Mascotas nórdicas na época viquinga

Joshua J. Mark
por , traducido por Carla Fernández Montero
publicado en
Translations
Imprimir PDF

As mascotas eran tan importantes para os nórdicos da era viquinga (790-1100 d.C.) como para calquera outra cultura, pasada ou presente. Os viquingos tiñan cans e gatos como mascotas e ambos aparecen na iconografía e literatura relixiosa nórdica. Os nórdicos tamén tiñan como mascota osos e aves, como o pavo real e diferentes tipos de falcón.

Aínda que pode ser difícil imaxinar un xefe viquingo nun asalto acompañado do seu can ou gato favorito, varios estudos xenéticos recentes apuntan precisamente a tal escenario. Crese que os viquingos transportaban gatos e cans nas súas incursións en costas estranxeiras e que os tiñan tanto como animais de traballo como como mascotas nos seus fogares nórdicos.

Eliminar anuncios
Publicidade
Oseberg Ship Carving
Tallas do barco Oseberg A. Davey (CC BY-NC-ND)

Os gatos na mitoloxía nórdica

Os gatos eran o animal favorito da deusa da fertilidade Freyja, que tamén era a deusa do amor e da sorte. Eran gatos os que tiraban do carro de Freyja, concretamente o skogkatt (gato do bosque noruegués), que é máis grande e poderoso que a maioría dos gatos domesticados. Asócianse os gatos con Freyja no seu papel de deusa da sorte e do azar, capaz de predicir o futuro e configurar o destino, debido á natureza do propio gato: considerábase tan imprevisible como vida mesma.

Aínda que os gatos eran sagrados para Freyja (ou, polo menos, favorecidos), sacrificábanos en rituais e usaban as súas peles para forrar luvas e outras roupas. Con todo, considerábase que daba mala sorte matar un gato. Segundo o mitólogo e académico Jakob Grimm, «cando unha noiva vai á voda con bo tempo, din que "alimentou ben ao gato", para non ofender ao favorito da deusa do amor» (Capítulo 13, p.14). Tratar ben aos gatos garantía que a deusa dese un trato similar ao humano.

Eliminar anuncios
Publicidade
Freyja With Carriage
Freyja co seu carro Johannes Gehrts/Eduard Ade (Public Domain)

Non obstante, aínda que consideraban aos gatos mascotas e importantes animais de traballo que controlaban a poboación de roedores, tamén os esfolaban e usaban para roupa. Ademais, aparecen como animais espirituais, guías divinos e médiums para as volva (videntes), quenes interpretaban a vontade dos deuses para a comunidade ou viaxaban dunha cidade a outra contando a fortuna da xente e facendo predicións. O académico H.R. Ellis Davidson escribe:

O vínculo entre os gatos e a deusa [Freyja] non se explicou de maneira satisfactoria. Non obstante, as luvas feitas de pel de gato, brancas e con forro de pelo no interior, mencionadas no relato de Groenlandia, suxiren que os gatos estaban entre os espíritos animais que axudaban á volva na súa viaxe sobrenatural. (Gods and Myths, 120)

O relato ao que Davidson fai referencia pertence á Saga Eyrbyggja e refírese a unha gran fame que houbo en Groenlandia. Nel, o granxeiro xefe dunha comunidade pregúntalle a unha volva chamada Thorbjorg cando rematará a fame. Cando ela chega a súa casa, faise unha descrición:

Eliminar anuncios
Publicidade

No pescozo, tiña contas de vidro e, na cabeza, levaba un capuchón negro de pel de cordeiro cun forro interior de pel de gato branca. Levaba un bastón na man, que tiña un pomo decorado con latón e pedras. Enganchado ao cinto levaba unha gran bolsa de pel onde gardaba os amuletos que necesitaba para o seu oficio. Calzaba zapatos de pel de becerro, co pelo aínda neles, que tiñan uns cordóns longos e resistentes con grandes botóns de estaño nos extremos. As súas luvas eran de pel de gato con pelo branco dentro. (Sommerville & McDonald, 54).

A volva nesta historia é incapaz de ver o futuro ata que Gudrid Thorbjorndottir, a futura exploradora de América do Norte, canta cantos místicos que calman os espíritos e permiten a Thorbjorg ter a súa visión. Predí que a fame rematará pronto e tamén que Gudrid levaría unha vida distinguida (o que fixo, pois viaxou a Islandia, América do Norte e, por último, Roma). O papel dos gatos no traballo da volva neste relato non se especifica, pero pénsase que todos os obxectos e roupas que levaba tiñan un significado místico.

A asociación dos gatos con Freyja débese á propia natureza do gato: considerábase tan imprevisible como a vida mesma.

Ademais de ser os favoritos de Freyja e guías místicos da vidente, os gatos tamén aparecen no mito de Fenrir, o gran lobo que se liberará no Ragnarok, a fin do mundo e o crepúsculo dos deuses, e no conto do concurso de Thor no castelo do xigante Utgarda-Loki. Na primeira historia, Fenrir rompe as dúas primeiras cadeas que lle poñen os deuses. Entón, os deuses van xunto aos ananos, fabricantes de obxectos máxicos, e traen de volta unha corda de ferro chamada Gleipnir («o aberto») feita a partir do son dun gato camiñando, a barba dunha muller, raíces de montañas, o alento dun peixe e o cuspe dun paxaro ou, como observa o académico Rudolf Simek, «de todo o que non existe» (113). Esta corda, aínda que moi lixeira, é o suficientemente forte como para suxeitar a Fenrir.

Na segunda historia, Utgarda-Loki desafía a Thor a realizar tres proezas para mostrar a súa valía. O segundo destes retos é levantar un gran gato gris do chan. Thor cree que será sinxelo, pero non consegue levantarlle máis que unha pata. Thor fracasa nas tres tarefas, pero, máis tarde, o xigante dille que a maxia transformara todo e que ningún dos desafíos fora o que parecían. O gato gris era, en realidade, a serpe de Midgard que rodea o mundo.

Eliminar anuncios
Publicidade

Os gatos na vida cotiá

Sen dúbida, o gato foi importado a Escandinavia a través do comercio cos fenicios ou cos romanos. Ademais, os primeiros gatos que realizaron dita viaxe foron, con toda probabilidade, sacados de contrabando de Exipto. Os exipcios tiñan unha estrita política con respecto á venda e transporte de gatos do seu país: estaba prohibido. Aínda así, iso non impediu que comerciantes traficasen con gatos a bordo dos seus barcos en Alexandría e que os levasen a outras terras. A xenetista evolutiva Eva-Maria Geigl sinala que o mesmo ADN materno que se atopou en gatos do antigo Exipto está tamén presente nos que se acharon nunha zona viquinga do norte de Alemaña que data dos séculos VIII e XI (Cats Sailed with Vikings, 3).

Na vida cotiá nórdica, os gatos eran un aspecto importante do fogar, pois controlaban ratas e ratos e viaxaban a bordo de barcos viquingos. Hai evidencias arqueolóxicas e xenéticas de que os viquingos levaron gatos a Groenlandia. Tamén é posible, aínda que non está probado, que os gatos (e os cans) estivesen tamén a bordo dos barcos viquingos de Leif Erikson cando desembarcou en Vinland (Terranova, Canadá), no Novo Mundo.

Así, os gatos tiñan un papel fundamental na vida da xente de Escandinavia, xa fose quedando na granxa da casa ou indo de incursión como viquingos. O can, non obstante, era igual de importante e tamén aparece nos mitos nórdicos. Servían como fieis compañeiros e guías para a outra vida.

Eliminar anuncios
Publicidade

Os cans na mitoloxía nórdica

O can máis coñecido da mitoloxía nórdica é Garm (tamén escrito Garmr), quen, segundo o mitólogo Snorri Sturluson (1179-1241), protexía as portas do reino de Hel, no máis alá. Dise que Garm mantiña as almas dos mortos a salvo detrás dos muros de Hel, ao mesmo tempo que evitaba que os vivos entrasen no intento de traer unha alma de volta á terra dos vivos. Non obstante, académicos posteriores (como Rudolf Simek e John Lindow) poñen en dúbida a interpretación de Snorri: sinalan que o can que protexe Hel non ten nome e que Garm é idéntico ao gran lobo Fenrir, xa que ambos se liberan en Ragnarok e matan ao deus da guerra Tyr, quen sacrificou a súa man para atar a Fenrir.

Ragnarök
Ragnarök Johannes Gehrts (Public Domain)

Con todo, Odín chama a Garm «o mellor dos cans» na sección Grimnismal da Edda poética, cando enumera as mellores cousas en todos os reinos cosmolóxicos. Parece improbable que se referira a Garm deste xeito se Garm fose tan só outro nome para Fenrir. Aínda así, faise referencia repetidas veces a Garm empregando as mesmas imaxes e frases que se usan para describir a Fenrir.

Sexa ou non Garm o gardián de Hel, os cans estaban estreitamente asociados cos deuses e ca outra vida. As grandes sagas islandesas mencionan cans que acompañan aos seus amos ata o Valhalla despois da morte. O can actuaba como unha especie de psicopompo: guiaba á alma desde o reino da vida ata a terra máis alá da morte. A académica Anne-Sofie Graslund comenta:

Eliminar anuncios
Publicidade

O can é natureza e cultura, o ben e o mal, e interponse entre este mundo e o outro. Os cans podían levar ás almas a través da fronteira desde a terra dos vivos ata a terra dos mortos... pero non só eran condutores ao reino dos mortos, tamén actuaban como gardas á entrada do inframundo, para que os vivos non puidesen entrar e os mortos non puidesen saír. (171)

Atopáronse máis restos de cans en cemiterios escandinavos que nos de calquera outra cultura. Graslund sinala como, obviamente, desempeñaron un importante papel de sacrificio nos ritos funerarios, pero tamén con que frecuencia se representan, ás veces con gran detalle, en tallas en pedra que mostran escenas de caza e cerimonias rituais (167). Isto non é sorprendente xa que, segundo Adán de Bremen (cara a 1050 - 1085), os cans estaban entre os sacrificios dedicados a Odín, Thor e Freyr (o deus da fertilidade e irmán de Freyja) no Templo de Uppsala, en Suecia. H.R. Ellis Davidson comenta:

Os esqueletos de cans, ás veces varios á vez, atópanse xunto cos de cabalos e gando nos grandes enterros de barcos escandinavos da era viquinga, e tanto cans de caza grandes como razas máis pequenas en tumbas individuais. (Myths and Symbols, 57)

As figuras da Deusa Nai, ou deidades femininas protectoras en xeral, adoitan representarse cun can. Na mitoloxía nórdica, están ligadas á poderosa deusa Frigg, consorte de Odín. Aínda que non se especifica que os cans sexan os favoritos de Frigg, ás veces represéntana nun carro tirado por eles. Pode ser que a asociación de Frigg cos cans sexa un desenvolvemento posterior destinado a diferenciala aínda máis de Freyja e o seu carro tirado por gatos, pero usando imaxes similares. Hai tantas semellanzas entre as dúas deusas que os estudosos cren que, nalgún momento, foron unha única divindade.

Os cans na vida cotiá

Os cans non só eran honrados a través de conexións mitolóxicas e espirituais, senón que eran unha parte importante da vida cotiá en Escandinavia. Os cans eran compañeiros e animais de traballo e, os granxeiros que podían permitirse mantelos, tiñan tanto cans de caza como de pastoreo.

Eliminar anuncios
Publicidade

As razas de cans de caza eran:

  • Elkhound noruegués
  • Elkhound sueco
  • Can de osos de Carelia
  • Spitz finlandés
  • Braco danés
  • Lundehund noruegués

As razas de cans de pastoreo eran:

  • Lapphund
  • Pastor finlandés da Laponia
  • Vallhund sueco
  • Pastor islandés
  • Buhund noruegués (Fonte: Viking Answer Lady)

Estes cans eran moi valorados e caros de adestrar e manter, polo que se converteron en símbolos de status entre os nórdicos. Cantos máis cans tivesen, maior sería a mostra de riqueza e éxito. Estes animais tamén se importaron a Islandia, tal e como demostran as escavacións de tumbas que conteñen esqueletos completos de cans, os cales estaban enterrados tanto cos seus amos como individualmente. A importancia do can para o seu amo resáltase coa inclusión de cans no gran salón de Odín no Valhalla, no máis aló. No salón, non só vive a alma do guerreiro, senón tamén a do seu can.

Valhalla
Valhalla Emil Doepler (Public Domain)

Outros animais

Tamén tiñan como mascotas a osos e diferentes especies de falcón. Os osos eran mascotas bastante comúns, pero os falcóns e os pavos reais só os tiñan a xente da nobreza e os comerciantes ricos. As crías de oso pardo capturábanse cando eran pequenas e criábaas a xente do fogar para domesticalas por completo. Estes osos eran coñecidos como «osos domésticos» (Viking Answer Lady, 10). Co tempo, estes osos tornáronse unha molestia máis ca nada e a lei prohibiu importalos a Islandia.

Impuxéronse grandes multas ás persoas que permitían que o seu oso doméstico andase solto e danase a propiedade doutra persoa (Viking Answer Lady, 10). Sacrificaban aos osos salvaxes igual que aos cans, cabalos e outros animais, pero parece que aos osos domésticos os enterraban. Pero antes, comían o oso e só se colocaban na tumba os seus ósos (Jennbert, 147). Descoñécese se esta práctica se aplicaba só aos osos domésticos ou a todos os osos en xeral.

Eliminar anuncios
Publicidade

Tamén se domesticaron osos polares. O académico Sveinbjorn Rafnsson observa como os asentamentos nórdicos en Islandia e Groenlandia foron capaces de exportar obxectos de valor exóticos a Europa, entre eles o oso polar (Sawyer, 132). Non se sabe se os nórdicos domesticaron outros animais salvaxes, pero é, sen dúbida, posible.

Conclusión

Os nórdicos da era viquinga compartiron os seus fogares, camas, barcos e días principalmente con gatos e cans, do mesmo xeito que o fai a xente na actualidade. Os cans tiñan colares que os identificaban a eles ou aos seus donos, e empregaban correas como hoxe en día. A asociación do gato impredicible coa deusa da sorte e do azar remarca o pouco que cambiaron os gatos desde a era viquinga ata hoxe. O mesmo acontece cos cans, que se representaban como fieis compañeiros e socios de aventuras. En canto ás mascotas, como pasa con tantos outros aspectos da vida, as diferenzas fundamentais entre as persoas do pasado e as do presente son, en realidade, bastante pequenas.

Eliminar anuncios
Publicidade

Bibliografía

World History Encyclopedia é un asociado de Amazon e obtén unha comisión polas compras de libros que cumpran os requisitos.

Sobre o tradutor

Carla Fernández Montero
Carla é unha tradutora (inglés, español e galego) especializada en Tradución Audiovisual. Encántanlle os idiomas, o cine e a lectura. 

Sobre o autor

Joshua J. Mark
Joshua J. Mark é cofundador de World History Encyclopedia e o diretor de Contidos. Anteriormente foi profesor no Colexio Marista de Nova York, onde ensinou historia, filosofía, literatura e escritura. Viaxou moito e viviu en Grecia e Alemaña.

Citar esta obra

Estilo APA

Mark, J. J. (2026, March 17). Mascotas nórdicas na época viquinga. (C. F. Montero, Tradutor). World History Encyclopedia. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1313/mascotas-nordicas-na-epoca-viquinga/

Estilo Chicago

Mark, Joshua J.. "Mascotas nórdicas na época viquinga." Traducido por Carla Fernández Montero. World History Encyclopedia, March 17, 2026. https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1313/mascotas-nordicas-na-epoca-viquinga/.

Estilo MLA

Mark, Joshua J.. "Mascotas nórdicas na época viquinga." Traducido por Carla Fernández Montero. World History Encyclopedia, 17 Mar 2026, https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1313/mascotas-nordicas-na-epoca-viquinga/.

Eliminar anuncios