A Atenas ignorada: cinco lugares antigos

Jasmine Sahu
de , traducido por Carla Fernández Montero
Publicado o
Translations 3
bookmark_addbookmark_addedGardar artigo printImprimir picture_as_pdfPDF

Durante séculos, o Partenón foi o maior atractivo turístico de Atenas. Pausanias eloxiábao no século II d.C., Elgin desexábao, Byron choraba por el e incontables grupos de turistas e afeccionados con cámaras arremuíñanse ao seu redor hoxe en día. Porén, por moi impresionante que sexa, hai outros lugares espallados pola cidade que case ninguén se molesta en visitar. Son sitios que, sen necesidade de entradas e sen case xente, ofrecen unha experiencia máis íntima da cidade antiga.

Excavation under the Acropolis Museum
Escavación baixo o Museo da Acrópole Tomisti via Wiki Commons (CC BY-NC-SA)

1. O demo Koile

Os restos do demo Koile, un dos antigos distritos da cidade, pódense ver no lado oeste do outeiro de Filopapo. Pódese chegar a el desde o punto de baixada situado baixo o Partenón, mentres deixas atrás a Acrópole e sobes polo fermoso camiño pavimentado que se estende xusto diante. Despois dunha curta subida, atoparás dous camiños á dereita. Vai polo segundo e xira inmediatamente á esquerda, para baixar por un camiño pedregoso e areoso. Isto é Koile.

Quitar anuncios
Anuncio
Máis abaixo, na ladeira, atópanse as inconfundibles formas das casas escavadas nos lados do val e ata unha escaleira.

Nunha primeira ollada, pode parecer que non hai gran cousa alí. Porén, se miras máis de preto, verás os restos dunha estrada con regos feitos nela para que pasasen as rodas dos carros e unha canle de auga que corre ao seu carón. Máis abaixo na ladeira, atópanse as inconfundibles formas das casas escavadas nos lados do val e mesmo unha escaleira. Aquí non hai cordas que te separen dos restos: pódese pasear libremente, tentando imaxinar esta buliciosa rúa no seu apoxeo. Noutrora estivo protexida polas Murallas Longas, un conxunto de fortificacións que construíu Temístocles para protexer a ruta desde a Acrópole ata o porto de Atenas no Pireo, de aí os restos da estrada que se poden ver.

Koile Deme
Demo Koile Jasmine Sahu (CC BY-NC-SA)

As murallas derrubáronse despois da guerra con Esparta. Así, cando apareceu a seguinte ameaza, é dicir, Filipo II de Macedonia (o pai de Alexandre o Grande), Koile quedou fóra das novas defensas e foi abandonada. Máis tarde utilizouse como lugar de enterro, polo que tamén se poden distinguir os restos de sepulturas, ás veces superpostas ás paredes das casas. Durante o camiño que baixa polo val pódense atopar varios paneis informativos que che axudarán a identificar o que ves.

Quitar anuncios
Anuncio

2. A tumba de Cimón

Se volves pola pendente desde Koile, xusto diante de ti, no camiño principal, verás unha tumba escavada na rocha. Esta é a tumba de Cimón (Kimon), vencedor nas carreiras de carros nos Xogos Olímpicos dos anos 536, 532 e 528 a.C. A lenda (e Heródoto) di que o asasinaron os últimos tiranos de Atenas, Hipias e Hiparco. Con todo, hai dúbidas sobre se isto é certo. Foi (sen dúbida) o pai de Milcíades (famoso pola súa participación na vitoria en Maratón) e avó do xeneral ateniense Cimón (tamén famoso polas súas vitorias sobre os persas). A tumba agora está baleira, pero se imaxinas a estrada que atravesa Koile pasando por ela, podes facerte unha idea do lugar destacado que tería tido na antigüidade. Non obstante, non hai ningún sinal dos cabalos gañadores olímpicos que se supoñía que debían estar enterrados fronte a el.

Cimon's Tomb
Tumba de Cimon Jasmine Sahu (CC BY-NC-SA)

3. Outeiro de Pnix: A Asemblea ateniense

Dando as costas ao sepulcro de Cimón, verás outro camiño que sobe pola ladeira diante de ti, á dereita do xiro que tomaches antes para ir cara Koile. Se segues este camiño e viras á dereita por unha porta (que está sempre aberta), atoparaste na Pnix. Segue o camiño a medida que sobe entre as árbores ata que vexas unha meseta aberta á túa dereita. A vista da Acrópole desde aquí é absolutamente impresionante e pode verse mellor como se ergue de forma espectacular por riba da cidade.

Quitar anuncios
Anuncio
View of the Acropolis from Pnyx
Vista da Acrópole desde Pnix Jasmine Sahu (CC BY-NC-SA)
Recomendo situarse na súa base e mirar cara fóra: o poder desa posición é abafante.

Este outeiro é, en realidade, a asemblea do pobo, como che dirá un pequeno panel informativo. Pódese ver unha tribuna para oradores tallada na rocha, xunto con algúns chanzos que conducen a ela. Desde este lugar, Temístocles defendeu a construción da frota que finalmente gañaría a batalla de Salamina, na que derrotaron ao poderoso exército naval persa. Desde aquí, Pericles obtivo a aprobación para reconstruír a Acrópole, creando o monumento que podemos (máis ou menos) ver hoxe. É un lugar verdadeiramente magnífico. Algunhas imaxes do panel informativo poden axudar a reconstruír a imaxe dos asentos semicirculares que noutrora estarían orientados cara á plataforma do orador. Por desgraza, a plataforma é a única parte do monumento pola que non se pode camiñar, pero recomendo situarse na súa base e mirar cara fóra: o poder desa posición é abafante.

Speaker's Platform at the Athenian Assembly
Plataforma de oradores na Asemblea de Atenas Jasmine Sahu (CC BY-NC-SA)

4. A prisión de Sócrates

Se volves polo camiño cara a tumba de Cimón e viras á esquerda, pronto verás outro camiño pequeno que se desvía á túa dereita. Levarate ao que se di que é a prisión na que estivo retido Sócrates. Aí poderás ver na parede rochosa tres aberturas semellantes a covas, as cales pecharon con barras de ferro. Os ocos cadrados pouco profundos da fachada suxiren que os edificios se proxectaban cara ao exterior, apoiados en madeira, como de feito indica un panel informativo situado á esquerda. A designación como prisión de Sócrates, o filósofo que foi xulgado por "corromper á mocidade de Atenas e negar a existencia dos deuses", ao que declararon culpable e executaron mediante envenenamento por cicuta no 399 a.C., é de orixe bastante tardía, polo que é bastante cuestionable. Non obstante, é só un pequeno desvío na ruta e merece a pena velo, aínda que só sexa para mitigar o asombro que poidas sentir na Asemblea e na Ágora. A democracia ateniense puido ser unha innovación fantástica, pero tamén tiña o seu lado desagradable.

Socrates' Prison
A prisión de Sócrates Jasmine Sahu (CC BY-NC-SA)

5. Escavación baixo o Museo da Acrópole

Ao volver ao punto de baixada situado baixo a Acrópole, podes virar á dereita e seguir o Dionysiou Areopagitou, ao pé da ladeira sur, en dirección ao Museo da Acrópole. O propio museo é un triunfo. O seu interior está organizado dunha maneira preciosa e tamén ten moi en conta a paisaxe na que se asenta, a pesar do seu aspecto ultramoderno. Pois, baixo o museo, atópanse os restos doutro demo da cidade, que se escavou en 1997, cando se ía construír o Museo. A zona permite ver varios períodos diferentes da historia de Atenas, aínda que o período da Antigüidade tardía é o máis evidente, con varias salas que amosan os complexos pavimentos de mosaico. Por desgraza, hai que entrar no museo para obter máis información sobre o lugar. Porén, a entrada tan só custa 5€, polo que non resulta un gran inconveniente.

Quitar anuncios
Anuncio

Busca a sala redonda cunha piscina circular no medio que está xusto diante da entrada do museo, que é o vestíbulo dun edificio do século VII d.C. Os turistas lanzan moedas á piscina, o cal resulta algo molesto. Non obstante, só podo pensar que o museo debe beneficiarse destes ingresos adicionais. No interior do museo, un chan de vidro permite ver máis da escavación que hai debaixo. Na galería das ladeiras da Acrópole, se miras cara abaixo poderás no chan ver un "engainion" do século III. Un engainion é unha ofrenda queimada que facían os antigos gregos cando se fundaba un novo edificio para bendicir a estrutura. Despois, enterrábase nos cimentos. É moi axeitado que o museo reciclara un para bendicir a nova encarnación do lugar.

Acropolis Museum, Athens
Museo da Acrópole, Atenas Mark Cartwright (CC BY-NC-SA)

Mentres esteas en Atenas, merece a pena que visites a Ágora Antiga, que alberga o templo mellor conservado do mundo grego antigo, a Biblioteca do Emperador Adriano, a Ágora Romana e o Templo de Zeus Olímpico (que está só un pouco máis adiante da escavación baixo o museo). A Acrópole tamén é unha visita obrigada, a pesar dos andamios que, neste momento, ocultan a fachada do Partenón. As grandes atraccións sono por algún motivo. Cunha entrada combinada que che permitirá acceder á maior parte delas durante 5 días, o prezo é moi razoable. Non obstante, gocei da exclusividade que ofrecen os lugares mencionados e da sensación de vivir algo que a maioría dos turistas non se toman o tempo de descubrir. Aínda que Atenas pode ser un dos principais destinos turísticos do mundo, aínda ten segredos que revelar.

Quitar anuncios
Anuncio

Sobre o tradutor/a

Sobre o/a autor/a

Cita este traballo

Estilo APA

Sahu, J. (2026, October 28). A Atenas ignorada: cinco lugares antigos. (C. F. Montero, Tradutor/a). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1107/a-atenas-ignorada-cinco-lugares-antigos/

Estilo Chicago

Sahu, Jasmine. "A Atenas ignorada: cinco lugares antigos." Traducido por Carla Fernández Montero. World History Encyclopedia, October 28, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1107/a-atenas-ignorada-cinco-lugares-antigos/.

Estilo MLA

Sahu, Jasmine. "A Atenas ignorada: cinco lugares antigos." Traducido por Carla Fernández Montero. World History Encyclopedia, 28 Oct 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1107/a-atenas-ignorada-cinco-lugares-antigos/.

Quitar anuncios