situada no seu interior iluminase a través deles.

Carrawburgh Mithraeum, Britain
Mitreo de Carrawburgh, Gran Bretaña Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Sábese que houbo dous mitreos ao longo do muro de Adriano, en Housesteads e en Rudchester, pero o de Carrawburgh é o único que se pode ver na actualidade. Os templos deron moitos obxectos relacionados co culto a Mitra; pódese ver material deste culto mistérico no Gran Museo do Norte‑Hancock, en Newcastle.

Instalacións: aparcadoiro de Brocolitia (de pago).

8. O Gran Museo do Norte‑Hancock

A galería do muro de Adriano do Gran Museo do Norte, en Newcastle, é un lugar fundamental ao que temos que ir durante a nosa visita ao muro. A galería alberga unha colección excepcional de estatuas e altares romanos, a inscrición que demostra que o muro se construíu por orde de Adriano e un amplo abano de obxectos varios. A galería do muro de Adriano tamén contén unha maqueta interactiva a grande escala do muro.

Building Inscription from Milecastle 38, Hadrian's Wall
Inscrición monumental procedente do castelo miliar 38, muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Unha nova exposición está a revivir a historia de Roma a toda cor. Só mediante a proxección de luz, sete altares procedentes do muro de Adriano volveron á vida en intensas cores para nos amosar que aspecto terían hai 1.900 anos.

9. Cawfields

No seu momento, houbo 80 castelos miliares ao longo do muro de Adriano, cunha separación aproximada dunha milla romana entre eles. O castelo miliar de Cawfields (42) non é o que mellor se conserva, pero ten unha localización abraiante ao estar empolicado ao bordo dos penedos de Cawfields Crags.

Eliminar anuncios
Publicidade
Hadrian's Wall, Milecastle 42 (Cawfields)
Castelo miliar 42 (Cawfields), muro de Adriano Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Aínda que a maioría dos castelos miliares os construíron os lexionarios, eran os soldados auxiliares quen os gardaban. Cada un dos castelos miliares contiña bloques de barracóns que podían aloxar ata 30 homes procedentes de todo o Imperio romano, desde as rexións das actuais Francia, Bélxica, Alemaña, Hungría e Siria ata incluso o norte de África.

Ao sur do castelo miliar 42, hai un bo tramo do vallum, unha inmensa obra de terra que consistía orixinalmente nunha ampla gabia de fondo chan que medía seis metros de ancho e tres metros de profundidade e que estaba flanqueada dun montículo ao norte e outro ao sur, formados pola acumulación da terra baleirada. Era un obstáculo físico, pero tamén delimitaba o bordo da zona militar do muro de Adriano. Os soldados controlaban o acceso a esta zona nos pasos que cruzaban o vallum. Cara ao leste, o muro pasa por Thorny Doors, onde acada unha altura de 13 ringleiras, ata o torreón de Caw Gap (41a).

Instalacións: aparcadoiro da canteira de Cawfields (de pago) e aseos públicos.

10. O templo de Benwell e o paso para cruzar o vallum

Benwell é un barrio periférico de Newcastle (cuxo nome completo é Newcastle upon Tyne) próximo ao extremo oriental do muro de Adriano; ten dous construcións romanas particularmente interesantes, que estiveron agochadas no medio dunha urbanización da década de 1930: o templo de Antenocítico e mais o único paso para cruzar o vallum que sobreviviu ata os nosos días.

En Benwell (Condercum), construíuse un forte para axudar a controlar o muro de Adriano. Habitouno un rexemento de cabalería durante a maior parte da época romana. O forte en si xa non resulta visible, pero a 60 metros (169 pés) ao leste, entre os xardíns de dous casas, hai un templo consagrado a unha deidade celta polo demais descoñecida, Antenocítico, situado no seu momento nas aforas do asentamento civil do forte (vicus).

Benwell Temple of Antenociticus
Templo de Antenocítico en Benwell, Newcastle Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

O templo de Antenocítico que está en Benwell é un pequeno edificio absidal que construíron oficiais e soldados romanos, que tamén erixiron altares e unha estatua de culto ao deus dentro do templo. Un dos altares do sitio deixa constancia da gratitude dun comandante de cabalería, Tineio Longo, por se converter nun membro do Senado romano. Todos os achados procedentes do templo de Antenocítico están expostos no Gran Museo do Norte, en Newcastle.

Un elemento fascinante do muro de Adriano que só se pode ver en Benwell é o paso para cruzar o vallum. Ao longo do muro, construíronse varios vaos en pedra alí onde a calzada que viña do sur tiña que cruzar a obra de terra que se coñece como vallum. Hai probas arqueolóxicas da existencia deste vaos en Housesteads, Birdoswald e Great Chesters, pero o paso de Benwell é o único que resulta aínda visible. Unha calzada unía este paso coa porta sur do forte de Condercum. Debeu de haber un inmenso portalón de pedra con forma de arco sobre o vao, cunha porta de madeira de dobre folla.

Preto de alí, ao oeste, o primeiro avistamento do muro témolo nos torreóns de Denton Burn e de Denton Hall, mentres que o primeiro tramo importante do muro está en Heddon‑on‑the‑Wall.

Benwell Vallum Crossing
Paso para cruzar o «vallum» en Benwell, Newcastle Carole Raddato (CC BY-NC-SA)

Circunstancias coma as celebracións polo 1.900.º aniversario do muro de Adriano (con eventos e actividades ata finais de 2022, agrupados baixo a etiqueta #HW1900 nas redes sociais) son un momento excelente para visitalo e facer sendeirismo á súa beira: aquí temos máis información (en inglés). Para saber máis sobre como percorrer a pé o muro de Adriano, podemos consultar esta web (en inglés).

Tárdase uns seis ou sete días en acometer toda a ruta e hai un proxecto de pasaporte do Camiño do Muro de Adriano (Hadrian's Wall Path Passport) de maio a outubro, polo que temos que reunir sete selos para demostrar que conseguimos chegar ao final. Para todas aquelas persoas que só queiran realizar rutas curtas, está o autobús Hadrian's Wall AD122, que, no momento de escribir este artigo, percorre cada hora o muro de Adriano entre mediados de abril e finais de outubro. POR FAVOR, NON escalemos o muro de Adriano nin nos poñamos de pé nel.

Eliminar anuncios
Publicidade

Bibliografía

World History Encyclopedia é un asociado de Amazon e obtén unha comisión polas compras de libros que cumpran os requisitos.

Sobre o tradutor

Sobre o autor

Citar esta obra

Estilo APA

Raddato, C. (2026, July 31). Os dez maiores atractivos turísticos do muro de Adriano. (E. B. Bruyel, Tradutor). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2074/os-dez-maiores-atractivos-turisticos-do-muro-de-ad/

Estilo Chicago

Raddato, Carole. "Os dez maiores atractivos turísticos do muro de Adriano." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, July 31, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2074/os-dez-maiores-atractivos-turisticos-do-muro-de-ad/.

Estilo MLA

Raddato, Carole. "Os dez maiores atractivos turísticos do muro de Adriano." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, 31 Jul 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2074/os-dez-maiores-atractivos-turisticos-do-muro-de-ad/.

Eliminar anuncios