A Sociedade de Nacións fundouse en xaneiro de 1920 para promover a paz e o benestar mundial. Creada polo Tratado de Versalles, o cal puxo fin oficial á Primeira Guerra Mundial (1914-1918), a Sociedade proporcionou un foro onde as nacións prometían resolver as disputas internacionais de maneira pacífica. Calquera estado que atacase a outro estaría sometido á acción colectiva de todos os demais membros, primeiro en forma de sancións económicas e, se fose necesario, tamén militares.
Os membros da Sociedade reuníanse unha vez ao ano en Xenebra (Suíza), nunha asemblea xeral. Tan só os membros máis poderosos se reunían máis a miúdo en reunións dun consello executivo. Aínda que se lograron algúns progresos en canto a limitar armamentos e promover o benestar cidadán, a Sociedade mostrouse ineficaz contra os actos de agresión de Italia, Xapón e Alemaña. As debilidades da Sociedade foron unha das causas da Segunda Guerra Mundial (1939-1945), pero a idea de cooperación internacional sobreviviu ao conflito e renaceu en forma da Organización das Nacións Unidas.
Fundación
O Tratado de Versalles, asinado o 28 de xuño de 1919, impuxo condicións de paz a Alemaña e puxo fin oficialmente á Primeira Guerra Mundial. O tratado limitaba os armamentos de Alemaña, redistribuía áreas importantes do seu territorio e das súas colonias e estipulaba que Alemaña debía pagar reparacións de guerra e asumir responsabilidade pola Primeira Guerra Mundial. O tratado tamén creou un novo organismo internacional para facilitar a diplomacia internacional e axudar a fomentar unha paz duradeira: a Sociedade de Nacións.
Despois dos horrores da Primeira Guerra Mundial, na que se mataron a máis de sete millóns de persoas e outros 21 millóns resultaron gravemente feridos, os vencedores (Gran Bretaña, Francia, Estados Unidos e Italia) buscaron unha maneira de garantizar que nunca volvese a ocorrer un conflito global coma ese.
O principal impulsor para o establecemento da Sociedade foi o presidente estadounidense Woodrow Wilson (1856-1924). Wilson creara 14 obxectivos para un novo mundo no verán de 1918. O presidente identificou certas causas da Primeira Guerra Mundial que quería que nunca se volvesen a replicar: unha diplomacia secreta e interesada, a represión de grupos minoritarios dentro de imperios e países grandes e réximes autocráticos que ignoraban os desexos do seu propio pobo. Necesitábase unha nova organización internacional para erradicar estas tres enfermidades da diplomacia e defender a democracia, a autodeterminación e a transparencia. Aínda que a énfase de Wilson na autodeterminación non se aplicou aos perdedores da Primeira Guerra Mundial nin aos cidadáns afectados pola remodelación masiva dos mapas de Europa, África e Asia Oriental, a Sociedade de Nacións fíxose realidade en xaneiro de 1920.
Obxectivo
O obxectivo principal da Sociedade de Nacións é o que se manifesta no artigo 10 do seu Pacto, o cal consta dun total de 26 artigos:
Respectar e preservar contra a agresión exterior a integridade territorial e a independencia política existente de todos os membros da Sociedade.
(Dear, 528)
Asumindo que todos os medios diplomáticos fracasaran, calquera membro declarado culpable de agresión contra o territorio doutro enfrontaríase, segundo o artigo 16 do Pacto, primeiro a sancións económicas e despois, se fose necesario, a sancións militares. Estas sancións levaríanas a cabo de forma colectiva o resto de membros da Sociedade. Esperábase que esta idea de «seguridade colectiva» fose un poderoso elemento disuasorio para calquera potencial agresor.
A Sociedade actuaría como árbitro neutral nas disputas territoriais entre países. Cun espírito de diplomacia aberta, inspeccionaría todos os tratados para comprobar que non fosen unha ameaza para paz mundial. A Sociedade tamén podería enviar as disputas á nova Corte Permanente de Xustiza Internacional establecida recentemente na Haia. Outro obxectivo da Sociedade era axudar a reducir o armamento mundial, posto que se cría que unha das causas da Primeira Guerra Mundial foran as carreiras de armamento entre determinados países. Outros obxectivos incluían fomentar a cooperación internacional en asuntos de economía e sociais, en especial nos campos da saúde e das comunicacións.
Aínda que todos os membros apoiaron estes honrados obxectivos (ou, polo menos, de maneira pública), aínda quedaron algúns desacordos entre os países en canto aos detalles da misión da Sociedade. Por exemplo, Xapón pediu que o Pacto da Sociedade incluíse unha cláusula sobre a igualdade racial, pero a idea rexeitouse. Ademais, algúns membros tamén socavaban as promesas do artigo 10 ao formar as súas propias alianzas internacionais e pactos de asistencia mutua. Así, cando unha nación agresiva puxo a proba á Sociedade, os seus membros, por desgraza, non foron quen de responder de forma unificada.
Estrutura e organización
Os primeiros membros da Sociedade de Nacións foron os 32 aliados vencedores da Primera Guerra Mundial, aos que se sumaron outros doce estados neutrais. Os perdedores da Primeira Guerra Mundial (e máis a URSS, que era considerado un estado revolucionario naquela época), para que se lles permitise solicitar a membresía, tiñan que demostrar primeiro que se adherirían aos novos tratados de posguerra. Os membros da Sociedade enviaban delegados, normalmente os seus ministros de Asuntos Exteriores, a reunirse cada setembro na sede da Asemblea en Xenebra, Suíza. Todos os membros da Sociedade de Nacións estaban en igualdade de dereitos na asemblea. Tamén se realizaban reunións máis frecuentes (xeralmente, catro ao ano) nun consello formado polos membros máis poderosos, entre os cales se incluían Gran Bretaña, Francia, Italia e Xapón, os catro países con postos permanentes no consello (Alemaña tamén obtivo un posto permanente a partir de 1926). Catro outros membros do consello elexíanse mediante unha votación na Asemblea. Máis tarde, ese número aumentou a seis e, despois, a nove. Cada membro do consello tiña un voto de veto. Unha Secretaría xestionaba os gastos da Sociedade, que non eran excesivos, xa que á maioría dos expertos involucrados nas operacións da Sociedade só se lles pagaban os gastos. Os comités, nos que podían participar e votar todos os membros, constituían o traballo diario da Sociedade e as súas conclusións presentábase despois á Asemblea para a súa aprobación. As resolucións aprobábanse tras unha votación unánime da Asemblea, o cal se conseguía adoito, pois os membros que non estaban de acordo simplemente preferían non votar.
As membresías da Sociedade eran un factor crucial para determinar o seu éxito ou fracaso. Debido a políticas internas, os isolacionistas gañaron e Estados Unidos decidiu non unirse á Sociedade, o que supuxo un gran golpe para as súas ambicións. A Alemaña non se lle permitiu unirse ao principio, xa que aínda non confiaban nela, e fíxoo en 1926 (para despois marchar en outubro de 1933). A URSS uniuse en xullo de 1934 (só cando Alemaña xa saíra), pero foi expulsada en 1939. Xapón deixou a Sociedade en 1933 e Italia en 1937. A inestabilidade na Sociedade aumentou tamén debido á incorporación de novos membros e á desaparición doutros cando deixaban de existir tras ser invadadidos por outros países. Esta inestabilidade dos membros converteuse nunha gran debilidade.
Territorios baixo mandato
Un dos deberes da Sociedade de Nacións, ademais de intentar manter a paz internacional, era administrar aqueles territorios que cambiaran de propietario como consecuencia dos tratados de posguerra. Redistribuíronse territorios que pertenceran a Alemaña, Austria-Hungría, Bulgaria e o Imperio Otomán. Algúns deles obteron a independencia total (por exemplo, Irak) e outros quedaron a cargo dos vencedores da Primeira Guerra Mundial (como Palestina, Siria e Camerún). Estes territorios eran considerados «territorios baixo mandato» da Sociedade e recibían inspeccións regulares. Porén, na práctica, os países que os administraban víanos simplemente coma novas colonias. Como observa o historiador F. McDonough: «Tras os territorios baixo mandato da Sociedade de Nacións escondíanse os mesmos anticuados beneficios imperialistas» (53).
A rexión alemana de Sarre, rica en carbón, foi cedida á Sociedade de Nacións para que esta a xestionase, ca promesa dun plebiscito nunha data futura indeterminada. Danzig (Gdańsk) converteuse nunha cidade autónoma controlada tamén pola Sociedade. Encargarse destes mandatos e resolver disputas territoriais menores foi o que mantivo á Sociedade ocupada nos seus primeiros anos, pero achegábase un serio desafío que poría a proba a súa autoridade.
A crise de Corfú
O primeiro desafío significativo ao que se tivo que enfrontar a fráxil autoridade da Sociedade veu da man do líder fascista de Italia, Benito Mussolini (1883-1945). Mussolini estaba a buscar estratexias de propaganda baratas para reforzar a súa popularidade en Italia, onde a economía non ía ben. O primeiro destes golpes propagandísticos foi o coñecido como «incidente de Corfú», que ocorreu en 1923. Italia ocupou a illa grega de Corfú, co pretexto do asasinato dun xeneral italiano en Grecia. A Sociedade demostrou a súa incapacidade para mediar na crise cando os principais líderes mundiais a abandonaron ao decidir non actuar contra a agresión de Mussolini. Aínda así, a Sociedade non era totalmente impotente e os seus debates e resolucións crearon unha atmosfera de desaprobación internacional que, ao final, persuadiu a Mussolini para retirarse de Corfú canto antes.
A crise de Manchuria
A Sociedade tivo que se enfrontar a un desafío aínda maior cando Xapón ocupou Manchuria (á que eles chamaban Manchukuo) en setembro de 1931. Xapón perseguía o seu soño de converterse nun imperio, igual que Italia. Tanto a URSS coma Xapón levaban tempo detrás de Manchuria, unha rexión do nordeste da China rica en recursos naturais e cunha posición xeográfica de importancia estratéxica. Ademais, na rexión tamén habitaba unha considerable minoría xaponesa e o control do goberno chinés era débil. O pretexto para a invasión do Exército de Kwantung (Guangdong) de Xapón foi a explosión dunha sección do South Manchurian Railway (Ferrocarril do Sur de Manchuria), entón controlada polo Xapón. Xapón afirmou que a China fora a responsable do ataque. Coñecido como o incidente de Manchuria ou incidente de Mukden, o propio exército xaponés fora quen sabotara a liña. Un estado marioneta xaponés, Manchukuo, foi establecido en marzo de 1932. China pediu axuda á Sociedade.
Os membros da Sociedade non foron capaces de acordar sancións económicas ou militares contra Xapón. Si que se negaron a recoñecer a Manchukuo como un estado independente, pero unha resposta económica (e, aínda menos, unha militar) non contaba co apoio suficiente entre os membros clave da Sociedade, xa que todos estaban remisos a limitar o comercio durante unha crise económica mundial. Ao final, a Sociedade acabou declarando a Xapón como o agresor, e unha comisión investigadora aconselloulle que lle devolvese o territorio a China. Pero Xapón non aceptou e renunciou a súa membresía en marzo de 1933. Esta foi, quizais, a mellor decisión, pois a opinión dos membros sobre Xapón empeorou aínda máis cando este comezou unha guerra total contra China no chamado «incidente de China» en xullo de 1937.
Crise de Abisinia
Mussolini desafiou a Sociedade por segunda vez cando decidiu invadir Abisinia (a actual Etiopía) en outubro de 1935. Italia xa tiña algunhas colonias en África e Mussolini soñaba con expandir o seu imperio. Abisinia, unha nación independente pero sen un exército moderno, foi un obxectivo relativamente fácil para as forzas italianas, que se desprazaban desde as súas colonias de Eritrea e Somalilandia. O ataque a Abisinia só serviu para obter prestixio pola conquista e vinganza pola derrota que sufrira alí Italia en 1896, xa que a rexión tiña moi pouca riqueza e aínda menos valor estratéxico. Mussolini, igual que con Corfú, esperaba conseguir unha poderosa propaganda sen incorrer en altos custos. O líder fascista tivo éxito só a medias, xa que a súa aventura polo Este de África drenou de xeito considerable a xa débil economía italiana. Ademais, os membros da Sociedade (da que Abisinia formaba parte) esta vez acordaron impor sancións económicas a Italia: prohibiron a venda de armas e materias primas e a concesión de préstamos.
Aínda que os 52 membros da Sociedade se opuxeron á invasión de Mussolini, nin Francia nin Gran Bretaña estaban interesados en comezar unha guerra con Italia por Abisinia, a cal se consideraba unha esfera de influencia italiana xa antes da invasión. Non se iniciou ningunha acción militar. O petróleo tamén foi unha evidente omisión nas ineficaces sancións económicas.
Outro dos duros golpes que recibiu a Sociedade viu esta vez de dentro. O pacto Hoare-Laval de decembro de 1935 foi un acordo (supostamente secreto) entre Gran Bretaña e Francia. Aínda que nunca se asinou de maneira formal, socavou a Sociedade ao aceptar a invasión de Abisinia como un feito consumado. En marzo de 1936, os italianos derrotaron aos abisinios e o seu emperador, Haile Selassie (1930-1974), fuxiu ao exilio. Aínda así, algúns abisinios continuaron resistindo a ocupación, que se caracterizou por unha represión brutal. A Sociedade cancelou as sancións económicas en xullo de 1936.
Despois da crise da Abisinia, a Sociedade pasou a un segundo plano na diplomacia internacional. Como conta o historiador A. J. P. Taylor: «A Sociedade continuou existindo grazas a ignorar o que pasaba ao seu redor» (128). Agora, os membros xa non se centraban na seguridade colectiva, senón en crear os seus propios tratados.
A Gran Bretaña e Francia preocupáballes en particular evitar que Mussolini se aliase co líder fascista Adolf Hitler (1889-1945) en Alemaña. Ata 1935, había aínda oportunidades de que Italia puidese axudar a Gran Bretaña e Francia en caso de que Alemaña decidise atacar en Europa, pois Mussolini prometera enviar nove divisións para defender Francia se fose atacada por Hitler. Mussolini, que xogaba a enfrentar as potencias entre elas, revelou as súas verdadeiras intencións cando asinou un acordo militar con Hitler en maio de 1939.
Hitler e o acougo
Hitler notou a falta dunha resposta significativa por parte da Sociedade ante as agresións internacionais. Alemaña levaba tempo pedindo igualdade de condicións coas outras grandes potencias en termos de armamento. Por esta cuestión, retirouse da Sociedade en 1933. Todos os problemas da República de Weimar (1918-1933), a súa alta inflación e taxa de desemprego, a falta de importancia na diplomacia internacional e a súa inferioridade en canto a armamento en comparación con outras nacións, achacáronse ao Tratado de Versalles e, por asociación, á Sociedade de Nacións. Un plebiscito en Alemaña xunto a unha votación no parlamento Reichstag ratificaron a decisión de abandonar a Sociedade. Como sinala o historiador J. Dülffer: «a decisión de Hitler de retirarse da Sociedade marcou un cambio importante e fundamental: o rexeitamento dunha política baseada en gran medida en obrigacións multilaterais a favor dunha política baseada no poder e egoísmo nacional» (58).
Ao mesmo tempo, Hitler emitía mensaxes confusas ao falar de que desexaba o desarme e a paz mundial. O líder alemán asinou un pacto de non agresión con Polonia en xaneiro de 1934 e mesmo prometeu regresar á Sociedade de Nacións. É interesante sinalar que Polonia, ao asinar o pacto, estaba a demostrar a súa crenza de que a Sociedade non estaba capacitada para axudar ás vítimas de agresións.
En 1935, Alemaña admitiu que as súas forzas armadas eran catro veces maiores do que permitía o Tratado de Versalles. En marzo de 1936, Hitler volveu a ocupar Renania, unha rexión desmilitarizada. A Sociedade non respondeu á reocupación, pois, ao final, só era Alemaña «recuperando o control do seu propio xardín», frase acuñada polo xornal británico Times .
Os principais adversarios de Hitler estaban divididos. De feito, había tempo que Gran Bretaña e Francia non se poñía de acordo sobre o obxectivo da Sociedade. Gran Bretaña quería que funcionase como un teatro para a conciliación internacional, pero Francia quería usala como defensa contra Alemaña. Gran Bretaña asinou un acordo naval con Hitler en 1935 para limitar a marina alemana (pero, aínda así, permitíndolle unha maior do que establecía Versalles). Enfadada por isto, Francia asinou un tratado de axuda mutua coa URSS en marzo de 1935, en caso de que algunha das nacións fose atacada por Alemaña. A crise da Abisinia tamén provocou respostas diferentes por parte de Gran Bretaña e Francia, xusto as dúas nacións que deberían ter colaborado máis. Pero, sobre todo, o que ninguén da Sociedade quería era outra guerra a nivel continental. Posto que a maior parte dos países non estaban preparados a nivel psicolóxico nin militar para a guerra, o acougo converteuse no lema dos seus diplomáticos, aínda que o único obxectivo realista parecía ser aplazala. A medida que a perspectiva dunha guerra crecía cada vez máis, moitos membros estaban ansiosos por desvincularse da Sociedade e, deste xeito, da súa obriga de dar unha resposta colectiva ante posibles invasións de Xapón, Italia, Alemaña ou calquer outro país.
En outubro de 1936 estalou a Guerra Civil Española, coa participación directa de Italia e Alemaña. EEUU mantívose en silencio. Os países agresores comezaron a asinar tratados de asistencia mutua. Desde xullo de 1937, China estaba en guerra con Xapón. En marzo de 1938, Hitler anexionou Austria a Alemaña (evento coñecido como Anschluss). Nos Acordos de Múnic de setembro de 1938, a Alemaña permitíuselle ocupar a rexión dos Sudetes. En marzo de 1939, soldados alemáns entraron en Checoslovaquia. En abril, Mussolini ocupou Albania. En agosto, Alemaña e a URSS asinaron unha alianza militar. Así, a marea de crises empurrou á Sociedade de Nacións de volta ás costas do mundo da diplomacia internacional, mentres que os países individuais tiñan que traballar por conta propia para sobrevivir aos ventos de guerra o mellor que puidesen. Os diplomáticos xa non decidían as fronteiras internacionais: agora facíano os avións, os tanques e a artillería. A invasión de Polonia en 1939 por parte de Hitler foi o que fixo que Gran Bretaña e Francia finalmente fixeran unha declaración de guerra formal o 3 de setembro. A Sociedade de Nacións creárase para evitar un desastre así e, con todo, ocorrera de novo.
Legado
Talvez a Sociedade non puidese evitar a Segunda Guerra Mundial, pero, polo menos, proporcionou un foro onde aqueles que traballaban pola paz podían resaltar a inutilidade da guerra. A Sociedade tamén lograra algúns avances na promoción do benestar mundial a través da Organización Internacional do Traballo (que aínda existe hoxe), ao fomentar a xustiza social, mellorar as condicións de traballo e reducir a explotación colonial. Todo isto nunha época na que debater abertamente tales cuestións xa constituía unha forma de progreso. Outros dos éxitos da Sociedade foron mellorar os dereitos e o benestar de moitos grupos minoritarios, mulleres e refuxiados, así como os niveis de saúde e educación.
Sen dúbida, á Sociedade de Nacións non lle axudou para o seu traballo que certos membros se desvicularan, outros atacaran a outros membros (incumplindo así de xeito deliberado os artículos da Sociedade) nin a Gran Depresión de 1929, a cal exerceu unha gran presión sobre as sociedades e as institucións políticas tradicionais. A Sociedade demostrara a utilidade dunha cámara de debate para cuestións internacionais non militares de todo tipo. E, así, a pesar das súas dificultades e inhabilitación durante a Segunda Guerra Mundial, foi a precursora da actual Organización das Nacións Unidas (ONU), que se formou no verán de 1945. A Sociedade de Nacións disolveuse oficialmente en abril de 1946 e e os seus tratados e activos pasaron á ONU, quen, cunha constitución nova e un grupo de membros moito maior, segue hoxe en día enfrontándose aos desafíos dun mundo composto por países egoístas.
