---
title: A bruxa de Bell: Mellor atoparlle unha razón ao sufrimento
author: Joshua J. Mark
translator: Carla Fernández Montero
source: https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2810/a-bruxa-de-bell/
format: machine-readable-alternate
license: Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike (https://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/4.0/)
updated: 2026-03-10
---

# A bruxa de Bell: Mellor atoparlle unha razón ao sufrimento

Autor: [Joshua J. Mark](https://www.worldhistory.org/user/JPryst/)_
Traducido por [Carla Fernández Montero](https://www.worldhistory.org/user/carla.rcy)_

Todo comezou cun granxeiro disparando a «algo» nun campo. Ou pode que comezase a raíz dunha discusión cunha veciña. Ou, talvez, xamais sucedeu. Sen importar como comezase, a lenda da bruxa de Bell é un conto popular nos Estados Unidos desde mediados do século XIX e, na actualidade, atrae un público internacional. A longametraxe *Aparicións* (*An American Haunting*, 2005) tivo unha recadación respectable nos cines, malia as malas recensións dos críticos. O filme está baseado na novela *The Bell Witch: An American Haunting* (A bruxa de Bell: unha posesión americana, 2000) de Brent Monahan, a cal si tivo unha boa acollida.

[ ![Cover of The Authenticated History of the Bell Witch](https://www.worldhistory.org/img/r/p/500x600/21135.png?v=1760606001-1760606037) Portada de The Authenticated History of the Bell Witch Rare Book Reprints (Public Domain) ](https://www.worldhistory.org/image/21135/cover-of-the-authenticated-history-of-the-bell-wit/ "Cover of The Authenticated History of the Bell Witch")Estas son só dúas das moitas obras relacionadas coa bruxa de Bell, sen esquecer a popular atracción turística da cova da bruxa de Bell (*Bell Witch Cave*) e o festival de outono da bruxa de Bell (*Bell Witch Fall Festival*), en Adams, Tennessee, no que se inclúe a obra de teatro *Spirit*. Tamén existen numerosas páxinas web, especiais de televisión, documentais e outras obras (como o éxito cinematográfico *O proxecto da bruxa de Blair*, 1999), que tratan ou se inspiran na historia da bruxa de Bell.

A bruxa recibe o seu nome pola familia Bell e polos acontecementos sobrenaturais que viviron entre 1817 e 1821. Aínda se debate se ditos sucesos realmente ocorreron tal e como se describen, pero, antes de 1820, non existía ningunha «bruxa de Bell». Había contos de bruxas, por suposto, pero non sobre esta en concreto que, desde entón, se tornou lendaria.

Como calquera lenda perdurable, a historia da bruxa de Bell conecta co público porque toca un aspecto crucial da condición humana. Cal poida ser ese aspecto depende da interpretación de cada persoa, e eu sei tanto como todos vós, pero, para min, aborda a necesidade de atopar un xeito de explicar o sufrimento.

### A lenda da bruxa de Bell

A historia comeza en 1817 cando John Bell, un granxeiro da comunidade de Red River (o actual Adams, Tennessee), se atopou cunha estraña criatura, do tamaño dun can grande coa cabeza dun coello, sentada nun dos seus campos. O seu primeiro impulso foi dispararlle (e, talvez, a moral da historia é que cando disparas primeiro e preguntas despois, non debes esperar que pase nada bo), pero, ao disparar, a criatura simplemente desapareceu.

Algunhas versións da lenda contan que, xusto antes deste suceso, John Bell tivo un altercado cunha veciña, Kate Batts, quen afirmaba que a enganara nun negocio de terras. A xente da comunidade consideraba a Batts unha bruxa, por iso algunhas versións din que os eventos sobrenaturais se deberon a que Batts maldixo a Bell.

Esta afirmación apóiase en sucesos posteriores nos que o espírito que atormenta á familia Bell se identifica como «Kate». Con todo, a historia pódese desenvolver e explicar igual de ben sen a presencia de Batts. O acontecemento no campo podería interpretarse como se, ao disparar contra o «algo», Bell enfurecese a un espírito de terra que pasaba por aí. Os sucesos posteriores serían, pois, resultado deste espírito en busca de vinganza contra o home que o saudara de xeito tan pouco educado.

Pouco despois de que Bell disparase ao can con cabeza de coello, comezaron a escoitarse ruídos estraños por toda a casa: petaban na porta e non había ninguén, golpes nas paredes, portas e teito, repique de cadeas e algo roendo a madeira. Viron un gran can ou lobo negro polas leiras e, co tempo, empezaron a desaparecer as mantas da cama durante a noite, oíanse voces murmurando e algo atacou fisicamente a Betsy, a filla de 14 anos de Bell. Unha entidade invisible dáballe labazadas e tiráballe do pelo.

[ ![Bell Witch Cave](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/21137.jpeg?v=1776633245-1760600926) Cova da bruxa de Bell Www78 (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/21137/bell-witch-cave/ "Bell Witch Cave")John Bell mantivo estes acontecementos en segredo dos veciños durante todo o tempo que puido, pero acabou pedindo axuda ao seu amigo e veciño, James Johnston. Johnston e a súa muller acordaron pasar unha noite na casa e, aínda que escépticos ao principio, experimentaron os mesmos sucesos. Johnston díxolle a Bell que a casa estaba embruxada por un espírito maligno, como os que se mencionan na Biblia.

Unha vez estendida a historia, a xente empezou a viaxar á casa dos Bell para facerlle preguntas ao espírito, coma se facía cos oráculos. Porén, as respostas eran enigmáticas, case adiviñas. A entidade parecía ser capaz de percorrer enormes distancias en segundos ou estar en dous lugares á vez, como cando foi capaz de recitar as palabras de dous sermóns que se predicaron ao mesmo tempo a 21 km (13 millas) de distancia.

A noticia seguiu difundíndose e chegou ao xeneral Andrew Jackson. Este xa coñecía aos Bell, posto que John Jr. e os seus irmáns, Jesse e Drewry, loitaran baixo o seu mando na batalla de Nova Orleáns en 1815. Jackson achegouse á casa de Bell cunha gran carreta de provisións, a cal, de súpeto, quedou atrapada sen motivo. Despois de moitos intentos falidos de mover as rodas, Jackson dixo: «Polo eterno, rapaces! Isto debe ser a bruxa de Bell!» E, de repente, oíron unha voz incorpórea que lles dicía que os vería máis tarde. Entón, a carreta liberouse e as rodas volveron a funcionar.

[ ![Bell Witch Marker, Adams Tennessee](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/21136.jpeg?v=1776633251-1760600156) Poste da bruxa de Bell, en Adams, Tennessee Brian Stansberry (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/21136/bell-witch-marker-adams-tennessee/ "Bell Witch Marker, Adams Tennessee")Esa noite, na casa dos Bell, o grupo de Jackson foi testemuña de como un deles (que afirmaba ser un 'domador de bruxas') foi atacado por algunha forza invisible que o lanzou fóra da casa. O grupo enteiro marchou rapidamente á mañá seguinte. Jackson afirmou que preferiría loitar de novo contra os británicos antes que enfrontarse á bruxa de Bell.

O espírito centrou a súa atención en John e Betsy Bell (e, ás veces, nos outros fillos) pero deixou tranquila á muller de John, Lucy, e a John Jr. O espírito xurou repetidas veces que mataría a John Bell e, en 1820, así o fixo. Atopárono morto o 20 de decembro de 1820. Fora envelenado con algún estraño líquido nun frasco que ninguén da familia vira antes. Cando tiraron o contido do frasco ao lume, explotou nunha misteriosa chama azul.

No funeral de John Bell, ao que asistiu unha gran multitude de xente, a entidade apareceu, cara ao final, cantando cancións de borracho. Seguiu cantando e non parou ata que as últimas persoas cruzaron as portas do cemiterio.

Coa morte de John Bell, podería esperarse que o espírito deixase a familia en paz, pero non foi así. A entidade parecía especialmente enfadada polo compromiso de Betsy cun mozo chamado Joshua Gardner e atormentouna ata que cancelou o compromiso en 1821.

Despois, o espírito visitou á familia e díxolles que agora marchaba, pero que volvería en sete anos e, segundo os relatos, así foi. Volveu para proporcionarlle a John Jr. información sobre o futuro e, logo, nunca máis se volveu a saber dela. Ou, segundo algúns, nunca marchou e aínda está alí en Adams, Tennessee, e sempre o estará.

### A historia da bruxa de Bell

Os debates sobre se a bruxa de Bell é unha lenda ou unha realidade histórica levan máis de 100 anos en curso, pero esa discusión non se abordará aquí. A bruxa de Bell menciónase (aínda que non polo seu nome) nunha carta do capitán John R. Bell (quen non está relacionado coa familia da lenda) en 1820. Non obstante, o primeiro relato completo da historia é *An Authenticated History of the Famous Bell Witch* (Unha historia autenticada da famosa bruxa de Bell, 1894) de M. V. Ingram, editor e escritor dun xornal.

[ ![Bell Witch Illustration](https://www.worldhistory.org/img/r/p/500x600/21227.jpg?v=1760820845-1760600861) Ilustración da bruxa de Bell M. V. Ingram (Public Domain) ](https://www.worldhistory.org/image/21227/bell-witch-illustration/ "Bell Witch Illustration")Ingram afirmaba que tiña un manuscrito de Richard Williams Bell, fillo de John Bell, que lle entregara o fillo de R. Williams, James Allen Bell, no cal se proporciona unha testemuña dos acontecementos que ocorreron na casa dos Bell entre 1817 e 1821. Ingram afirma que o seu libro é unha transcrición fiel de dita testemuña:

> O autor limítase a recompilar a información e presentar a historia dun dos maiores misterios existentes, tal e como a deixou escrita Williams Bell, un membro da familia, uns 56 anos atrás. Preséntaa xunto con outros testemuños corroborativos de homes e mulleres de carácter irreprochable e veracidade incuestionable.
> Pode ser unha historia estraña, pero é auténtica. Non só segundo o rexistrado por Williams Bell, senón tamén segundo o transmitido pola xeración actual do país a través de recordos familiares daquel período tan axitado e emocionante do século que puxo a centos de persoas a investigar (incluído o xeneral Andrew Jackson) e que é recoñecido en todos os fogares como unha verdade histórica. 
> (vii-viii)

Estas palabras causan gran impresión, pero, en realidade, non hai ningún rexistro dos «centos de persoas» que investigaron, ningunha proba das bandadas de persoas que ían á casa dos Bell para facerlle preguntas ao espírito, e ningún relato que sitúe a Andrew Jackson preto da casa dos Bell entre 1817 e 1821. Non hai nin sequera probas de que Jackson coñecese á familia Bell, nin tampouco ningún informe dos moitos que dixeron ter asistido ao funeral de John Bell, no que un espírito incorpóreo cantou cancións de borracheira ao final.

Moitos historiadores, folcloristas e académicos afirman que Ingram probablemente se inventou toda a historia (posto que o manuscrito de R. Williams Bell nunca se atopou), ou que R. Williams Bell creou a ficción, ou alguén algún tempo antes da aparición da carta do capitán John R. Bell en 1820.

Se a historia é ficción, os toques históricos danlle peso e fundaméntana no tempo. Os feitos non sucederon «nalgún momento» senón entre 1817 e 1821. Os acontecementos non os presenciou «calquera», senón o xeneral Andrew Jackson, que se convertería no sétimo presidente dos Estados Unidos. Se a historia é un relato de feitos reais, como moitos afirman que é, entón estes detalles son simplemente parte da historia da familia.

### Conclusión

Unha historia, con todo, non precisa ser «verdadeira» para ser significativa. Os contos populares, as lendas e os mitos non necesitan ter «sucedido realmente» para conectar co público ao longo de séculos e entre culturas. Insistir na historicidade da lenda da bruxa de Bell pode acabar por quitarlle valor, ao intentar definila e mantela dun xeito restritivo. Como calquera conto popular, a historia necesita espazo para respirar e crecer e, así, permitir que se engadan, eliminen ou modifiquen detalles. E o que significa ese conto debería estar aberto á interpretación de calquera que o escoite ou o lea, queira tomalo como feito real ou como ficción.

No relato do autor estadounidense James Baldwin, *Sonny's Blues*, o personaxe Sonny di:

> Non, non hai xeito de non sufrir. Pero intentas de moitas maneiras non afogar niso, manterte a flote e que pareza... en fin, coma ti. Como se fixeras algo, o aceptases e agora sufrises por iso... Por que sofre a xente? Quizais o mellor sexa facer algo para darlle unha razón, calquera razón. 
> (Perkins & Perkins, 1715)

Non podo dicir con certeza que significa a lenda da bruxa de Bell, pero creo que todo se resume a esta vella pregunta: «Por que lles pasan cousas malas á xente boa?» Sabemos que John Bell e a súa familia existiron e que se lles tiña en alta consideración, e que, quizais, entre 1817 e 1821, sufriron moito sen causa aparente, sen ter feito nada malo.

E quizais todo pasou tal e como se detalla no famoso relato. Non obstante, pode que Baldwin teña razón, e é todo máis doado se podes darlle unha razón ao sufrimento, calquera razón, mesmo se é unha bruxa que quere castigarte por motivos completamente descoñecidos. E, se cadra, así foi como os veciños dos Bell explicaron o que lles parecía inexplicable (que é o que mellor adoitan facer os mito e a lendas) e conseguiron darlle unha mellor razón para o sufrimento que ningunha razón en absoluto.

*Nota do autor: Agradecemento especial a Harrison W. Mark por suxerir este artigo.*

#### Editorial Review

This human-authored article has been reviewed by our editorial team before publication to ensure accuracy, reliability and adherence to academic standards in accordance with our [editorial policy](https://www.worldhistory.org/static/editorial-policy/).

## Bibliografía

- [Bell Witch Essay: Are Authentic Stories Really Authentic?](http://www.bellwitch.org/bell_witch_essay_official.htm "Bell Witch Essay: Are Authentic Stories Really Authentic?"), accessed 29 Sep 2025.
- [Historic Bell Witch Cave](https://www.bellwitchcave.com/ "Historic Bell Witch Cave"), accessed 29 Sep 2025.
- [Ingram, M. V. *An Authenticated History of the Famous Bell Witch.* CreateSpace Independent Publishing Platform, 2013.](https://www.worldhistory.org/books/1482031639/)
- [Monahan, B. *The Bell Witch: An American Haunting.* St. Martin's Griffin, 2000.](https://www.worldhistory.org/books/0312262922/)
- [Moretti, N. *The Bell Witch Anthology.* BookSurge Publishing, 2008.](https://www.worldhistory.org/books/B01K16YB0W/)
- [Perkins, G. & Perkins, B. *The American Tradition in Literature, Volume 2.* McGraw Hill, 2008.](https://www.worldhistory.org/books/0077239059/)
- [Spirit - Bell Witch Fall Festival](https://bellwitchfallfestival.com/our-shows/spirit/ "Spirit - Bell Witch Fall Festival"), accessed 29 Sep 2025.
- [The Bell Witch Site: The Story of A Classic American Haunting](http://www.bellwitch.org/story.htm "The Bell Witch Site: The Story of A Classic American Haunting"), accessed 29 Sep 2025.

## Sobre o autor

Joshua J. Mark é cofundador de World History Encyclopedia e o diretor de Contidos. Anteriormente foi profesor no Colexio Marista de Nova York, onde ensinou historia, filosofía, literatura e escritura. Viaxou moito e viviu en Grecia e Alemaña.
- [Linkedin Profile](https://www.linkedin.com/pub/joshua-j-mark/38/614/339)

## Preguntas e respostas

### Qué é a bruxa de Bell?
A lenda da bruxa de Bell é a historia da familia Bell de Adams (Tennessee) que, entre 1817 e 1821, foi perseguida por un espírito malévolo. Moitos considérana unha historia real e a historia de pantasmas máis popular en Estados Unidos.

### Por que o espírito perseguía á familia Bell?
Ninguén sabe por que o espírito perseguía á familia Bell. Moitos historiadores, folcloristas e académicos consideran o conto unha lenda. Posibles razóns para a persecución son que John Bell disparou contra unha "criatura" nun campo ou que a súa veciña, unha bruxa, o maldiciu por unha disputa de terras.

### Que presidente dos Estados Unidos foi ver á bruxa de Bell?
Dise que o xeneral Andrew Jackson, que aínda non era presidente daquela, visitou á familia Bell e foi asustado pola bruxa de Bell. Polo que, tecnicamente, ningún presidente estadounidense foi a ver á bruxa de Bell. Nin sequera hai probas de que Jackson realmente o fixese.

### A bruxa de Bell é o mesmo que a bruxa de Blair?
Non. A bruxa de Bell é unha lenda do século XIX. The Blair Witch Project é un filme de 1999 inspirado, en parte, na lenda da bruxa de Bell.


## Vínculos externos

- [Bell Witch Questions Answered by Researcher Pat Fitzhugh](http://www.bellwitch.org/bell_witch_questions.htm)
- [Spirit - Bell Witch Fall Festival](https://bellwitchfallfestival.com/our-shows/spirit/)
- [The Official Home Of The Bell Witch Cave](https://www.bellwitchcave.com/)
- [Tennessee State Museum - Legends: The Bell Witch](https://tnmuseum.org/junior-curators/posts/tennessee-legends-the-bell-witch)

## Citar esta obra

### APA
Mark, J. J. (2026, March 10). A bruxa de Bell: Mellor atoparlle unha razón ao sufrimento. (C. F. Montero, Tradutor). *World History Encyclopedia*. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2810/a-bruxa-de-bell/>
### Chicago
Mark, Joshua J.. "A bruxa de Bell: Mellor atoparlle unha razón ao sufrimento." Traducido por Carla Fernández Montero. *World History Encyclopedia*, March 10, 2026. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2810/a-bruxa-de-bell/>.
### MLA
Mark, Joshua J.. "A bruxa de Bell: Mellor atoparlle unha razón ao sufrimento." Traducido por Carla Fernández Montero. *World History Encyclopedia*, 10 Mar 2026, <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2810/a-bruxa-de-bell/>.

## Licenza e dereitos de autor

Presentado por [Carla Fernández Montero](https://www.worldhistory.org/user/carla.rcy/ "User Page: Carla Fernández Montero"), publicado o 10 March 2026. Por favor, consulte a(s) fonte(s) orixinal(ais) para obter información sobre os dereitos de autor. Téñase en conta que o contido ao que se enlaza desde esta páxina pode ter diferentes termos de licenza.

