Roma subterránea

Celebra o noso aniversario con preguntas de cultura xeral!

Únete a nós o 23 de agosto nunha festa de preguntas virtual e gratuíta con preguntas sobre civilizacións antigas, historia dos Estados Unidos, feitos históricos inusuais, cultura pop e moito máis.

$0 / $5000
Irene Fanizza
por , traducido por Eva Bruzos Bruyel
publicado en
Translations 4
bookmark_addbookmark_addedGarda o artigo printImprimir picture_as_pdfPDF

A arqueoloxía subterránea é un nicho temático sumamente especializado. Estamos a falar de estruturas sinxelas que se atopan baixo terra, coma as do norte de África romano (capaces de resistir a calor), pero tamén do caso extremo máis complexo e suxestivo dos palimpsestos arqueolóxicos subterráneos, que se dan sobre todo en contextos urbanos.

Se sinalamos calquera capital europea, pensamos inmediatamente nas catacumbas e nas tumbas; con todo, no mundo arqueolóxico do subterráneo hai moito máis que meras obras funerarias.

Eliminar anuncios
Publicidade

O exemplo extremo que mellor ilustra o que quero dicir é a cidade de Roma, cuxa estratificación urbana ten de media uns 10‑12 metros de grosor correspondentes a 2.500 anos de historia. Esta estratificación esténdese por case toda a capital dentro das murallas Aurelianas e acada unhas profundidades aínda maiores nas escavacións que se realizaron durante a construción do metro.

Se facemos un esforzo, lembramos os sitios subterráneos máis coñecidos, coma a cripta de Balbo, a Domus Aurea, os sotos do Coliseo ou —non hai que esquecerse— a tumba dos Escipións. Lembramos a típica ducia de sitios, pero todo o demais resulta practicamente descoñecido.

Eliminar anuncios
Publicidade
Colosseum Floor (Hypogea)
Chan do Coliseo (hipoxeo) Irene Fanizza (Public Domain)

A que se debe este descoñecemento? O primeiro problema, que crea un efecto dominó, é que a entidade xestora destes sitios non é única, senón que depende, por unha banda, da localización do xacemento; e, pola outra, de se o xestiona o concello, o Ministerio de Cultura ou o Vaticano, o que depende á súa vez do que estes sitios teñan enriba na actualidade. Edificios da administración pública? Edificios municipais? Igrexas vaticanas? Con este punto de partida, podemos comprender por que non existe un corpus (ou toda unha literatura científica) que trate exclusivamente da Roma subterránea. Hai libros, pero non son académicos e só falan dalgúns dos sitios máis importantes ou clasifican as cavidades en función das cavidades máis coñecidas. Pouca resposta académica, pouco coñecemento e pouco interese.

Está claro cal é o problema principal: a falta dunha literatura específica e duns termos inequívocos que faciliten a busca dos xacementos escavado nas bases de datos. Isto é así porque a escavación e a interpretación tanto dos sitios subterráneos coma dos subaéreos (ou de superficie) son as mesmas; con todo, ao estar baixo terra, os sitios subterráneos posúen unhas características únicas, totalmente diferentes das que teñen os do exterior. Por exemplo, os sitios subaéreos (sobre todo en Italia) están constantemente a mercé das inclemencias meteorolóxicas, as derrubas e os vándalos, pero non só iso: nas escavacións subaéreas vemos a miúdo un único marco temporal, que podería estar contaminado polas estruturas anteriores ou as posteriores (segundo o caso). En cambio, a característica fundamental das escavacións subterráneas (sobre todo das de Roma) é que ese marco temporal está aberto. Os palimpsestos arqueolóxicos amósannos as distintas fases da estratificación urbana; por iso, non os clasificamos en función do uso primario para o que se concibiron (sería imposible facelo en cada sitio que conteña varios edificios e estruturas), senón do seu estado particular de conservación, o que tamén determina o acceso. Para ser máis precisos: non comparamos o pasado, senón o presente.

Eliminar anuncios
Publicidade

Se só houbese uns cantos sitios, de pouco valería crear un departamento para a Roma subterránea; non obstante, posto que entre as murallas interiores e as exteriores hai uns cen espazos subterráneos, entendemos que cómpre saber máis.

Pero como procedemos? Partindo de cero á falta dunha literatura específica e de acceso a unha bibliografía especializada? É coma buscar unha agulla nun palleiro tendo en conta a cidade arqueolóxica que é Roma. Cando houbo que reunir os primeiros datos bibliográficos, pensouse nas revistas científicas como táboa de salvación, coa esperanza de que houbese ao menos 30 artigos sobre a Roma subterránea (só por saber por onde empezar).

Na revista de arqueoloxía Forma Urbis, que se edita en Roma e trata sobre todo de Roma, escriben unicamente académicos e profesores de universidades italianas e estranxeiras. Do seu arquivo de 15 anos (equivalente a uns 160 meses de material publicado), case un centenar de artigos versaban sobre os distintos sitios da Roma subterránea. Dada a inxente cantidade de material científico publicado nesta revista, decidiuse que, nun primeiro momento, o proxecto só se basearía nos xacementos situados dentro das murallas Aurelianas. Seleccionáronse 64 artigos académicos (correspondentes a outros tantos sitios) que, a diferenza dalgúns libros, non se centraban nun atractivo arqueolóxico ben coñecido, senón que tiñan en conta todo o palimpsesto arqueolóxico visible.

Eliminar anuncios
Publicidade

Unha vez determinado o número de partida, o seguinte paso foi achar a literatura científica de cada sitio (para o que houbo que atopar primeiro todos os nomes dos sitios nas revistas), a fin de vincularlles o seu órgano administrativo, accesibilidade, horarios de apertura e grao de interese segundo as asociacións culturais e turísticas (non as académicas).

Canda esta busca bibliográfica, realizáronse inspeccións presenciais para constatar o estado xeral dos sitios abertos ao público e para ver como se lles amosan os atractivos arqueolóxicos aos desinteresados turistas. En vista do traballo de campo e dos traballos parciais, resulta que falar dos xacementos subterráneos (non só dos de Roma) é máis complicado do que cabería esperar. Isto é así porque os seus termos e actividades non están suxeitos á práctica arqueolóxica, senón ao estudo da espeleoloxía (que ata o de agora pertence ao eido da xeoloxía, non da arqueoloxía).

Vexamos por que.

En xeoloxía, cando estudamos os fósiles, o primeiro que facemos ante dous achados é buscar as similitudes entre eles, usando unhas analoxías que nos permiten comprender o seu estadio evolutivo, e identificamos as especies e calquera mutación que se dese ao longo do tempo. Facemos igual cos achados máis recentes, desde as cerámicas aos propios xacementos, cando comparamos a composición da planificación ou estratexia.

Eliminar anuncios
Publicidade

Todo o que facemos en arqueoloxía é identificar o que a xeoloxía denomina «fósiles guía» debido á distribución e á abundancia con que se atopan polo mundo, o que nos permite non só datar os distintos estratos xeolóxicos, senón tamén enmarcar temporalmente outros fósiles na primeira data descoñecida ata o momento. En concreto, este é o caso cando, dentro dun nivel estratigráfico, o fósil descoñecido aparece canda o fósil guía.

Achar, identificar e datar. Aínda que a arqueoloxía e a xeoloxía aplican o mesmo método de traballo a uns contextos temporais relativamente distintos, por suposto que sabemos como e cando estas dúas disciplinas se atopan. Danse situacións a medio camiño entre as dúas ciencias, coma o feito de que compartan e lles sexan útiles disciplinas fundamentais coma a estratigrafía, a pedoloxía, a identificación de rochas, o estudo da composición dos afloramentos rochosos locais e mais a espeleoloxía. En vista dos exemplos anteriores, podemos dicir que a xeoloxía adoita estar máis a miúdo ao servizo da arqueoloxía. De feito, sería máis correcto dicir que a xeoloxía é unha parte integrante dos métodos modernos de escavación arqueolóxica. Podería non quedar claro como campos coma a pedoloxía e a estratigrafía resultan útiles nunha escavación arqueolóxica, pero a espeleoloxía?

A espeleoloxía é o método científico axeitado e seguro que se practica en xeoloxía para explorar as cavidades subterráneas, a fin de comprender a xénese e a natureza das cavidades naturais —cuxo unitermo adoita ser «hipoxeo» (do latín hypogeum)—. Lembremos que seguimos dentro do eido da xeoloxía e que, entre os posibles hipoxeos naturais, temos o carst, as covas orixinadas pola actividade volcánica, as covas naturais subacuáticas, etc.

Eliminar anuncios
Publicidade

En arqueoloxía, gústanos usar o mesmo método de exploración das cavidades subterráneas que usan os xeólogos, pero a exploración non se limita ás cavidades naturais, por suposto. De aquí a distorsión dos últimos anos. Como a cavidade subterránea arqueolóxica se denomina igual ca a xeolóxica («hipoxeo» sen máis), tentamos clasificar en cada caso o suposto subterráneo arqueolóxico en función do uso para o que se concibiu (mitreos, ninfeos, almacéns, lugares de culto, obras públicas, etc.).

Está claro que non existe en arqueoloxía un equivalente exacto ao hipoxeo xeolóxico, pero hai cavidades que levan sendo subterráneas moito tempo. Con todo, se seguimos a orde natural do que nos ensina a xeoloxía, por extensión podemos dicir que «hipoxeo» é o que nace baixo terra e fica baixo terra. A mesma definición pódeselles aplicar ás cavidades artificiais xeolóxicas, onde o hipoxeo é o sitio arqueolóxico que estaba baixo a superficie no momento da súa construción e seguiu baixo terra ata hoxe (a diferenza do que sería, se non, un subterráneo desenterrado); deste xeito, non están só as catacumbas, senón tamén os columbarios, as tumbas, os mitreos, algúns ninfeos, os túneles, os acuedutos, os sumidoiros e todas as zonas de servizo coma as cisternas, os sotos e algunhas bodegas. Todo o demais non son hipoxeos, senón que están na categoría de simples «estruturas arqueolóxicas subterráneas».

De aquí o longo debate sobre a reutilización dos edificios preexistentes. Para comprender a relación entre as distintas capas, vexamos, por exemplo, a basílica de San Clemente: nos niveis máis profundos, practicouse unha sala subterránea (hipoxeo visitable) que se usou de ninfeo na zona estival dunha vivenda oficial romana; despois, esta sala soterrada converteuse nun mitreo que, coa subseguinte construción do título cardinalicio de San Clemente lindando coa casa, se clausurou de xeito definitivo. O título construíuse a carón da vivenda, sobre o segundo piso dun almacén (pertencente á ceca de Xuno Moneta) que estaba xunto á vivenda (agora visible). Pero aquí non remata a cousa: o título tamén tiña unha catacumba (hipoxeo non visitable), que se creou a unha altura intermedia e que hoxe corta parte do almacén e parte da vivenda; con todo, como sabemos que as catacumbas son subterráneas, na estratigrafía vemos dous hipoxeos en dous fases temporais distintas, así como os restos da vivenda, do almacén e do título, que hoxe son estruturas subterráneas.

Eliminar anuncios
Publicidade

Mais veñámonos arriba, que non todos os xacementos son tan complicados. San Clemente é o máis complexo de por si; en cambio, o Coliseo é o máis sinxelo porque se atopa nunha cota cero tras o incendio de Nerón, polo que os corredores, os colectores e os dous pisos que están baixo a cávea non cortan nada e son o exemplo máis sinxelo dun hipoxeo arqueolóxico.

Crypta Balbi
Cripta de Balbo Irene Fanizza (Public Domain)

Agora que xa tiñamos o número e as condicións de uso dos xacementos, o último que nos restaba por facer era estandarizar cada un dos seus nomes para facilitar a investigación bibliográfica; para elo, localizouse a voz correspondente a cada sitio no Lexicon topographicum urbis Romae («Dicionario topográfico da cidade de Roma»), de Steinby, ao que remite toda a bibliografía.

Con todos estes datos, creouse un mapa que amosa con precisión estes espazos subterráneos de Roma publicados na revista Forma Urbis. A cada punto sinalado no mapa asignóuselle o nome en latín co que aparece no Lexicon, ademais de información adicional coma a regio (antiga división —«rexión»— da cidade de Roma) e a demarcación administrativa.

Pero por que só se ían divertir os arqueólogos? Case todos os sitios subterráneos —pouca xente o sabe— están abertos ao público, o que aparece indicado na web, ademais de se dispón de horarios especiais de apertura e do grao de interese (só para turistas).

Eliminar anuncios
Publicidade

Este traballo —como xa dixemos— está incompleto, pero é unha base sobre a que traballar, que empregou á súa vez a revista como estratexia de partida. O proxecto estase a supervisar constantemente e actualízase cada vez que se identifica un novo xacemento; mesmo antes de sinalalo no mapa, ocupámonos de localizar a bibliografía completa, aínda que non se mencione no Lexicon.

Roma difundiu canons por todo o imperio durante séculos, pero ningún deles se lle aplicou xamais á cidade de Roma, cuxo movemento e axitación son evidentes entre o foro romano e o outeiro Palatino; con todo, onde se ve realmente este movemento urbano é no subsolo. Non hai nada máis fermosos que pasear por séculos de historia empregando unicamente unha escaleira de man.

Eliminar anuncios
Publicidade

Bibliografía

Sobre o tradutor

Citar esta obra

Estilo APA

Fanizza, I. (2026, August 05). Roma subterránea. (E. B. Bruyel, Tradutor). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-435/roma-subterranea/

Estilo Chicago

Fanizza, Irene. "Roma subterránea." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, August 05, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-435/roma-subterranea/.

Estilo MLA

Fanizza, Irene. "Roma subterránea." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, 05 Aug 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-435/roma-subterranea/.

Eliminar anuncios