---
title: Prodixios: a percepción dos terremotos desde Xulio Obsecuente a L'Aquila
author: Irene Fanizza
translator: Eva Bruzos Bruyel
source: https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-460/prodixios-a-percepcion-dos-terremotos-desde-xulio/
format: machine-readable-alternate
license: Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike (https://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/4.0/)
updated: 2026-08-11
---

# Prodixios: a percepción dos terremotos desde Xulio Obsecuente a L'Aquila

Autor: [Irene Fanizza](https://www.worldhistory.org/user/Irene/)_
Traducido por [Eva Bruzos Bruyel](https://www.worldhistory.org/user/evabruzos)_

O bonito de ser arqueóloga é ter a sorte de me atopar nunha escavación arqueolóxica algo que se conserva nun estado relativamente bo. En maior ou menor grao, hai quen estuda como a natureza axuda a conservar os obxectos e os edificios; e hai quen estuda os axentes naturais de destrución, coma un pH concreto no chan, unha serie de desbordamentos dun río ou calquera outro suceso catastrófico. Pode que as erupcións volcánicas borrasen do mapa civilizacións enteiras, pero, á inversa, a cinza e o feluxe que orixinan son especialmente bos á hora de preservar os obxectos antigos. Ademais, os depósitos de feluxe a miúdo permiten identificar a época dunha erupción concreta, incluso a miles de quilómetros de distancia do cráter en cuestión.

Pola contra, os terremotos sempre foron unha molestia para a humanidade. A terra está viva: móvese e actúa ininterrompidamente; e, igual ca ninguén é capaz de previr as inundacións, ninguén pode predicir cando volverá tremer a terra. Os fenómenos naturais que afectan o noso territorio adoitan ser impredicibles e, desde logo, inevitables. Malia isto, a xente continúa vivindo e construíndo en zonas de alto risco sísmico (coma, por exemplo, California, Italia e Xapón), algo que nos custa comprender. Nalgúns países, os avances nas técnicas de construción permitiron desenvolver medidas que contrarrestan os efectos destrutivos dos terremotos. Noutros países, en cambio, este non foi o caso e ata os edificios máis modernos corren o risco de que un terremoto os dane considerablemente. Entón, imaxinémonos que destino lles agarda nestes lugares aos edificios que puidesen sobrevivir desde a Idade Antiga ou a Idade Media.

[ ![Hellenistic Gate, Butrint](https://www.worldhistory.org/img/r/p/500x600/863.jpg?v=1777898347-1777898347) Porta helenística, Butroto, Albania Mark Cartwright (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/863/hellenistic-gate-butrint/ "Hellenistic Gate, Butrint")Italia, abondosa en edificios históricos, leva desde hai milenios moi a mercé destes fenómenos inexorables, que cambian constantemente o perfil das súas terras. Hai millóns de anos que o escudo ou placa africana empurra cun movemento de subdución a placa eurasiática (é dicir, a placa africana estase a afundir por debaixo da eurasiática). As dúas placas tentan contrarrestarse mutuamente, polo que se vai acumulando moitísima forza; entón, no momento en que as placas xa non soportan máis a presión, libérase unha forza tan tremenda que crea unha onda de choque. Desde épocas inmemoriais, este mecanismo sempre foi o mesmo: pulo, acumulación de enerxía, liberación repentina dunha cantidade inxente de enerxía acumulada e xeración dos conseguintes terremotos.

Para quen estudase de preto a xeoloxía e a topografía da antiga Italia, o nome de Xulio Obsecuente non lle resultará descoñecido. Foi un escritor romano que describiu estes fenómenos sísmicos extraordinarios: eses prodixios do ceo estrelado, da natureza, e en particular os terremotos. Xulio describiunos por orde cronolóxica seguindo a lista dos cónsules romanos (as partes que chegaron a nós oscilan entre o 249 a.C. e o 12 a.C.); el é a nosa fonte primaria para comprender como os terremotos azoutaron Italia ao longo dos séculos.

Xulio Obsecuente escribiu no seu *Libro dos prodixios* que, despois dun terremoto no 100 a.C., partes dos muros seguían asombrosamente en pé. En concreto, o que lle chocaba a Obsecuente era que só ficasen intactos os muros exteriores das casas. No curso da historia, deixamos polo camiño unha longa serie de monumentos, ás veces cidades enteiras, por culpa dos desastres naturais. Adoitamos pensar que toda esta destrución é consecuencia de que antes, quizais, non se tiñan uns coñecementos axeitados; de que as construcións non eran sólidas abondo; ou incluso de que interviñan fenómenos sobrenaturais, coma os que levaron a Xulio a preguntarse como era posible que un muro torto puidese manter o equilibrio sen que nada, aparentemente, o sostivese.

Con todo, os terremotos da época romana dos que temos constancia son o resultado dunha selección deliberada, que tendía a centrarse en grandes cidades coma Atenas e Roma ou, nos tempos republicanos que documentou Xulio, na parte de Italia que estaba baixo o dominio de Roma. Os sismos que afectaban as aldeas e as zonas rurais adoitaban ignorarse. Estes sucesos prodixiosos, tal e como nolos transmitiu Xulio, sempre estaban relacionados con sucesos políticos e interpretábanse como unha reacción ao quebrantamento da *pax deorum* (ou paz dos deuses) por parte da humanidade. Os pecados que causaban estes sucesos expiábanse con sacrificios rituais e cerimonias relixiosas. Un exemplo do que falou Xulio é o terremoto do 91 a.C., que se notou por todo o sur de Italia e que se asociou cun suceso concreto da historia de Roma: a guerra civil entre os romanos e certos aliados que pedían a cidadanía romana.

No contexto da antigüidade europea, Italia sempre foi a gran protagonista dos desastres naturais da historia, pero as erupcións volcánicas e os terremotos tamén causaron moita destrución (ou conservación nalgúns casos) por todo o Mediterráneo. Unha pensa na erupción minoica (II milenio a.C.) de Thera, a actual Santorini, ou na erupción do Vesubio do 79 d.C.

Polo que respecta aos terremotos, un estudo abraiante do Laboratorio Avanzado de Sismoloxía Histórica (CFTILab) do Instituto Nacional de Xeofísica e Vulcanoloxía (INGV) italiano compilou unha gran base de datos de actividade sísmica, que abrangue do 461 a.C. a 1997 d.C. para a zona de Italia e do 760 a.C. a 1500 d.C. para a zona do Mediterráneo. Ademais, algúns dos terremotos están directamente relacionados coa actividade volcánica, como pode verse indo a Herculano no mapa, onde a sacudida do 25 de agosto do 79 d.C. aparece marcada en vermello ().

Debemos dicir que, probablemente, o que vaia quedarnos do mundo antigo de aquí en adiante só dependa de nós e non da natureza; sen dúbida, os restos que temos son máis sólidos ca os que destruíu o paso do tempo. Na actualidade, é difícil imaxinarse (aínda que non imposible) que un terremoto poida levarse o pouco que nos queda do mundo antigo. Os materiais e as técnicas de construción que se empregaban na antigüidade eran moito máis sólidos e consistentes que despois na Idade Media. Sempre lembramos Herculano e Pompeia, onde vemos como, malia a gran sacudida, os edificios mantivéronse en pé estruturalmente ben: os muros eran máis fortes e espesos e estaban mellor cohesionados, polo que ata se conservaron algunhas fiestras. Isto contrasta con algunhas torres medievais, cuxos elementos construtivos máis pequenos e peor ensamblados ca os das construcións romanas caeron en mil anacos.

[ ![The Colosseum of Rome](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/282.jpg?v=1714874529) Coliseo de Roma Diliff (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/282/the-colosseum-of-rome/ "The Colosseum of Rome")O actual estado italiano perdeu L'Aquila o 6 de abril de 2009 nun terremoto de magnitude 6,3 que destruíu cidades, quebrou vidas e ocasionou momentos de angustia. Non é moi probable que o patrimonio cultural danado no terremoto recupere o esplendor do pasado e as baixas humanas poñen nun segundo plano esta clase de preocupacións polos edificios historicamente importantes. Só o tempo sandará as feridas. En 2012, outra catástrofe sísmica volveu azoutar Italia, esta vez en Emilia‑Romaña, lixeiramente ao norte da cidade de L'Aquila.

En Emilia‑Romaña, unha ondada de terremotos (1.600 sacudidas) desestabilizou e atormentou sen parar toda a rexión durante dous meses. A ondada, con picos de 5,8 e 5,9 na escala de Richter, destruíu algúns dos símbolos medievais máis importantes de Italia. A zona afectada incluíu todo o norte de Italia es os terremotos tamén se notaron en Suíza. Durante dous meses, todo o mundo, eu incluída, camiñamos co temor de que outra sacudida nos levase a todos por diante.

Con todo, agora que calmou a ondada de destrución, comeza a reconstrución dos danos materiais. Por exemplo, con respecto á torre dos Modeneses (municipio de Finale Emilia), construída no século XIII, un grupo de voluntarios encargouse de reunir e catalogar un por un os ladrillos que caeron e tentarán reconstruír a torre cos mellores fragmentos. En cambio, o castelo dos Este (Finale Emilia), construído en 1402 e cuxas torres caeron ao chan unha por unha, tivo menos sorte e pode que a súa reconstrución sexa imposible. Moi lonxe de alí, apareceron gretas nas igrexas de Pisa, Venecia, Mantua e Padua, onde a basílica de San Antonio de Padua se viu especialmente danada.

Xulio Obsecuente preguntábase que clase de prodixio impediu que os muros se derrubasen no 100 a.C. Agora, case 2.000 anos despois, atopámonos na mesma situación en Italia e preguntámonos por que, malia a evidencia, a traxedia e os datos científicos, empeñámonos en seguir construíndo nestas zonas. Pode que os terremotos de Italia parezan pouca cousa comparados cos dos Ánxeles ou Toquio, pero é que nós os italianos custodiamos cousas fráxiles, esas cousas que o tempo só pode manter se lle botamos unha man.

A continuación, vén unha lista dos danos que causaron os terremotos nos sitios cultural e historicamente importantes da zona afectada do 20 de maio ao 20 de xullo de 2012.

**Crevalcore, Boloña** 
Derruba do castelo de Ronchi. Derruba do castelo de Galeazza. Edificio do concello inutilizable. O centro histórico, declarado zona perigosa, evacuouse por completo.

**Molinella, Boloña** 
Diversos danos nos edificios do centro; danos no novo polideportivo; e danos graves no edificio do século XIX que albergaba o instituto de formación profesional (IPSIA) A. Fioravanti da praza Massarenti, que se declarou inutilizable tras as medicións técnicas.

**Brescia, Brescia** 
Novas deterioracións diante do monte de piedade, así como na igrexa de San Clemente.

**Verolavecchia, Brescia** 
Deterioracións no campanario da igrexa parroquial dos Santos Pedro e Paulo.

**Casalmaggiore, Cremona** 
Danos graves na cúpula de Santo Estevo, que, xa danada nos dous terremotos previos de xaneiro de 2012, declarouse inutilizable.

**Cremona, Cremona** 
Danos leves nalgúns edificios antigos; evacuados todos os colexios da cidade, algúns seriamente danados.

**Scandolara Ravara, Cremona** 
Danos graves na igrexa da Asunción.

**Bondeno, Ferrara** 
Varios edificios danados. Derruba total ou parcial de distintas construcións, sobre todo históricas e industriais. Danos graves nas igrexas das fraccións (pedanías) de Scortichino, Burana, Gavello y Pilastri; nesta última, ademais, o edificio histórico do palacio dos Mosti viuse seriamente danado.

**Burana (fracción de Bondeno), Ferrara** 
Danos graves na igrexa e no campanario da vila.

**Ferrara, Ferrara** 
Danos en distintas construcións, superficiais na súa maioría. Os maiores estragos déronse nos edificios históricos e nas vivendas da zona antiga. Danos nos bens patrimoniais e históricos da cidade cuantificables en ducias de millóns de euros.

**Mirabello, Ferrara** 
Moitos edificios danados e parcialmente derrubados. Derrubas parciais e danos graves na igrexa de San Paulo.

**Poggio Renatico, Ferrara** 
Danos graves no castelo dos Lambertini (derruba da torre) e na igrexa abacial de San Miguel (danos no campanario e na cúpula).

**Pilastri (fracción de Bondeno), Ferrara** 
Danos graves na igrexa e no edificio histórico do palacio dos Mosti.

**Mantua, Mantua** 
Caída da lanterna da cúpula, parcialmente danada, do campanario da basílica palatina de Santa Bárbara, anexa ao palacio ducal, algunhas de cuxas áreas se viron danadas. Danos na basílica de San Andrés, o museo diocesano, o palacio do Podestà, o palacio da Razón e o palacio do Té.

**Poggio Rusco, Mantua** 
A igrexa viuse seriamente danada, sobre todo no terremoto do 29 de maio, que provocou o desprazamento da torre, así como danos graves no concello e numerosas gretas e derrubas na Falconiera (a torre que é símbolo do municipio).

**Roncoferraro, Mantua** 
Danada a igrexa da fracción de Villa Garibaldi.

**Sabbioneta, Mantua** 
Danada a igrexa parroquial da fracción de Villa Pasquali e prohibido o uso da igrexa do Carme de Sabbioneta. Monumentos históricos levemente danados. Evacuada a ermida de San Remixio.

**San Giacomo delle Segnate, Mantua** 
Igrexa seriamente danada: derruba de parte do frontón e derruba das bóvedas do interior. Campanil inclinado, con risco de caída. Seriamente danada a vila Arrigona.

**Suzzara, Mantua** 
Danado o campanario da igrexa da Inmaculada Concepción, ao que se lle retirou a cúpula. Danos leves na torre.

**Carpi, Módena** 
Danos superficiais nalgúns edificios; a peor parte levouna o patrimonio artístico, cun desprendemento na catedral da localidade que feriu o sacerdote.

**Cavezzo, Módena** 
Calcúlase que un 75 % dos edificios do municipio resultaron seriamente danados.

**Mirandola, Módena** 
Graves prexuízos ou derrubas parciais en moitos edificios da zona histórica, que se evacuou e se declarou zona perigosa. Danos graves no muro oeste do castelo dos Pico, cuxa estrutura quedou moi comprometida. Danos no concello, onde os soportais quedaron separados do edificio principal; danos estruturais e no soportal norte, así como caída dos pisos. Bóvedas derrubadas na igrexa de Xesús. Derruba da catedral (teito e naves) e da igrexa de San Francisco (que se veu totalmente abaixo, incluída a campá). Moi danados outros edificios históricos e públicos.

**Finale Emilia, Módena** 
Derruba da fortaleza (*rocca*) dos Este no terremoto do 20 de maio de 2012. Caída da torre dos Modeneses, tamén chamada «torre do Reloxo».

**San Felice sul Panaro, Módena** 
Estableceuse unha zona perigosa na zona histórica, que se evacuara previamente debido ás derrubas xeneralizadas. Derrubas parciais e danos graves na fortaleza dos Este. Derrubamento da catedral e do seu campanario e danos graves noutras igrexas e monumentos históricos. Derruba da torre do reloxo.

**San Possidonio, Módena** 
Derrubas no campanario da igrexa de San Posidonio.

**Padua, Padua** 
Danos menores na basílica de San Antonio; na abadía de Santa Xustina (cun ferido leve); e noutros lugares de culto e edificios históricos (algúns dos cales pecharon ao público). Danos graves na igrexa de Santa Lucía, cuxa fachada é agora un perigo. O palacio Maldura, seriamente danado e inutilizable, estivo a rehabilitarse para facelo accesible aos estudantes ao comezo do novo curso académico na Universidade de Padua.

**Pisa, Pisa** 
Danado o palacio da Sabedoría.

**Brescello, Reggio Emilia** 
Danos leves na igrexa da Natividade da Virxe María.

**Correggio, Reggio Emilia** 
Danos xeneralizados en todo o patrimonio histórico. Danos na torre cívica e na basílica adxacente de San Quirino, así como no salón do concello, a igrexa de Santa María da Misericordia, a igrexa de Santa Clara e o santuario da Virxe da Rosa.

**Guastalla, Reggio Emilia** 
Danos estruturais no palacio ducal, no centro da cidade; declarada inutilizable unha parte da zona histórica; e varios edificios danados.

**Gualtieri, Reggio Emilia** 
Danos estruturais de considerable magnitude no palacio dos Bentivoglio, no centro da cidade, así como no palacio dos Greppi e na igrexa de Santa Vitoria, ambos na viliña homónima de Santa Vittoria.

**Reggiolo, Reggio Emilia** 
Danados algúns edificios, a fortaleza e construcións agrícolas: danos semellantes á maioría dos rexistrados na provincia de Reggio Emilia.

**Ficarolo, Rovigo** 
Danados algúns edificios. O campanario, xa inclinado, ladeouse aínda máis e corre o risco de se derrubar.

**Venecia, Venecia** 
Caída dunha estatua preto dunha muller nos xardíns Papadopoli.

#### Editorial Review

This human-authored article has been reviewed by our editorial team before publication to ensure accuracy, reliability and adherence to academic standards in accordance with our [editorial policy](https://www.worldhistory.org/static/editorial-policy/).

## Bibliografía

- [Another deadly earthquake shakes northern Italy](http://edition.cnn.com/2012/05/29/world/europe/italy-earthquake/index.html "Another deadly earthquake shakes northern Italy"), accessed 1 Dec 2016.
- [Catalog of strong earthquakes in Italy from 461 BC to 1990 (Italian)](http://www.protezionecivile.fvg.it/ProtCiv/GetDoc.aspx/35730.pdf "Catalog of strong earthquakes in Italy from 461 BC to 1990 (Italian)"), accessed 1 Dec 2016.
- [IULII OBSEQUENTIS AB ANNO URBIS CONDITAE DV PRODIGIORUM LIBER](http://www.thelatinlibrary.com/obsequens.html "IULII OBSEQUENTIS AB ANNO URBIS CONDITAE DV PRODIGIORUM LIBER"), accessed 1 Dec 2016.
- [Map of Catalogue of Strong Earthquakes - Italy, Mediterranean Area](http://storing.ingv.it/cfti4med/# "Map of Catalogue of Strong Earthquakes - Italy, Mediterranean Area"), accessed 1 Dec 2016.
- [2012 Northern Italy earthquakes](http://en.wikipedia.org/wiki/2012_Northern_Italy_earthquakes "2012 Northern Italy earthquakes"), accessed 1 Dec 2016.
- Guidoboni E, Comastri A. and Traina G. *Catalogue of Ancient Earthquakes in the Mediterranean area up to 10th century.* Bologna, INGV-SGA, 1994
- Guidoboni E. and Comastri A. *Catalogue of Earthquakes and Tsunamis in the Mediterranean area - 11th -15th century.* Bologna, INGV-SGA, 2005

## Citar esta obra

### APA
Fanizza, I. (2026, August 11). Prodixios: a percepción dos terremotos desde Xulio Obsecuente a L'Aquila. (E. B. Bruyel, Tradutor). *World History Encyclopedia*. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-460/prodixios-a-percepcion-dos-terremotos-desde-xulio/>
### Chicago
Fanizza, Irene. "Prodixios: a percepción dos terremotos desde Xulio Obsecuente a L'Aquila." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. *World History Encyclopedia*, August 11, 2026. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-460/prodixios-a-percepcion-dos-terremotos-desde-xulio/>.
### MLA
Fanizza, Irene. "Prodixios: a percepción dos terremotos desde Xulio Obsecuente a L'Aquila." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. *World History Encyclopedia*, 11 Aug 2026, <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-460/prodixios-a-percepcion-dos-terremotos-desde-xulio/>.

## Licenza e dereitos de autor

Presentado por [Eva Bruzos Bruyel](https://www.worldhistory.org/user/evabruzos/ "User Page: Eva Bruzos Bruyel"), publicado o 11 August 2026. Por favor, consulte a(s) fonte(s) orixinal(ais) para obter información sobre os dereitos de autor. Téñase en conta que o contido ao que se enlaza desde esta páxina pode ter diferentes termos de licenza.

