Entrevista: A verdadeira valquiria e a historia oculta das guerreiras viquingas, segundo Nancy Marie Brown

Kelly Macquire
de , traducido por Eva Bruzos Bruyel
Publicado o
Translations 2
bookmark_addbookmark_addedGardar artigo printImprimir picture_as_pdfPDF

Nesta entrevista, a Enciclopedia da Historia Mundo conta coa presenza da escritora estadounidense Nancy Marie Brown, que nos vai falar do seu novo libro, The Real Valkyrie: The Hidden History of Viking Warrior Women (literalmente, «A verdadeira valquiria: a historia oculta das guerreiras viquingas»). Atoparedes a entrevista completa en inglés no noso canal de YouTube.

The Real Valkyrie: The Hidden History of Viking Warrior Women
Un libro sobre a verdadeira valquiria e a historia oculta das guerreiras viquingas Nancy Marie Brown (Copyright)

Kelly (Enciclopedia da Historia do Mundo): Podes dicirnos sobre que trata o teu libro The Real Valkyrie?

Nancy Marie Brown (escritora e autora do libro): En The Real Valkyrie, uso dúas clases de fontes moi distintas. Recorro aos textos medievais e á arqueoloxía moderna para tentar de recrear a vida e a época dun guerreiro da era viquinga. E resulta que ese guerreiro é unha muller. Cando comecei a escribir este libro hai uns seis anos, pensei que ía ser un libro sobre ósos. Estaba moi interesada no que os arqueólogos nos poden contar sobre os ósos da era viquinga que están a desenterrar con todas esas novas técnicas que empregan. Pois ben, descubrín medio polas malas que ía ser un libro sobre o nesgo. Así que levei bastante sorpresa.

Quitar anuncios
Anuncio
O ENTERRAMENTO NO QUE DECIDÍN CENTRARME COÑÉCESE DESDE HAI UNS 100 ANOS COMO «O ENTERRAMENTO DO MEIRANDE GUERREIRO VIQUINGO».

O enterramento no que decidín centrarme coñécese desde hai uns 100 anos como «o enterramento do meirande guerreiro viquingo». O seu nome técnico é «Bj581», onde «Bj» vén de Birka, unha cidade viquinga dunha illa de Suecia. E esta tumba era unha das 1.100 que se desenterraron en Birka a finais do século XIX. Desenterrouse en 1878 e é do tipo denominado «tumba de cámara», coma unha casiña baixo terra. O guerreiro estaba sentado nesta casa, pode que sobre unha sela. Había dous cabalos con bridas, así coma practicamente todas as armas coñecidas na era viquinga. Había unha espada, un tipo de coitelo longo chamado scramasax, unhas frechas, probablemente un arco (pero que desapareceu), un machado, dous escudos e dúas lanzas. Logo, no regazo do guerreiro había un conxunto completo de pezas do que se coñece máis ou menos como «o xadrez viquingo»: o xogo de mesa hnefatafl. Ademais, esta tumba estaba nun promontorio xusto a carón da fortaleza de Birka, xusto en liña coa casa dos Guerreiros, e tiña unha pedra enorme sinalando a súa localización.

Por todas estas cousas (os cabalos, as armas, as pezas do xogo e a localización), todo o mundo conveu en que se trataba do enterramento dun importante xefe militar viquingo que tivo algo que ver coa protección da cidade de Birka. Logo, no 2017 un grupo grande de investigadores de Suecia, de Estocolmo, publicou os resultados das probas de ADN, así coma doutras varias, dos ósos desta tumba Bj581 e demostrouse que eran os ósos dunha muller. Así que o noso meirande guerreiro viquingo é unha muller. A pregunta que acabei respondendo en The Real Valkyrie é: «Que aspecto ten o mundo viquingo se abandonamos o concepto ese de traballo masculino fronte a traballo feminino e se só nos fixamos en como sería se as funcións se asignasen segundo distintas calidades, como a ambición, a pericia, os lazos familiares e a riqueza?». Ese é o cadro da era viquinga que tento expoñer en The Real Valkyrie.

Quitar anuncios
Anuncio

Kelly: Fascinante! No teu libro, combinas as probas arqueolóxicas cun relato de ficción. Que te levou a querer facer algo así?

Nancy: Apetecíame moito darlles vida a estes ósos. Quería sacar a esta muller das sombras. Quería que os lectores tivesen unha imaxe de como podería ser a súa vida. Se ves un documental na actualidade, decataraste de que moitas veces unha metade son entrevistas con expertos; e a outra metade, actores recreando algunha batalla ou viaxe famosos, ou cousas así, vestidos con roupa de época, ás veces con diálogo e ás veces non. E pensei que eu podería facer o mesmo nun libro.

Quitar anuncios
Anuncio
Viking Grave, Birka, Sweden
Tumba viquinga, Birka, Suecia Hjalmar Stolpe (Public Domain)

Para facelo o máis realista e crible posible, tiña que comezar polo esqueleto da arqueoloxía e, logo, darlle corpo. Había unha moeda na tumba, o que é moi útil para datala; pero, segundo esta moeda, podería ser calquera momento entre o 913 e o 980. Iso é case todo o século X. A posición da tumba fai pensar que tiña certa conexión coa casa dos Guerreiros, que cremos que se incendiou arredor do 965. Foi durante unha escavación arqueolóxica recente en Birka cando se desenterrou a casa dos Guerreiros e cando se estableceu esta cronoloxía. O 965 é a mellor suposición. Se os ósos e os dentes da muller nos din que tiña entre 30 e 40 anos cando morreu, probablemente naceu arredor do 930.

Tamén se nota, grazas á análise química dos ósos e os dentes, que comeu ben durante toda a súa vida. No século X, era raro que alguén non pasase fame nalgún momento. Así que debeu de pertencer a unha familia rica. Mesmo puido pertencer a unha familia real. Ademais, era moi alta para unha muller da súa época, cos seus arredor de 1,7 metros (5,7 pés). Sabemos que era grandona e probablemente forte: unha muller alta e ben alimentada. Tamén sabemos que non era natural de Birka, que proviña doutro sitio, porque isto é algo que se pode pescudar analizando as substancias químicas dos seus dentes.

As súas armas tamén teñen algo que contarnos. Estas armas non estaban alí para impresionar. Non son armas de adorno en honor de algo. Estas armas servían para matar. Algunhas delas, así coma algunhas das súas pezas de roupa, están relacionadas coa ruta oriental dos varegos, que era unha ruta comercial que atravesaba Rusia e Ucraína cara ao Imperio bizantino e a Ruta da Seda. Así que iso é todo o que me pode contar a arqueoloxía. Logo, fixeime na historia da era viquinga. Vale, que máis estaba a acontecer entre o 930 e o 970? O que sabemos desa época provén sobre todo de relatos que se puxeron por escrito centos de anos despois, algúns da man de Snorri Sturluson, en Islandia, ou de Saxo Gramático, en Dinamarca; temos anais en Irlanda, a Primeira crónica eslava (ou Crónica de Néstor) e moito máis.

Quitar anuncios
Anuncio
Prose Edda
A «Edda prosaica» Unknown (Public Domain)

Eu buscaba en particular historias que acontecesen durante a vida dela e atopei moitas referencias a mulleres poderosas: as guerreiras da era viquinga. Isto é o que empreguei cando comecei a escribir as partes de ficción. Decidín que empezaría cada capítulo cunha escena de ficción histórica e que, logo, volvería atrás para explicar coidadosamente as miñas fontes porque, para min, é moi importante que os lectores poidan distinguir que son feitos e que ficción. Unha cousiña que si que fixen só para que me resultase máis sinxelo escribir os relatos foi poñerlle un nome. Outros esqueletos teñen nomes: están Lucy, a australopiteco, e Ötzi, o home dos xeos. Pois ben, eu chameille «Hervor».

Kelly: Volvamos a Snorri Sturluson; podes falarnos un chisco del?

Nancy: Escribín unha biografía súa no 2012. Chámase The Song of the Vikings (literalmente, «A canción dos viquingos») e chegueino a coñecer bastante ben, a verdade. Hai unha cousa que sempre pensamos en relación cos escritores modernos: que non poden ser grandes escritores se non son grandes persoas. Pero iso non se lle pode aplicar á xente da era viquinga nin da Idade Media. Snorri era bastante lamentable como persoa. Se te fixas en como trataba as súas esposas, amantes e fillas e na relación espantosa que tiña coa súa nai, era o típico misóxino; pero tamén un grande escritor. Hai que saber querelo e odialo ao mesmo tempo porque, sen Snorri, non teriamos nunca a mitoloxía nórdica. Quero dicir, foi practicamente el quen salvou a mitoloxía nórdica. Tamén incluíu algo de mitoloxía na súa obra Heimskringla, que é unha colección de 16 sagas sobre os reis de Noruega. A historia presente nestas sagas non a coñecemos por ningunha outra fonte. Se el non escribise estes libros, faltaríanos moita da información que temos sobre a era viquinga.

Kelly: Só temos que separar a súa vida persoal da súa vida profesional. Incluíu valquirias ou guerreiras nalgunha das súas obras?

Quitar anuncios
Anuncio

Nancy: Non fala case nada de mulleres, pero a algunhas delas non as podía descartar nin da historia nin dos mitos. Por exemplo, Freyja, que non só era a deusa do amor e a fertilidade, senón tamén unha deusa da guerra. Levaba a metade dos mortos e ía á guerra montada nun carro do que tiraba un gato grande. Estaba Skadi, que é a deusa do inverno e do esquí, aínda que o único que conta Snorri sobre ela é que vai vingar a morte do seu pai. Pon a armadura, colle as súas armas e marcha decidida cara ao salón dos deuses, no Valhalla, onde di: «Tedes unha débeda comigo porque matastes o meu pai». E todos teñen medo de loitar contra ela. Ofrécenlle todo tipo de compensacións para non ter que pelexar con ela.

Un dos relatos que Snorri si que inclúe na Edda prosaica é o mito nórdico da creación. Ese é o que a min me parece interesante de verdade porque amosa sen ambaxes a diferenza entre a visión cristiá das mulleres e a visión viquinga. No relato cristián da creación, temos a Deus, que crea a Adán á súa imaxe e semellanza; e logo, como Adán se sente só, Deus quítalle unha costela e crea a Eva, para que sexa a súa compañeira e serventa. As mulleres son un engadido e están aí só para coidar dos homes. Pois ben, a cousa non funciona así no antigo mundo nórdico.

TODOS, HOMES E MULLERES, ERAN ÚTILES TANTO EN TEMPOS DE PAZ COMA DE GUERRA; E TODOS ERAN NECESARIOS PARA A SOCIEDADE.

No vello mito nórdico, temos tres deuses que van paseando pola praia e que atopan dúas árbores que arrastrara a marea: un freixo e un olmo. Tállanos con forma humana e dótanos de sangue, folgos e unhas mentes curiosas. Fan isto á vez; e o freixo convértese no home, Ask, e o olmo na muller, Embla. Créanos os mesmos deuses, ao mesmo tempo e a partir do mesmo material. Se te fixas nun e noutro, para que usaban os viquingos o freixo e para que o olmo? Pois ben, empregaban o freixo para os remos e os hastís das lanzas, mentres que o olmo para as rodas dos carros e os arcos de caza. Todos, homes e mulleres, eran útiles tanto en tempos de paz coma de guerra; e todos eran necesarios para a sociedade. Gústame pensar que isto nos dá unha visión clara de como era a vida na era viquinga: que eran distintos, pero que non estaban suxeitos a certas funcións por mor do seu sexo.

Quitar anuncios
Anuncio

Kelly: Sacas a relucir bastante cedo no teu libro que, no mundo contemporáneo, temos a idea de que as viquingas nin loitaban nin eran guerreiras. Que as enterraban con chaves e que ficaban na casa. Pero logo temos estas sagas que nos din que non é certo. De onde vén esta concepción? Por que pensamos agora así?

Nancy: O verdadeiro problema é que tanto a arqueoloxía coma os estudos viquingos comezaron na época vitoriana, no século XIX, cando ás mulleres, sobre todo ás da elite, se lles dicía que do que tiñan que preocuparse era dos fillos, a igrexa e a cociña. Todas as persoas implicadas na elaboración da versión da era viquinga que segue a aparecer nos libros de texto tiñan a concepción esta de que as mulleres ricas e adiñeiradas, as que comen ben toda a súa vida, ficaban na casa. Buscaban ao seu arredor a imaxe da perfecta ama de casa viquinga; e examinaron con moita atención as sagas, as leis e os poemas. Podemos atopar tres exemplos de mulleres que levan chaves no cinto, pero a máis famosa delas non é en realidade unha muller, senón Thor, o deus do trono, disfrazado. Esta imaxe de Thor vestido de noiva e co chaveiro no cinto converteuse en boa medida na imaxe da perfecta ama de casa viquinga. O problema que ten isto é que hai uns tres exemplos de mulleres con chaves na literatura, pero eu atopei uns vinte de mulleres con armas nos relatos e nas sagas.

Thor Disguised as Freyja
Thor disfrazado de Freyja Haukurth (Public Domain)

Agora que temos as probas de ADN da tumba Bj581, sabemos que non todos os guerreiros eran homes. Non é necesariamente unha cuestión de sexo. Son o tamaño, a forza, a pericia e a ambición o que decide se vas ser unha ama de casa ou unha guerreira. No libro, deixo clara esta distinción porque inclúo a raíña Gunnhild a Nai de Reis (que coñecemos pola obra de Snorri Heimskringla), que é pequeniña e guapa e que ten unha morea de fillos. Malia estar embarazada case todo o tempo que temos coñecemento dela, é unha raíña que crea estratexias para a máquina de guerra viquinga e que empurra o seu marido e os seus fillos varóns á batalla. Púxena como a que ensina de panos, de tecer e tinguir e de cousas así.

Quitar anuncios
Anuncio

Kelly: Engadiches estas mulleres reais que nos son coñecidas ao relato de ficción de Hervor. Hai bastantes, procedentes dos distintos lugares polos que pode que viaxase Hervor. Podes falarnos un chisco das mulleres que incluíches na túa narración? Había algunha que quixeses incorporar, pero é que non encaixaba na cronoloxía ou nos desprazamentos de Hervor?

Nancy: A raíña Gunnhild a Nai de Reis, quero dicir, ela soa merece o libro enteiro. Foi unha personaxe extraordinaria que aparece en once das sagas islandesas e que se menciona en varias historias. Sempre é a mala. Quero dicir, os homes que escribiron sobre ela nos séculos XIII e posteriores de verdade que aborrecían a idea de que esta muller tan miúda puidese gobernar Noruega. Un deles deixa claro que os anos nos que ela gobernou xunto aos seus fillos varóns se denominaron «a época de Gunnhild». Todo xiraba arredor dela. Estaba considerada unha meiga porque se supoñía que coñecía todas as pocións máxicas e os velenos. No libro, mata a moita xente envelenándoa. Tamén hai indicios de que pode que fose en realidade unha arqueira. Snorri menciona unha escena moi interesante: a batalla final na que morre o rei Haakon de Noruega. Gunnhild e os seus fillos varóns están no campo de batalla; ao rei alcánzao unha frecha e morre; e entón xorde a pregunta de quen disparou a frecha. Snorri conta algo así coma que, a dicir de moitos, un criado de Gunnhild correu entre a multitude dicindo: «Abride paso ao matarreis», e que foi ese mozo quen disparou a frecha. Pero logo Snorri engade que ninguén sabe realmente quen o fixo. Gunnhild é unha personaxe que a xente ten que coñecer.

A segunda figura histórica que coñece Hervor é unha xefa viquinga á que lle chaman «a Rapaza Roxa». Aparece nunha historia irlandesa cuxo título en inglés é The War of the Irish with the Foreigners (literalmente, «A guerra dos irlandeses contra os estranxeiros»); e está identificada nunha lista con outras 15 líderes viquingas que fustrigaron a cidade de Munster a mediados do século X. Así que fago que Hervor a coñeza en Dublín e que vaia loitar canda ela durante un tempo. Logo, a última persoa real que sae no libro é a raíña Olga de Kiev, cuxa historia se narra na Primeira crónica eslava. Considerouse durante moito tempo que era unha figura mítica e lendaria, así coma que era imposible que puidese facer as cousas que aparecen na crónica, como idear a estratexia para vingar a morte do seu marido ou dirixir un exército que destrúe unha cidade. Pero logo, hai pouco, os arqueólogos que estiveron a escavar esa mesma cidade descubriron que se incendiou máis ou menos na época en que ela estaba ao mando. Están a atopar cada vez máis probas de que si que existiu en realidade, de que estivo ao mando e de que foi, en certo modo, una raíña guerreira.

Aprende de nena a historia da raíña Åsa de Vestfold porque vive na mesma zona onde está enterrada esta raíña, a cal sempre estivo asociada a ese túmulo xigante onde se descubriu o barco de Oseberg. E no barco de Oseberg hai enterradas dúas mulleres. A verdade é que é o enterramento viquingo máis complexo de cantos puidemos atopar ou escavar xamais. Non só é o barco máis fermoso que hai, con todos eses baixorrelevos que ten tallados, senón que alí están esas dúas mulleres, ás que enterraron uns 100 anos antes de que vivise Hervor.

Quitar anuncios
Anuncio
Oseberg Viking Ship
Barco viquingo de Oseberg Vassia Atanassova - Spiritia (CC BY-SA)

Tamén está a valquiria Brunilda. Este relato contouse unha e outra vez en infinidade de versións. Todo xira arredor do triángulo amoroso entre Brunilda a Valquiria, Sigfrido o Matadragóns e Gudrun, a muller coa que casa este; pero as versións máis antigas tratan máis sobre que Brunilda é unha guerreira que non quere casar á que obrigan a facelo. Todo o ton do relato cambia co paso do tempo, desde cando o desexo dela é seguir na banda de guerreiros, loitando xunto aos reis e ensanguentando a súa espada; e o seu deber, casar, ter fillos e perpetuar a estirpe. No libro, xogo un chisquiño con esta historia porque, obviamente, Hervor quere seguir sendo guerreira e non casar. Eses son algúns dos tipos de relatos que conto e de persoas que poderedes coñecer.

Kelly: Consegues encaixar unha morea de cousas, o que me parece xenial porque hai moito máis que a típica clase de viquingos que nos ofrece a cultura popular de masas. Como mencionaches antes, moita xente vai estar máis familiarizada cos viquingos, xustamente por Marvel e o seu Thor e o seu Loki; e mesmo pola serie de televisión Vikings (Vikingos na dobraxe española), do History Channel. Que tal se lles dá retratar as mulleres nesta serie? Dirías que fixeron un bo traballo?

Nancy: Lograron que me fixese máis ou menos fan, diría que xa desde o primeiro episodio. Esperaba que non me gustase, sabes?, porque ás veces me custa ata ler unha novela ambientada na era viquinga: como sei demasiado, non paro de atopar cousiñas que están mal que me acaban botando da historia. O primeiro episodio da serie de televisión Vikings empeza cun ataque viquingo que é todo un clixé, sabes? Uns homes grandóns e peludos con espadas que encallan as súas barcas na praia e que corren por unha vila ben bonitiña matando a xente e prendendo lume ás casas; e a cámara que enfoca unha muller loura e os seus fermosos fillos pequenos. É Lagertha, á que interpreta Katheryn Winnick; pois vai e saca un atizador do lume e dálles unha boa malleira a dous homes, o que é unha escena de loita abraiante. Obviamente, ela está ben adestrada en artes marciais e eles non.

Katheryn Winnick as Lagertha
Katheryn Winnick no papel de Lagertha Bernard Walsh (Copyright, fair use)

Cando comecei a me documentar para este libro e estaba lendo a Saxo Gramático, dei de fociños con Lagertha e resulta que se asemella moito a como a encarna Katheryn Winnick nos viquingos do History Channel. Quero dicir, Saxo a define como unha loitadora habilidosa que combatía á vangarda dos máis valentes guerreiros. Saxo é exactamente igual de misóxino ca Snorri, pero non pode contar algúns dos relatos sobre a era viquinga excluíndo estas guerreiras.

Kelly: Por que cres que nos seguen a fascinar tanto os viquingos hoxe en día?

Nancy: Pois, sabes que?, falamos moito de que Snorri Sturluson era un misóxino e un noxo de persoa; pero penso que é precisamente grazas a el e aos relatos que puxeron por escrito tanto el coma outras persoas ás que el inspirou ou mesmo formou. Dixen antes, e volverei dicilo, que é o meirande escritor da Idade Media. Encargouse de poñer por escrito case todo o que sabemos da mitoloxía nórdica e de preservar centos de versos da poesía viquinga.

Nancy Marie Brown
Nancy Marie Brown Nancy Marie Brown (Copyright)

Diría que o segundo factor polo que nos seguen a apaixonar os viquingos son os seus fermosos barcos: os barcos viquingos que se desenterraron da arxila azul do sur de Noruega e que se rescataron dos portos daneses. Malia ser uns barcos preciosos, non significarían moito para nós se non tivésemos os relatos que os acompañan. Se non soubésemos polas sagas onde viaxaban os viquingos nos seus barcos e o perigoso e o emocionante que era. Para iso, hai que ter as sagas, polo que volvo ás sagas como a razón principal de por que nos seguen a apaixonar os viquingos. Snorri era un narrador excelente: escribe estes relatos con tanto ritmo, humor e suspense e cuns personaxes tan magníficos que non queres parar de ler.

Quitar anuncios
Anuncio

Kelly: Moitísimas grazas por me acompañar hoxe. Foi xenial.

Nancy: Moitas grazas, Kelly.

Quitar anuncios
Anuncio

Sobre o tradutor/a

Sobre o/a autor/a

Cita este traballo

Estilo APA

Macquire, K. (2026, October 26). Entrevista: A verdadeira valquiria e a historia oculta das guerreiras viquingas, segundo Nancy Marie Brown. (E. B. Bruyel, Tradutor/a). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1829/entrevista-a-verdadeira-valquiria-e-a-historia-ocu/

Estilo Chicago

Macquire, Kelly. "Entrevista: A verdadeira valquiria e a historia oculta das guerreiras viquingas, segundo Nancy Marie Brown." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, October 26, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1829/entrevista-a-verdadeira-valquiria-e-a-historia-ocu/.

Estilo MLA

Macquire, Kelly. "Entrevista: A verdadeira valquiria e a historia oculta das guerreiras viquingas, segundo Nancy Marie Brown." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, 26 Oct 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1829/entrevista-a-verdadeira-valquiria-e-a-historia-ocu/.

Quitar anuncios