Mulleres na Primeira Guerra Mundial

Cambios nas funcións e nos dereitos femininos
Mark Cartwright
de , traducido por Eva Bruzos Bruyel
Publicado o
Translations 5
bookmark_addbookmark_addedGardar artigo printImprimir picture_as_pdfPDF

Durante a Primeira Guerra Mundial, os Gobernos pretenderon despregar os maiores exércitos posibles, para o que chamaron á fronte de batalla a millóns de varóns, co que o papel das mulleres na sociedade se ampliou enormemente. As mulleres traballaron de enfermeiras e como persoal sanitario; desempeñaron labores de apoio nas forzas armadas; e substituíron os homes tanto nas fábricas coma nos servizos públicos. Aínda que a maioría das novas liberdades se volveu restrinxir tras a guerra, nunha cousa progresouse definitivamente e é que as mulleres conseguiron votar por primeira vez en varios países, entre os que cabes destacar Rusia, Alemaña, os Estados Unidos e Gran Bretaña.

Women Munitions Workers, WWI
Traballadoras dunha fábrica de municións, Primeira Guerra Mundial Imperial War Museums (CC BY-NC-SA)

As mulleres na fronte

Durante a Primeira Guerra Mundial, Rusia foi a excepción á hora de autorizar que as mulleres se alistasen nas forzas de combate do Exército. É famoso o caso de María «Yashka» Bochkareva (1889‑1920), que lle solicitou ao tsar permiso para facelo. «Bochkareva foi un éxito rutilante… Catro veces a feriron e tres a condecoraron… Prendérona e escapou; ascendeu a cabo e despois a sarxento» (Shukman, 308). Cando o Goberno provisional tomou o poder tras a abdicación do tsar en marzo de 1917, a Bochkareva asignáronlle a tarefa de formar o Primeiro Batallón Feminino da Morte. A idea principal era que este batallón de 300 mulleres tan ben instruídas e disciplinadas (todas coa cabeza rapada) deixase en evidencia os soldados varóns, que se quererían volver máis disciplinados, e que movese a máis homes a se alistar nas forzas armadas. O batallón de Bochkareva inflixiulle unha dura derrota a unha hoste alemá na fronte sudoccidental en xullo, unha vitoria que supuxo a captura de 2.000 prisioneiros. Creáronse outros batallóns de mulleres no verán de 1917, incluído un destacamento naval.

Quitar anuncios
Anuncio
AS SANITARIAS NON SÓ COIDABAN OS ENFERMOS E OS FERIDOS, SENÓN QUE DESEMPEÑABAN OUTRAS MOITAS TAREFAS NECESARIAS, COMA CONDUCIR AMBULANCIAS.

En Gran Bretaña, as mulleres que querían axudar na mesmísima fronte de batalla non se podían alistar coma combatentes nas forzas armadas, pero a finais de 1916 formouse o Corpo Auxiliar Feminino do Exército (Women's Army Auxiliary Corps, WAAC), rebautizado máis adiante como o Corpo Auxiliar do Exército da Raíña María (Queen Mary's Army Auxiliary Corps, QMAAC). Aínda que o WAAC actuaba na fronte interna, empezou a enviar as súas mulleres a Francia en 1917, para que desempeñasen labores coma o de preparar e servir a comida e a bebida dos soldados. Ao ano seguinte, creouse o Servizo Feminino da Mariña Real (Women's Royal Naval Service, WRNS) e, en 1918, a Real Forza Aérea Feminina (Women's Royal Air Force, WRAF). Estas tres organizacións femininas tiñan máis de 100.000 membros xa en 1918, pero as súas mulleres non portaban armas: a súa misión era máis ben de apoio (como cando conducían vehículos ou realizaban traballos de oficina, cátering ou mantemento), para que os homes, liberados destas tarefas, puidesen unirse ás tropas de combate.

O máis habitual en xeral era que as mulleres traballasen de enfermeiras asalariadas totalmente formadas ou como persoal sanitario voluntario nos hospitais que estaban detrás (malia que a miúdo moi preto) da primeira liña de batalla. Máis de 17.000 enfermeiras británicas serviron en hospitais de campaña na fronte occidental. Daisy Spickett, que foi unha destas enfermeiras, explícanos por que se alistou como sanitaria:

Quitar anuncios
Anuncio

Sempre tiven en mente que quería ser enfermeira e, en canto oín que falaban de montar hospitais da Cruz Vermella, empecei a indagar. Tamén souben da posibilidade de que o Ministerio de Guerra necesitase voluntarios para os hospitais militares e decidín que iso era o que quería eu. Pareceume que era a única esperanza que tiña de me meter no miolo de todo isto, ir ao estranxeiro e facer o que houbese que facer, así que a idea do exército me atraeu: estar no Exército. Como me pareceu que iso era o que eu quería por riba de todo, así foi como me inscribín nos hospitais militares e conseguín o meu posto en xullo de 1915.

(Museo Imperial da Guerra)

British Nurses & Ambulance, WWI
Enfermeiras británicas cunha ambulancia, Primeira Guerra Mundial Imperial War Museums (CC BY-NC-SA)

As sanitarias non só coidaban os enfermos e os feridos, senón que desempeñaban outras moitas tarefas necesarias, coma conducir ambulancias ou traballar de mecánicas ou oficinistas.

As mulleres nas fábricas

Como os Exércitos estaban a recrutar os traballadores varóns, en Gran Bretaña, Francia, os Estados Unidos e Alemaña, entre outros países, contrataron ás mulleres para substituílos nas fábricas. As normas sociais cambiaran porque, de súpeto, as mulleres encaixaban en funcións que antes só se consideraban axeitadas para os homes. As mulleres xa traballaban nas fábricas antes da guerra; con todo, a expectativa de que estas traballadoras deixasen os seus postos cando casasen ou a idea preconcibida de que o traballo feminino valía menos ca o masculino (polo que estaba peor pagado) empezou a se cuestionar durante a Primeira Guerra Mundial, ao menos en canto ás mulleres da clase obreira. Aínda así, «cuestionar» non é o mesmo ca «cambiar», xa que a maioría dos empresarios seguiron obstinados en considerar como traballadoras temporais as mulleres, cuxa presenza mesma no cadro de persoal se adoitaba ver como unha necesidade de guerra.

Quitar anuncios
Anuncio

A maioría da xente estaba segura de que, cando á fin chegase a paz, as traballadoras volverían aos seus sectores laborais tradicionais e ao fogar familiar. Non obstante, puxéranse en marcha uns sutís cambios culturais que, se ben non tiñan forza abonda para provocar un cambio permanente no mundo inmediatamente posterior á guerra, si que sentaron as bases para os avances que se darían nas oportunidades das mulleres en décadas futuras. Por exemplo, en canto ás mulleres das fábricas británicas, animáronas a practicar deporte tanto por saúde coma para garantir que seguisen sendo traballadoras eficientes. En consecuencia, creáronse os primeiros equipos e ligas de fútbol feminino. A estes partidos adoitaban asistir moitos espectadores. En resumo, os homes (e os sindicatos, de predominio masculino, en particular) xa non podían argumentar de xeito convincente que as mulleres non sabían desempeñar certos traballos e funcións, cando era evidente que os estiveran a exercer con excelentes resultados durante os moitos anos da guerra.

Sen dúbida, as mulleres axudaron a gañar a guerra e, no caso dos perdedores, a prolongala. En todos os países belixerantes, houbo unha demanda insaciable de traballadores nas fábricas de municións, cuxos postos de traballo adoitaban estar mellor pagados ca noutras industrias. En Francia, 75.000 mulleres traballaban nas fábricas de municións en 1915 e, para 1918, un terzo dos obreiros destas fábricas eran mulleres. En Gran Bretaña, 520.000 mulleres traballaban nas industrias da metalurxia e da enxeñería en 1916, máis do dobre ca en 1914. Para 1918, Gran Bretaña contaba con máis de 7,3 millóns de mulleres como man de obra e o 90 % dos obreiros das fábricas de municións eran mulleres. Na Rusia de 1917, as mulleres constituían arredor do 43 % da man de obra industrial. Aquí, a maioría dos novos empregos femininos eran manuais ou agrícolas e só houbo un pequeno incremento das mulleres nas profesións de oficina.

Woman Working in a WWI Ammunitions Factory
Muller traballando nunha fábrica de municións durante a Primeira Guerra Mundial George P. Lewis (CC BY-NC-SA)

En Alemaña, animaron a que as mulleres traballasen nas fábricas desde os primeiros estadios da guerra. A campaña para promover a man de obra feminina dirixiuna Gertrud Bäumer (1873‑1974), unha veterana activista pola mellora dos dereitos e as oportunidades das mulleres. O número de mulleres que traballaban na industria química alemá ascendeu de 26.749 en 1913 a 208.877 en 1918. Houbo un incremento semellante nas industrias mecánica e armamentística.

Quitar anuncios
Anuncio

As novas oportunidades non carecían de riscos. O traballo nas fábricas adoitaba ser perigoso. Non só era perigoso manexar as máquinas, senón que as avarías podían provocar lesións cando saían voando fragmentos da maquinaria. Todos os accidentes sucedían con demasiada frecuencia por culpa da fatiga, xa que os traballadores, incluídas as mulleres, tiñan que aturar a miúdo quendas de doce horas. Despois, estaba a exposición aos materiais tóxicos, sobre todo durante o proceso de fabricación de municións e armas. Caroline Rennles, que traballou nunha fábrica de TNT en Kent, Inglaterra, descríbenos os efectos dos materiais tóxicos no aspecto dos traballadores:

Pois claro que tiñamos todos a faciana amarelísima, ¿sabes?, porque non tiñamos máscaras de gas daquela… E tiñamos todos a faciana tan amarela que nos chamaban «canarios»… Claro que nós, toda a nosa roupa, ou sexa, non podiamos levar, ou sexa, roupa boa porque o po se che coaba na roupa, ¿sabes o que che quero dicir?

(Museo Imperial da Guerra)

Outra traballadora, Laura Verity, descríbenos as condicións da fábrica na que traballaba:

Ben, estaba mal da gorxa, ¿sabes?, e o doutor, non sei que era, dixo que era algunha clase de envelenamento… E logo, ¿sabes?, usaban moito amianto en Bray's. Agora que o penso, a miña irmá díxome que é un milagre que ela e mais eu esteamos vivas con todo ese amianto porque todas estas boquillas e tal estaban feitas de amianto, ¿non?, e poñíancho nos chans e ti vías as túas pegadas nesa cousa. Dábache que pensar, ¿sabes?, e estabamos a traballar con esa cousa.

(Museo Imperial da Guerra)

As condicións de traballo nas fábricas de Europa Occidental nunca foros as ideais, pero en Rusia eran aínda peores. Os salarios das mulleres eran moi baixos comparados cos dos homes e as condicións das vivendas, a miúdo pouco máis ca uns rudimentarios barracóns, miserables. Con frecuencia, encarceraban ou mandaban ao exilio a quen facía campaña pola mellora dos dereito das mulleres. Italia tiña unhas condicións de traballo igual de precarias e as súas autoridades, coma noutros países, autorizaban o traballo infantil nas industrias clave.

As mulleres nos servizos públicos

A escaseza xeral de varóns na fronte interna xerou novas oportunidades de traballo para as mulleres fóra das fábricas, como foi o caso da agricultura e de servizos públicos coma as ambulancias ou, en Gran Bretaña, a Policía. As mulleres da Policía empezaron como membros das patrullas femininas (Women's Patrols), creadas para garantir que as obreiras das fábricas se comportaban como era debido tanto no traballo coma nos albergues onde se adoitaban aloxar. O papel das mulleres policías evolucionou ata acabar incluíndo o patrullamento de lugares públicos coma os parques e as estacións de tren. O transporte foi un sector onde moitas mulleres atoparon traballo. Houbo condutoras e revisoras de autobuses, vendedoras de billetes, porteiras e limpadoras. En Gran Bretaña, o número de mulleres que traballaban no ferrocarril creceu de 9.000 a 50.000 no transcurso da guerra; no conxunto do sector do transporte, o número de traballadoras creceu de 18.000 a 117.000.

Quitar anuncios
Anuncio

Outra organización feminina británica importante foi a Reserva de Mulleres Voluntarias (Women's Volunteer Reserve, WVR), que se fundara en 1914 como o Corpo Feminino de Emerxencia (Women's Emergency Corps, WEC). As voluntarias, que adoptaban rangos e uniformes de estilo militar, axudaban a xestionar os comedores públicos; asistían nos servizos hospitalarios; e organizaban actividades para recadar fondos para a beneficencia e o esforzo bélico. Algúns destes corpos de reservistas tamén facían a instrución, participaban en marchas e aprendían a disparar fusís. Ao principio, a reserva atraía sobre todo a mulleres de clase media e alta, pero axiña se afiliaron mulleres de todas as clases.

Women Police Officers, WWI
Mulleres policías, Primeira Guerra Mundial Imperial War Museums (CC BY-NC-SA)

O Exército Feminino da Terra (Women's Land Army, WLA) creouse en Gran Bretaña en 1917. Esta organización pretendía cubrir o baleiro de traballadores agrícolas que deixaran os homes ao alistarse nas forzas armadas. Ás mulleres do WLA chamábanlles cariñosamente «as rapazas da terra». Para 1918, 228.000 mulleres traballaban na agricultura en Gran Bretaña. En duro contraste coa participación voluntaria no WLA, nas partes de Francia ocupadas polas forzas alemás, as mulleres e as rapazas francesas desempregadas víronse obrigadas a desprazarse para traballar na agricultura. A redada de mulleres que tivo lugar en Lille en abril de 1916 converteuse nun exemplo tristemente famoso deste uso da man de obra forzosa. Noutros países, onde a agricultura estaba moito menos mecanizada e onde as mulleres traballaran a terra desde sempre, o recrutamento obrigatorio tivo moito menos impacto.

AS MULLERES EMPEZARON A TRABALLAR NAS FÁBRICAS, PARA O QUE DEIXARON AS SÚAS FUNCIÓNS TRADICIONAIS NO SERVIZO DOMÉSTICO.

Os postos de oficina, en sitios coma os departamentos administrativos de empresas, bancos e Gobernos locais, ocupáronos cada vez máis mulleres. Con todo, persistían certas barreiras para as mulleres, coma nos gremios, de predominio masculino, onde se requirían longos períodos de aprendizaxe formal. Das mulleres de clase media, aínda se esperaba que priorizasen a vida familiar sobre a laboral ao casar. Malia que moitas mulleres eran profesoras nos niveis educativos inferior e medio, as universidades británicas aínda lles prohibían impartir clases na educación superior. Por último, igual ca antes da guerra, fóra das grande cidades a inmensa maioría das traballadoras só atopaba empregos no servizo doméstico. Non obstante, aquí tamén se produciron cambios porque as mulleres das grandes áreas urbanas, cando podían, deixaban o servizo doméstico por postos mellor pagados na industria e nos servizos públicos.

Quitar anuncios
Anuncio

Por toda Europa, víanse agora de súpeto traballadoras por todas partes, xa fose limpando fiestras, conducindo furgonetas de reparto e tranvías, varrendo as rúas ou picando billetes de autobús. En Rusia, as mulleres tiñan ás veces máis oportunidades ca en Europa Occidental. Por exemplo, as rusas podían conducir trens, algo que non se lles permitía ás mulleres noutros países. Incluso nos Estados Unidos (onde á fronte interna lle afectou moito menos a guerra comparado con Europa), as mulleres empezaron a traballar nas fábricas, para o que deixaron as súas funcións tradicionais no servizo doméstico; isto, á súa vez, xerou novas oportunidades para as mulleres negras que antes só traballaran a terra, xa que agora as poderían asumir elas.

Logo, estaban as mulleres que facían traballos irregulares, a miúdo non remunerados ou moi mal pagados, aínda que esenciais para que continuase a funcionar a sociedade. As mulleres conseguían ingresos extra lavando, limpando, cosendo, aloxando hóspedes ou coidando os fillos doutros traballadores. Polo xeral, as traballadoras non recibían axuda ningunha do Estado no tocante ao coidado dos fillos. As británicas que traballaban nas fábricas de municións si que tiveron acceso a 100 garderías novas; pola contra, outras traballadoras tiñan que recorrer á familia e aos amigos para que coidasen dos seus fillos mentres ían traballar. Os empresarios amosáronse incriblemente remisos a investir nas instalacións e servizos que requiría un cadro de persoal feminino; e houbo moi pouca consideración cara ao feito de que as traballadoras, á parte das longas xornadas laborais, tamén tiñan que agardar na fila para conseguir comida para as súas familias.

Women's Land Army Recruitment Poster, WWI
Cartel de recrutamento para o Exército Feminino da Terra, Primeira Guerra Mundial Imperial War Museums (CC BY-NC-SA)

Unha man de obra en proceso de cambio

O paso do traballo no servizo doméstico e no sector agrícola aos postos industriais e de oficina é o trazo principal que caracteriza a man de obra feminina en diversos países durante a guerra, xa que, en contra da crenza popular, «non houbo unha afluencia masiva de mulleres desempregadas cara aos postos masculinos» (Strachan, 154). Máis ben, a inmensa maioría das traballadoras xa estaba a traballar. Gran Bretaña, por exemplo, tiña case 5 millóns de traballadoras antes de que empezase a guerra e 6 millóns ao final. Polo tanto, a maioría das traballadoras non se uniu ao mercado laboral, senón que se trasladou dun sector a outro. Este transvase ou propiciárono os Gobernos, que necesitaban dotar de persoal ás industrias vitais; ou foi unha decisión particular, para atopar un traballo menos esixente fisicamente, máis seguro, mellor pagado ou, pura e simplemente, máis interesante. Sen dúbida, a moitas mulleres moveunas o desexo de poñer o seu granciño de area no esforzo bélico, así coma de asegurar a continuidade das industrias e os servizos esencias mentres os homes combatían na fronte.

Quitar anuncios
Anuncio

Na práctica, as mulleres case nunca recibían mellores soldos ca os homes, malia que facían o mesmo traballo. Non obstante, os salarios eran mellores nas fábricas ca no servizo doméstico, co que o poder adquisitivo de moitas mulleres aumentou radicalmente e, con iso, a liberdade de actuar ao seu antollo, para, por exemplo, levar a roupa que quixesen ou saír a comer sen ter que ir acompañadas de varóns. Aínda que houbo que pagar un prezo por esa liberdade, que só foi posible pola escaseza de homes e pola expansión de certas industrias. Máis de 4 millóns de mulleres perderon os seus maridos e millóns máis os seus pais, irmáns e fillos.

Coas liberdades, tamén chegaron as restricións. En Gran Bretaña e Francia, as esposas dos soldados que estaban na fronte recibían un subsidio de separación familiar, pero as autoridades podían cortalo se descubrían que a muller lle fora infiel ao marido ou que desatendera as súas obrigacións como nai. En Francia, onde o Estado estaba obsesionado coa rexeneración da poboación, prohibíronse os anticonceptivos. Por último, algunhas das liberdades acadadas durante a guerra perdéronse rapidamente tras ela; ás mulleres vetáronselles certos traballos para asegurar que os soldados retornados puidesen atopar emprego. Incluso nas profesións que seguiron abertas ás mulleres, coma a educación ou a medicina, esperábase que as mulleres casadas non puidesen ocupar eses postos, xa que criar unha familia se consideraba máis importante.

Woman Mechanic, WRAF
Mecánica, Real Forza Aérea Feminina (WRAF) Imperial War Museums (CC BY-NC-SA)

Entón, ao finalizar a guerra, a sensación entre moitas mulleres era de resentimento porque, malia que lles repetiran constantemente o fundamental que era o seu traballo para o esforzo bélico, agora mandábanas a casa a ter fillos. As fábricas francesas ata tiñan letreiros con este fin, nos que se animaba ás mulleres ás que aínda non despediran a deixar voluntariamente os seus postos de traballo, para que os soldados retornados puidesen recuperar os seus antigos empregos. É memorable o xeito en que captou este resentimento unha muller que lle escribiu ao xornal francés La Vague:

O meu marido estivo no Exército os últimos seis anos. Eu traballei coma unha escrava en Citröen durante a guerra. Alí deixeime a pel, a xuventude e a saúde. En xaneiro, despedíronme e, desde entón, son pobre.

(Strachan, 161)

As actitude culturais moi arraigadas e machistas resultaron difíciles de cambiar. A modo de exemplo, en Gran Bretaña, as ligas de fútbol feminino empezaron a considerarse demasiado populares, tanto coma para rivalizar co fútbol masculino, así que as prohibiron tras a guerra. A miúdo, as traballadoras enfrontáronse ao acoso machista nas rúas, nos lugares de traballo e na prensa por non lles ceder os seus postos laborais aos varóns. Semella que, durante a guerra, a sociedade adaptou as súa normas en beneficio das mulleres, pero que, en tempos de paz, os homes que crearan esas mesmas normas ían devolverlles a súa forma orixinal.

Quitar anuncios
Anuncio

O dereito ao voto

Unha consecuencia máis positiva de esta ampliación (se ben temporal) do papel das mulleres durante a guerra foi o apoio cada vez maior ao movemento polo dereito ao voto feminino. En Rusia, as mulleres maiores de 20 anos conseguiron o dereito ao voto en 1917. En Gran Bretaña, as mulleres maiores de 30 anos gañaron o seu dereito a votar en febreiro de 1918 (os votantes varóns só debían ter de 21 anos en adiante). En Alemaña, ás mulleres concedéuselles o dereito ao voto en novembro de 1918, tras o armisticio. Nos Estados Unidos, as mulleres obtiveron os mesmos dereitos ca os homes á hora de votar en 1920. En Francia, a Cámara Baixa do Parlamento aprobou unha lei para concederlles o voto ás mulleres, pero rexeitouna o Senado (a Cámara Alta). As francesas terían que esperar a que sobreviñese outra guerra para gañar o seu dereito a votar en 1944.

Quitar anuncios
Anuncio

Sobre o tradutor/a

Sobre o/a autor/a

Cita este traballo

Estilo APA

Cartwright, M. (2026, October 12). Mulleres na Primeira Guerra Mundial: Cambios nas funcións e nos dereitos femininos. (E. B. Bruyel, Tradutor/a). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2905/mulleres-na-primeira-guerra-mundial/

Estilo Chicago

Cartwright, Mark. "Mulleres na Primeira Guerra Mundial: Cambios nas funcións e nos dereitos femininos." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, October 12, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2905/mulleres-na-primeira-guerra-mundial/.

Estilo MLA

Cartwright, Mark. "Mulleres na Primeira Guerra Mundial: Cambios nas funcións e nos dereitos femininos." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. World History Encyclopedia, 12 Oct 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2905/mulleres-na-primeira-guerra-mundial/.

Quitar anuncios