Os cans levan miles de anos sendo un aspecto integral da condición humana en practicamente todas as culturas do mundo. Algunhas das maiores civilizacións do pasado tiñan cans como compañeiros e para realizar diversas tarefas domésticas. Tamén presentaban aos cans na súa arte e literatura e ata chegaron a elevalos a postos importantes dentro da relixión. Entre estas civilizacións atópase a persa.
O can era moi apreciado na antiga Persia, xa que se consideraba parte salvaxe, parte humano e parte ser divino, un agasallo dos deuses.
Aínda que se sabe pouco das primeiras crenzas relixiosas que tiñan os persas antes do xurdimento do zoroastrismo (1500-1000 a.C.), sábese que o can desempeñou un papel moi importante nos rituais relixiosos, segundo o que rexistran os textos zoroástricos. Desde datas moi temperás, os cans eran unha parte fundamental dos rituais funerarios e ocupaban un lugar central na visión da outra vida, ademais de realizar funcións importantes na vida cotiá das persoas.
Os persas tiñan cans para a protección, o pastoreo e a caza. Non obstante, os enxovais funerarios e diversas probas arqueolóxicas suxiren que tamén os tiñan como animais de compañía. Esta crenza apóiase na forma en que a sección da Avesta (escritura zoroastriana) coñecida como a Vendidad enfatiza a importancia de tratar a un can igual que a un membro da propia familia. De feito, segundo a crenza zoroastriana, que unha persoa fose recompensada ou castigada na outra vida dependería de forma directa de como tratase aos cans.
O amor dos persas polos cans era tan profundo e coñecido polos seus veciños que os árabes musulmáns empregaron a persecución dos cans como medio para someteu á poboación nas invasións do século VII. Como ocorría sempre que un novo sistema relixioso-político intentaba afirmar o dominio sobre os valores culturais dun pobo conquistado, o can proclamouse impuro, en especial o chamado «can de catro ollos» (un can cunha mancha por riba de cada ollo), o cal os persas tiveran na máxima consideración.
Aínda que se di que o Profeta Mahoma revogou a súa decisión de matar todos os cans e permitiu que os musulmáns mantivesen algúns, continuou a persecución de todos aqueles que non fosen gardiáns, de caza ou de pastoreo. Na actualidade, o goberno iraniano continúa coas políticas contra os cans e os seus donos (aínda que se relaxaron as proscricións máis severas) e moitos persas modernos e grupos animalistas continúan traballando para devolverlle ao can o seu antigo status no país.
Domesticación e razas
Cando e onde se domesticou o can por primeira vez aínda segue en debate, pero as probas (como cans enterrados con persoas en tumbas) suxiren que xa se domesticaron no Oriente Próximo no 12.000 a.C. Non obstante, segundo o académico Frank Hole, a confirmación da domesticación completa só data de 5.500 a.C., conforme ás evidencias osteolóxicas (o estudo dos ósos) que mostran desgaste e lesións consistentes cos papeis domésticos. Ao redor do 5.500 a.C., os cans eran o suficientemente importantes para o pobo como para merecer unha representación en cerámica, como sinala Hole:
Hai uns 8.000 anos, nunha época na que as imaxes naturalistas de calquera tipo eran raras en cerámica, pintábanse cans en barcos de Tepe Sabz (en Deh Luran) e Chogha Mish (en Khuzistan), dúas pequenas vilas agrícolas no suroeste de Irán. (175-176)
Estas primeiras imaxes parecen da raza Saluki (tamén coñecida como o galgo persa). Este motivo repetiríase máis tarde a unha escala moito maior na cidade de Susa (fundada en 4395 a.C.), como Hole tamén menciona:
Tras a representación de cans nas primeiras cuncas de Tepe Sabz e Chogha Mish, houbo unha sucesión de estilos cerámicos rexionais durante os seguintes 1.500 anos que culminaron no estilo Susa-A. (176)
As imaxes dos cans estaban pintadas no interior das cuncas, o que suxire que estas cerámicas se empregaban para decoración, non para uso diario. Hole observa como a delicadeza das imaxes suxire que foron feitas para ser admiradas, non cubertas con comida. Como xa dixemos, o Saluki é a raza que se representa con máis frecuencia, pero sábese que os persas tiveron outras razas, tales como:
- Galgo afgán
- Alabai (Pastor de Asia Central)
- Mastín persa
- Can Pshdar (mastín kurdo)
O historiador romano Claudio Eliano (máis coñecido como Eliano, 175 - 235), cuxo traballo De Natura Animalium («Sobre a natureza dos animais») dedica un espazo significativo aos cans, afirma que os persas tiveron catro tipos principais: elimeos, hircanios, carmanios e medianos, que se corresponden, máis ou menos, coas razas mencionadas anteriormente. Eliano toma estas observacións da obra anterior de Plinio o Vello (23-79 d.C.), quen tamén fai mención a cans notables na historia persa e grega e á devoción que mostraban con frecuencia aos seus amos.
Os cans en mitos e lendas
A lealdade do can e o seu papel como protector e gardián aparece bastante nos mitos relativos á súa orixe. A colección de tradicións zoroastrianas coñecida como o Bundahisn afirma que todos os animais foron creados a partir do seme purificado de Gavaevodata (xeralmente chamado o Touro Primordial), cuxa morte lles dá vida. O can creouse para protexer aos seres humanos e o Bundahisn (13.18) enumera dez tipos con só tres: o can pastor, o can gardián e o can de rabaño, considerados cans de verdade.
O can tamén se asocia á criatura mitolóxica Simurgh, o gran e benevolente paxaro da sabedoría, que se representa como un pavo real con cabeza de can e garras de león, e a miúdo coñéceselle como o «paxaro can». Dise que o Simurgh adquiriu a súa sabedoría de séculos a través dunha longa vida de 1.700 anos (segundo algunhas versións do mito), despois do cal morre en chamas e renace como o Fénix. O Simurgh é un protector e axudante, famoso por asistir no nacemento do heroe persa Rustum. A fidelidade que Simurgh mostra a aqueles polos que sente apego reflicte a devoción do can, ao igual que os seus aspectos protectores.
Esta calidade central (de protector) é o foco principal das versións islámicas sobre a creación do can e o seu propósito, todas escritas despois do século VII. Nunha delas, despois de que Adán e Eva sexan expulsados do Xardín, Iblis (Satanás) anima aos animais salvaxes a atacalos e matalos. Iblis provoca ás bestas con tanta paixón que lle sae cuspe da boca. Entón, Allah transforma as pingas en cans (un macho e unha femia) e coloca o macho como protector de Adán e a femia para protexer a Eva. Destácase o papel central do can como protector, pero o mito serve tamén para explicar a inimizade entre o can e os animais salvaxes, en especial co lobo.
Os cans na relixión
Un relato relacionado, tamén da literatura posterior á conquista, conta que Allah lle envía a Adán un bastón máxico para que se protexa contra Iblis e os animais salvaxes. Adán, que non entende o papel do can, pégalle con el. Entón, Allah corríxelle o erro e dille que debe acariñar o can. A medida que Adán o fai, o can vaise domesticando e, de aí en diante, serve como o seu amigo e protector. Este tema, sen dúbida, foi suxerido pola natureza do can e o uso que lle daban os humanos, pero o can como protector ten unha longa historia no sistema de crenzas relixiosas persas, onde o xeito de tratar un can xogaba un papel crítico na calidade de vida despois da morte.
A importancia dos cans defínese na Vendidad, onde se describen como benévolos, limpos, protectores e dignos de respecto e protección humana. Un aspecto importante do ritual funerario persa era o sagdid («ollada do can») no que se metía un can, preferiblemente un con «catro ollos» (unha mancha enriba de cada ollo) na sala onde se atopaba o recén falecido. O propósito era dobre: o can sería capaz de saber se a persoa estaba morta de verdade (e, así, os rituais funerarios poderían continuar) e asustaría a calquera espírito maligno que roldase o corpo.
O sagdid promulgábase tres veces antes de que os rituais puidesen continuar, pero, se o can parecía reticente calquera desas veces, o rito tíñase que repetir seis veces máis. Se o can mostraba algunha dúbida ao entrar na sala algunha destas veces, entón tiña que ir de novo outras nove veces máis. Supostamente, o can reaccionaba ante a presenza de espíritos malignos moi poderosos sobre os que as súas enerxías como gardián e protector necesitaban máis tempo para traballar. O sagdid só remataba cando o can entraba en presenza do cadáver voluntariamente e sen retroceder. Entón podíase continuar co resto de rituais.
Despois da morte, a alma viaxaría á ponte de Chinvat, a cal atravesaba o abismo entre o mundo dos vivos e as terras dos mortos. Dous cans vixiaban a ponte e, cando alguén se dispuxese a cruzar, estes acollerían aos xustos, pero non aos condenados. A ponte ampliaríase para as almas virtuosas e estreitaríase para aqueles que levaran vidas malignas.
As almas xustificadas continuarían ata o paraíso da Casa da Canción; as almas malignas irían ao inferno da Casa das Mentiras, onde as atormentarían e experimentarían unha soidade devastadora. Non importaba cantas outras almas estivesen ao seu redor, sempre se sentirían soas.
Un importante determinante á hora de decidir a onde iría a alma era como trataran aos cans durante a súa vida. As persoas debían coidar dos cans como coidarían aos membros da súa propia familia e, do mesmo xeito que un non faría dano nin mataría de maneira intencionada a un ser querido, tampouco llo debería facer a un can. Ademais, a xente só quere o mellor para a familia, así que o mesmo debería ser para o animal. Pensábase que a alma do can era un terzo de animal salvaxe, un terzo de humano e un terzo de ser divino, polo que esixía o mesmo nivel de respecto que se amosaría a estes tres tipos de enerxías.
Os cans na vida cotiá
Debíanse coidar as cadelas preñadas, mesmo as vagabundas, e buscarlles un bo fogar aos seus cachorros. A Vendidad 13 aclara que se golpeará a todo aquel que ferise de xeito intencionado a un can. Tamén que aos cans se lles debe servir unha comida da mesma calidade que a do amo da casa. Darlle a un can alimentos demasiado duros que puidesen lastimarlle os dentes considerábase unha ofensa tan grave como ferílos intencionadamente. Ademais, os alimentos non deberían estar nin demasiado quentes nin demasiado fríos. Estableceuse que se debían gardar tres cachos da comida diaria de cada un como agasallo para o can, a maiores de calquera outra cousa que comera durante o día.
Debíanse coidar os cans enfermos con tanta dilixencia como aos que eran sans e produtivos. Un can rabioso debía calmarse e curarse da súa loucura. A un que perdera o seu sentido do olfacto, guiaríaselle con un colar e correa, para que non se desviase do camiño nin sufrise danos, ao ser incapaz de detectar depredadores ou outros perigos. A Vendidad 13.6.39 establece que a xente ha de coidar dos cans feridos, non só porque é o correcto, senón tamén como mostra de agradecemento por todo o que o can fixo por eles. A pasaxe cita á deidade suprema Ahura Mazda, que afirma:
Fixen o can forte de corpo contra o malfeitor e san e vixiante sobre os teus bens. E calquera que desperte ca súa voz, nin o ladrón nin o lobo levarán nada da súa casa sen que se dea conta; ao lobo farao anacos; vaise, derrétese como a neve. (13.6.39-40)
O can era un agasallo de Ahura Mazda para os humanos, polo que a deidade esperaba que o coidasen ben. Pensábase que insultar a un can traía unha reprimenda divina, posto que a persoa se estaba a posicionar por riba do can sen ningunha boa razón. Pois os cans non insultaban aos humanos e, a pesar de todo o ben que proporcionaban, permaneceron sempre humildes. Un dos castigos por ferir a un can intencionadamente era ser golpeado con ata «setenta raias». Se alguén lastimaba por accidente ao can gardián, de rabaño ou de caza doutra persoa, tería que pagar polo tratamento. Ademais, terían que indemnizar ao propietario se o can non puidese desempeñar as súas funcións por mor da lesión.
O can de caza, o can gardián e o can pastor son os que se mencionan con máis frecuencia, e estes semellan ter sido os Saluki e afgáns (cazadores), Pshdar e mastín Sarabi (gardiáns) e Alabai (cans pastores, aínda que tamén gardiáns). Estes cans axudaban a conseguir comida para os seus amos, protexían esa comida e o fogar das ameazas e vixiaban os rabaños nos campos. Ademais, o can protexía ao amo e aos demais membros da familia. Era sinónimo de saúde e curación, o que o convertía nun aspecto de vital importancia na vida cotiá dos persas, aínda que non tivese un papel tan destacado nos rituais mortuorios nin na visión da outra vida.
Conclusión
Despois da conquista árabe musulmá do século VII, declararon os cans impuros (aínda que se mencionan de forma positiva no Corán) nun esforzo por denigrar un importante elemento da cultura persa. Pénsase que esta declaración foi por motivos políticos, para agrandar aos conquistadores a custa dos conquistados, e que non tiña nada que ver, en realidade, coa crenza relixiosa. De feito, unha das pasaxes máis famosas do Corán representa ao can como o fiel protector dos xustos Sete Dormentes da Cova, que entenden correctamente a verdade da revelación divina (Sura 18: 9-26). Noutras pasaxes e lugares, preséntase dunha maneira semellante.
Dise que, orixinalmente, Mahoma pediu sacrificio masivo de cans, pero, despois, suavizou a súa postura tras reflexionar sobre os seus aspectos beneficiosos. Entón, limitou a pena de morte só aos cans negros (asociados co mal) e aos que tiñan «catro ollos». O can de catro ollos, como xa dixemos, era un dos máis importantes na visión persa da vida despois da morte, así como no ritual do sagdid. Polo tanto, todo isto foi un claro intento de minar a cultura persa para substituíla pola visión dos conquistadores.
Co tempo, os árabes musulmáns adoptaron os valores persas (dinastías enteiras, de feito, serían persas) e a arte, a arquitectura e outros aspectos da cultura acabaron asociándose co sistema de crenzas musulmás árabes. Este mesmo paradigma aplícase ao can, aínda que en menor medida, debido á obriga relixiosa musulmá de rezar cinco veces ao día e ter que estar limpo (nun sentido ritual) para poder facelo. A presenza dun can, considerado un animal impuro, requiriría que un se purificase antes da oración.
Aínda así, na actualidade, musulmáns de todo o mundo teñen cans. Ademais, as prohibición gobernamentais contra a posesión de cans, como as de Irán, xa non son tan duras como no pasado e permiten ter un can de gardián, pastor ou de caza segundo a decisión de Mahoma. Son os mesmos tipos de cans que os propios persas valoraban hai miles de anos. Con todo, o goberno iraniano inicia cada certo tempo medidas contra os cans na vía pública e sobre a propiedade de cans en xeral (en teoría, nun esforzo por evitar que os iranianos imiten os valores culturais occidentais). Deste xeito, ignora a longa herdanza cultural do pobo persa como mellor amigo do can.
