A illa de Skye, en Escocia, é unha terra de mitos, lendas e remuíños de brétema que transporta de inmediato o visitante a outra época. Cunha historia que se remonta ao Neolítico, Skye foi o escenario de moitos sucesos relevantes, pero o primeiro que se me vén á cabeza cando penso nela é o lugar que ocupa nas lendas escocesas.
Un mes de abril, a miña dona, Betsy, a miña filla, Emily, e mais eu viaxamos de Edimburgo a Inverness para pasar alí uns días e achegarnos a Skye na fin de semana. Despois de visitar o castelo de Eilean Donan, cruzamos a ponte de Skye, onde nos aloxariamos no hotel Eilean Iarmain, na punta da península de Sleat (á que chaman «o xardín de Skye»), na parte sur da illa. O hotel non ficaba lonxe das cidades das Terras Altas que acababamos de deixar atrás, pero semellaba illado delas polas febras de tempo e brétema que se enroscaban con parsimonia.
Desde a ponte e ao son de The Skye boat song («A canción do barco a Skye», que quizais coñezas pola serie de televisión Outlander), baixamos serpeando por unha estrada estreita que, a través de breixeiras silvestres e outeiros rochosos, internounos nun val sementado de penas, con ovellas ao lonxe. Despois de pasar por unha antiga ponte de pedra, chegamos a Eilean Iarmain, unha aldea que ten edificios encalados do século XIX cos tellados de lousa e que se atopa empolicada a carón do mar no mesmísimo confín do mundo. Aquí tiñan todo o necesario: unha galería de arte; unha destilería e unha tenda de whiskies; un pub cunha comida excelente e unhas pintas marabillosas; unha tendiña de roupa; e o porto de Ornsay, deitado apraciblemente baixo a protección das montañas.
As Clearances
O hotel da aldea, unha antiga pousada, data de 1888. Por estas datas, Skye xa perdera boa parte da súa poboación a raíz das Clearances (termo en inglés para «os desprazamentos forzoso de persoas») das Terras Altas escocesas. Así se denomina o proceso histórico que se puxo en marcha cando os terratenentes decidiron expulsar os seus arrendatarios (coñecidos como crofters, «minifundistas») das terras que traballaran durante xeracións para converter os campos de cultivo en pastos para as ovellas. Todo isto coa intención de gañar aínda máis cartos. Ante a crecente demanda de la e de carne de ovino, os terratenentes decatáranse de que poderían obter pingües beneficios se pasaban a investir os seus recursos na cría de ovellas, no canto das actividades agrícolas tradicionais das Terras Altas. Esta práctica veulles moi ben aos terratenentes, pero non así aos arrendatarios. Calcúlase que uns 20.000 minifundistas abandonaron Skye só no ano 1775.
As Clearances volvéronse máis intensas e xeneralizadas tras a derrota xacobita a mans das forzas británicas (non só inglesas) na batalla de Culloden, preto de Inverness, en 1746. Ao contrario da crenza popular, o Goberno británico non estableceu as Clearances como castigo polo alzamento xacobita: esta práctica, que levaba vixente case 50 anos antes de Culloden, instituírona os terratenentes escoceses para maximizar os beneficios e minimizar os custos.
Despois de Culloden, iso si, os británicos servíronse das Clearances para tentar destruír a cultura das Terras Altas que apoiara a rebelión do príncipe Carlos Eduardo Estuardo (coñecido popularmente en inglés como Bonnie Prince Charlie). Non obstante, o relato tan manido de que xurdiron como unha política punitiva é un mito. As Clearances continuaron de xeito intermitente ata a aprobación da Lei do Minifundismo (Crofter's Holding Act) de 1886, que ilegalizaba que se puidese botar os minifundistas dos seus predios (coñecidos como crofts, «minifundios»). Con todo, a estas alturas non só marcharan da illa a maioría dos minifundistas (porque os expulsaran ou por iniciativa propia), senón que a cría de ovellas e o turismo se converteran nos piares da economía de Skye, debido a que a xente que necesitaba desconectar da vida urbana se sentía atraída polas súas marabillas naturais e a súa abraiante paisaxe.
Brétemas e pantasmas
Eilean Iarmain construíuse pouco despois da aprobación desta lei, coa intención de acoller os turistas que cruzaban desde a terra firme para escapar da vida moderna. O hotel actual conserva esa mesma razón de ser en todos os sentidos, o que se reflicte na súa decoración interior cómoda e acolledora, as súas cadeiras moles, os seus paneis de madeira escura e a súa iluminación dourada coma de velas.
En canto nos rexistramos, Betsy quixo saír a investigar os restos dunha pequena embarcación aproveitando a marea baixa e, mentres camiñaba, semellaba que a néboa a ía engulindo pouco a pouco. Isto tería sido un tanto inquietante se a Skye non a chamasen «a illa da brétema»: moitas veces dá a impresión de que as persoas e os obxectos existen e se extinguen coma unha luz que tremeloce. Despois de todo, Skye é o escenario de varios acontecementos místicos que lle poderían soar a ficción a un visitante, pero que, para os veciños, son parte da súa historia. Entre eles está o conto da princesa das fadas que casou cun xefe do clan MacLeod, pero co que só puido ficar un ano e un día antes de regresar á súa terra esvaecéndose na brétema. Deixou tras de si a bandeira das fadas, da que se cre que salvou os MacLeod de varios desastres ao longo da historia.
É doado imaxinarse a princesa das fadas afastándose camiñando entre a brétema, ata se perder noutro mundo. Estas brétemas silenciosas empezan a planar cara ao anoitecer e transforman o panorama. Aquí, coma por toda Escocia, pódeste atopar coas ruínas perdidas dunha vella casa de labranza, dunha igrexa ou dun castelo. Aquí, coma noutros lugares das Terras Altas, hai aldeas enteiras que quedaron completamente abandonadas durante as Clearances, pero, en Skye, as brétemas levántanas do chan, ata que semellan flotar no aire ou mesmo esvaecerse diante dos ollos.
Desde o noso hotel, estrada abaixo, están as ruínas do castelo de Knock, do século XV, que nós visitamos no serán. O castelo está abandonado e os seus muros derrubados, que emerxen dun afloramento rochoso nun outeiro, dan a unha cala. Cómpre un pouco de esforzo para chegar ata el camiñando desde o aparcadoiro da destilería Torabhaig. Dise que o castelo de Knock está encantado e que o rolda un espírito doméstico coñecido como «a dama verde do clan MacDonald» (os que construíron a fortaleza), así como un espírito da terra que, no seu día, velou polo gando e os campos do clan. Ao nos achegar por primeira vez ao castelo flotando na brétema, non me custou crer en calquera dos dous.
O castelo de Knock á luz do solpor, coa súa silueta recortada contra a auga, semella unha escena propia do ciclo artúrico. Non obstante, como está totalmente en ruínas, hai que andar cos ollos ben abertos se se visita. Un sitio próximo moito máis seguro é o castelo de Armadale, do que quedan unhas ruínas abraiantes do século XIX. Foi a última residencia do clan MacLeod e aquí casou Flora MacDonald, famosa por rescatar o príncipe Carlos Eduardo Estuardo tras a batalla de Culloden. O castelo forma parte do conxunto monumental Castelo, Xardíns e Museo das Illas de Armadale, que tamén ofrece ao público aloxamento, un centro de congresos, unha cafetería excelente situada nas antigas cortes dos cabalos e un museo fascinante.
Xa só polo castelo de Armadale paga a pena visitar Skye. A casa señorial do século XIX érguese en ruínas a carón do mar, mentres que as súas altas fiestras asómanse baleiras a un interior de árbores tortas, cunha vexetación en expansión. Unha plaquiña no exterior das ruínas amosa o gran salón (que é onde se atoparía un) en todo o seu esplendor antes de que o edificio se incendiase e quedase abandonado. Non se pode entrar no castelo, pero tanto ten: dentro non hai nada interesante que non se vexa facilmente polos ocos das portas e das fiestras.
Un amplo céspede dun verde intenso esténdese desde a fachada do castelo ata a costa. As gaivotas lánzanse en picado e camiñan sacando peito coma funámbulos pola beira, mentres as barcas avanzan lentamente cara a mar aberto. Ao lonxe, a terra firme semella planar no aire envolta en néboa, coma se fose un espellismo. Cambio de escena: pódese volver camiñando aos xardíns por detrás do castelo e subir o outeiro ata o museo, para facer outro tipo de viaxe ao pasado totalmente distinto, pero tamén marabilloso.
Os MacDonald seguen vinculados ao lugar, aínda que, coma a calquera dos clans das Terras Altas, custoulles moito conservar as súas terras patruciales durante todo o período das Clearances. Con todo, como os escoceses son unha xente que se sabe sobrepoñer á adversidade, moitos descendentes dos que saíran ao mar cara a América do Norte, Nova Zelanda e tantos outros destinos regresaron co tempo. Algúns deles viven hoxe nas terras dos seus antepasados ou preto delas.
O hotel Sligachan e a ponte das fadas
Á mañá seguinte, viaxamos cara ao norte en dirección ao castelo de Dunvegan, un atractivo turístico moi popular que é, ademais, a casa patrucial do clan MacLeod, inimigos seculares dos MacDonald. Fai falla un par de días para visitar Skye, aínda que, loxicamente, cantos máis mellor. Hai tantas cousas que ver (e en tantas paga a pena deterse por longo en cada un dos seus recunchos) que un podería pasar un mes enteiro nesta fermosa illa e non chegar a gozar todo o seu catálogo de experiencias.
De camiño a Dunvegan, paramos na localidade de Sligachan para ver a cordilleira das Cuillin Negras e visitar a Cuillin Brewery, a fábrica de cervexa do hotel Sligachan. Entre as súas moitas cervexas selectas están a Red Cuillin (vermella) e a Black Cuillin (negra), chamadas así en honor das dúas cordilleiras veciñas. Excelentes ambas, saboréanse mellor a temperatura ambiente ou algo fresquiñas. A fábrica de cervexa atópase no hotel Sligachan, cuxo pequeno bar bistrot Mackenzie's serve almorzos, xantares e ceas. No menú hai opcións vexetarianas e veganas (unha hamburguesa de faláfel ou un chili sen carne), así como todo o que un carnívoro podería pedir, coma solombo ou hamburguesas. O seu café é delicioso. Convén deixar un oco para a sobremesa porque a carta inclúe pudin de tofe, torta de queixo e crocante de mazá, todo saborosísimo. O bar Seumas', tamén no hotel, ofrece comida británica máis tradicional (a típica de pub) e ten máis de 400 whiskies de malte distintos, aínda que non é moi aconsellable probalos todos dunha sentada.
Preto do hotel está a ponte vella de Sligachan, que, á parte de bonita, é un exemplo perfecto de por que hai que coñecer a historia e a mitoloxía de Skye (e de Escocia en xeral) antes de visitar a illa: esta construción tamén se coñece como «a ponte das fadas» porque as augas que pasan por debaixo son o fogar da «xente miúda», ou sexa, das fadas. Tanto as augas coma os seus habitantes místicos teñen un papel na lenda do grande heroe escocés Cú Chulainn e da súa batalla contra a bruxa guerreira Scáthach.
Hai varias versións do conto, pero, nunha delas, Cú Chulainn chega a Skye para poñer a proba as súas habilidades contra a invencible Scáthach. Os dous empezan a loitar e a batalla prolóngase durante todo o día; mentres, a illa enteira trema. A filla de Scáthach, consciente da forza e da habilidade de Cú Chulainn, foxe, cae ao chan e rompe a chorar porque teme pola vida da súa nai. Cando as fadas senten as súas bágoas e oen os seus choros, tranquilízana e dinlle que lave a cara na auga, pero sen facer preguntas. En canto a lava, comprende o que ten que facer para deter a batalla.
Volve ás présas ao castelo de Dunscaith, a súa casa, e bota na cheminea as herbas e os froitos secos que fora recollendo. Despois, atiza o lume para que o fume chegue sucando o ceo ata os dous guerreiros, aínda enfrascados no combate. Ao ulir o doce recendo das herbas e os froitos secos, ambos se dan de conta de que non comeran nada e de que están cansos por tanto esforzo. Seguen o ronsel do recendo ata o castelo, onde a filla de Cú Chulainn preparou un gran festín. Cú Chulainn acepta quedar a comer baixo o teito de Scáthach, polo que se converte no seu convidado. Deste xeito, de acordo coas leis da hospitalidade, ningún dos dous poder tomar as armas contra o outro. Unha vez remata a comida, Cú Chulainn convértese en alumno de Scáthach, o que, na maioría das versións, foi o motivo orixinal polo que veu a Skye.
Segundo conta a lenda, as fadas aínda viven nas augas que pasan baixo a ponte e concédenlle o don da eterna beleza a calquera que siga ao pé da letra estas regras sinxelas: primeiro, deitarse na beira do regato e mergullar a cara na auga (non se pode levar a auga á faciana nin salpicala coas mans: hai que meter a faciana na auga); segundo, manter a cara mergullada durante sete segundos enteiros (pode que pareza pouco tempo, pero é que a auga está xeada); e, terceiro, unha vez pasados os sete segundos, deixar que a cara seque ao aire (un pode levantarse, pero non usar trapos nin toallas). Deseguido, a persoa terá concedida a eterna beleza.
Eu non fixen o ritual nin tampouco Emily, pero Betsy si. Non podo dicir se funcionou ou non porque, para min, ela xa era eternamente bela antes da nosa visita ao regato das fadas e seguiumo parecendo despois.
O castelo de Dunvengan
Di a lenda que hai un ministro ao que lle dá por se aparecer nas estradas de Sligachan ao volante dun coche pantasma, un Austin Healy de 1934. Non os vimos nin a el nin o seu vehículo, pero quizais só sexa porque non sae a pasear no coche ata despois do solpor. Marchamos de Sligachan e conducimos unha media hora en dirección á costa e ao castelo de Dunvegan, que está considerado o castelo máis antigo do norte de Escocia que leva habitado ininterrompidamente. Os nórdicos foron os primeiro en ocupar a zona, onde construíron unha cidadela que o clan MacLeod ampliou arredor do 1266. Coas sucesivas xeracións, as terras e os edificios seguiron medrando e desenvolvéndose. Aínda que o castelo actual data en conxunto do século XVIII, algunhas partes son, loxicamente, máis antigas.
Tanto o castelo coma os xardíns están abertos ao público e, a verdade, habería que se conceder un día enteiro para gozar con calma de todo o que hai, aínda que nós non puidemos permitirnos ese luxo. Malia que na visita autoguiada ao castelo xa se ve todo tipo de obxectos extraordinarios, asegúrate de parar na vitrina da bandeira das fadas, cuxo nome en inglés é Fairy Flag. Oínlles dicir a uns que a bandeira non era para tanto, un comentario que atopei moi pouco intelixente. Se ben non podo asegurar con rotundidade que existan as fadas, prefiro pecar de cauto e non facer que se enfaden insultando a súa bandeira. Outro obxecto interesante é a copa de Dunvegan, un vaso de madeira con adornos de prata que, segundo a lenda, tamén foi un regalo das fadas. Tampouco recomendo insultar esa peza.
Os xardíns son espectaculares, pero dixéronnos que aínda o eran máis en verán. Os visitantes deambulan por sendeiros labirínticos, cruzan pontes de pedra e pasan fervenzas, sempre en compañía do castelo e da recendente brisa do mar. Preto do aparcadoiro hai unha cafetería moi concorrida onde podes pedir pratos de culler, sándwichs, café e toda clase de aperitivos. Algunhas persoas estaban a facer pícnic sentadas nos bancos dos xardíns. Semellaba divertido, mais, como iamos outra vez escasos de tempo e aínda tiñamos que conducir cara ao sur, emprendemos a nosa viaxe de regreso.
Conclusión
Ao día seguinte, visitamos o xa mencionado castelo de Armadale, así como as ruínas do castelo de Dunscaith, que son igual de abraiantes. Se coñeces a historia de Cú Chulainn e Scáthach, visitar Dunscaith é como internarse nun mito. Historicamente, construíron o castelo os MacLeod no século XIII, aínda que o tomaron despois os MacDonald no transcurso das interminables guerras entre os dous clans. O castelo quedou abandonado no século XVII. Hoxe as súas ruínas, que se proxectan impoñentes sobre un afloramento rochoso, son unhas das máis pintorescas de Skye. Non sorprende que o lugar dese orixe ao conto da bruxa guerreira Scáthach ou calquera dos outros mitos relacionados con el. O castelo son unhas ruínas abandonadas a mercé dos elementos e carece dunha exposición de obxectos de museo; aínda así, ten cousas abondas para experimentar e sentir, por non falar das vistas espectaculares das cordilleiras das Cuillin desde a orela de en fronte.
Máis tarde, tras investigar un chisco máis, volvemos ao noso hotel a relaxarnos. É doado entender por que un sente esa necesidade imperiosa de volver a Skye. O rumor das ondas, o recendo do mar e as tonalidades dos outeiros que se erguen ao lonxe (que van do verde ao amarelo e do marrón ao gris) confírenlle á illa unha beleza brava e etérea. No serán dese mesmo día, mentres estabamos sentados na terraza do bar Am Pràban do hotel Eileen Iarmain coas gaivotas circunvoando e grallando sobre as nosas testas, comezaron a soar unha guitarra e un violín ao outro lado da fiestra do pub cando alguén se puxo a cantar.
Viñéronme á mente imaxes do pasado, sobre todo das familias forzadas a marchar de aquí e das persoas que xamais regresaron aos seus fogares. É case coma se os puideses ver a todos diante de ti subindo ás barcas do portiño; entón, o vento semella cambiar, a visión disípase… e ti volves estar no presente, oíndo un home cantar mentres a melodía do violín se eleva por riba do ritmo vivaz da guitarra.
As brétemas desprázanse lentamente polo porto e van cubrindo cun veo os outeiros de en fronte; despois, vanse achegando para collerte da man e invitarte a lembrar as xentes do pasado nunha especie de celebración… De súpeto, a música que proviña das luminosas fiestras do pub soou máis forte e eu decidín ir buscar a Betsy e a Emily, para crear algunha lembranza máis da illa da brétema brindando cunha pinta e cantando unha canción.
