---
title: Como perdeu o coello o seu rabo
author: Joshua J. Mark
translator: Carla Fernández Montero
source: https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2390/como-perdeu-o-coello-o-seu-rabo/
format: machine-readable-alternate
license: Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike (https://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/4.0/)
updated: 2026-06-15
---

# Como perdeu o coello o seu rabo

Autor: [Joshua J. Mark](https://www.worldhistory.org/user/JPryst/)_
Traducido por [Carla Fernández Montero](https://www.worldhistory.org/user/carla.rcy)_

*Como perdeu o coello o seu rabo* é unha lenda sioux, parte mito de orixe e parte conto didáctico, que explica por que o coello ten ese aspecto, por que o bufo é unha ave nocturna e como se debe tratar aos membros da familia e á comunidade (que se entende coma a familia estendida) de cada un.

[ ![Desert Cottontail Rabbit](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/18579.jpg?v=1709554498-1709554510) Coello do deserto Alan Vernon (CC BY) ](https://www.worldhistory.org/image/18579/desert-cottontail-rabbit/ "Desert Cottontail Rabbit")A historia vai sobre dous irmáns: o poderoso irmán maior (un ser espiritual cuxo nome se traduce como «xenio») e Coello, o irmán máis novo. Unha vez que Coello medra e se considera adulto, ponse en marcha para experimentar o mundo e métese en todo tipo de problemas, sempre provocados pola súa propia inxenuidade e curiosidade. Non importa o molesto que sexa Coello nin cantas veces se lle advirta sobre o seu tipo de comportamento impulsivo que o mete en problemas, que o seu irmán maior sempre vai axudalo.

O irmán maior exemplifica o tipo de paciencia e forza que valoran os Sioux, tanto agora na actualidade como hai séculos, cando se compuxo esta historia. Suponse que un debe axudar a aqueles que precisan axuda, sen importar cantas veces pase nin cantos deses problemas os causen as súas propias accións. Na cultura Siouan (e na cultura nativo americana en xeral), o ben da comunidade é máis importante que os intereses ou necesidades individuais. Polo tanto, é igual cantas veces un «coello» da comunidade se meta en problemas, pois un «irmán maior» debería estar sempre disposto a ir axudar, mesmo desde mil quilómetros de distancia.

### Texto

O seguinte texto é de *Myths and Legends of the Sioux* (Mitos e lendas dos Sioux, 1916) de Marie L. McLaughlin, que era unha cuarta parte Sioux e vivía na reserva Sioux onde rexistrou estas historias, as cales antes se transmitían de forma oral, e as preservou por escrito. Non é posible datar a composición orixinal nin os cambios que puido sufrir a narración ao transmitila de xeración en xeración, pero a versión de McLaughlin é a máis antiga que apareceu en forma escrita.

[ ![North American Barn Owl in Flight](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/18580.jpeg?v=1717802529-1709544685) Bufo común norteamericano voando Bill Bouton (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/18580/north-american-barn-owl-in-flight/ "North American Barn Owl in Flight")Aínda que a figura mitolóxica do xenio (*jinn*) é unha figura mitolóxica moi coñecida do Oriente Próximo, as culturas nativo americanas desenvolveron a súa propia versión desta entidade sobrenatural, que McLaughlin traduce aquí como «xenio», pero que non debe entenderse como esa outra figura máis coñecida, a cal popularizou por primeira vez a literatura persa.

> Había unha vez dous irmáns: un xenio e, o outro, un coello. Como todos os xenios, o máis vello podía transformarse en calquera tipo de animal, paxaro, peixe, nube, trono e lóstrego ou, de feito, en calquera cousa que desexase.
> O irmán máis novo (Coello) era moi traste e metíase continuamente en todo tipo de problemas. O seu irmán maior estaba sempre ocupado sacando ao Coello de todo tipo de leas.
> Cando Coello creceu, quixo viaxar e ver algo de mundo. Cando lle dixo ao seu irmán o que tiña pensado facer, o irmán dixo: "Agora, Coello, eres Witkotko (traste), así que ten moito coidado e non te metas en problemas, na medida do posible. No caso de que te atopes con algún problema grave e non poidas resolvelo só, chámame e, non importa onde esteas, irei axudarche.
> Coello comezou a súa aventura e, o primeiro día, chegou a unha casa moi alta. Fóra, ao lado, había un piñeiro moi alto. A árbore era tan alta que Coello case non daba visto a cima da copa. Fóra da porta, sentado nunha enorme banqueta, estaba durmindo un xigante moi grande. Coello (que tiña un arco e frechas) amarrou o arco e, mentres sacaba unha frecha do carcás, dixo:
> Quero ver o grande que é este home, así que supoño que o espertarei. Entón, moveuse para un lado, apuntou ben e disparoulle ao xigante no nariz. Isto doeulle e espertou ao xigante, que se ergueu dun chimpo e gritou: «Quen tivo a ousadía de dispararme no nariz?».
> «Fun eu», dixo Coello.
> O xigante, ao escoitar unha voz, mirou ao seu redor, pero non viu nada, ata que mirou cara a esquina da casa. Alí sentado estaba Coello.
> «Tiven salouco esta mañá e pensei en facer unha boa comida, pero aquí non hai máis que un petisco».
> «Supoño que non serei o teu petisco», dixo Coello. «Eu son tan forte coma ti, aínda que sexa pequeno».
> «Xa veremos», dixo o xigante. Entrou na casa e saíu cun martelo que pesaba moitas toneladas.
> «Agora, señor Coello, veremos quen pode lanzar este martelo sobre a cima desa árbore».
> «Pensa nalgo máis difícil de facer», dixo Coello.
> «Ben, primeiro tentaremos isto», dixo o xigante. Entón, agarrou o martelo cas dúas mans, xirouno tres veces arredor da súa cabeza e tirouno dando voltas polo aire. Foi para arriba e arriba e sobrevoou o cume da árbore. Despois caeu, sacudiu a terra e quedou enterrado profundamente nela.
> «Ben», dixo o xigante, »se non consegues facer isto mesmo, voute comer dun bocado».
> «Eu sempre lle canto ao meu irmán antes de tentar cousas como esta», dixo Coello.
> Comezou a cantar e a chamar ao seu irmán. «*Cinye! Cinye*! (irmán, irmán)», cantou.
> O xigante púxose nervioso e dixo: «Rapaz, por que chamas ao teu irmán?».
> O Coello sinalou unha pequena nube negra que se achegaba moi rápido e dixo: «Ese é meu irmán. Pode destruírte a ti, á túa casa e ao piñeiro dun só suspiro».
> «Párao e déixote marchar», dixo o xigante.
> Coello axitou as patas e a nube desapareceu.
> Desde este lugar, Coello continuou a súa viaxe cara ao oeste. Ao día seguinte, mentres pasaba por un denso monte, pareceulle escoitar a alguén lamentándose, coma se estivese dorido. Parou a escoitar; axiña soprou o vento e os lamentos fixéronse máis fortes. Seguindo a dirección de onde viña o son, axiña descubriu a un home despoxado das súas roupas e atrapado entre dúas extremidades dun alto olmo. Cando sopraba o vento, as pólas rozaban e apertaban o home, que era quen emitía aqueles xemidos de dor.
> «Anda, tes un bo sitio aí arriba. Intercambiémonos. Podes baixar e eu ocuparei o teu lugar». (A este home puxérao alí enriba o irmán do Coello para castigalo, e non podería baixar a menos que alguén lle propuxese ocupar o seu lugar na árbore).
> «Moi ben», dixo o home. «Quita a roupa e achégate. Voute atar ás pólas e pódeste divertir aí todo o que queiras».
> Coello espiuse e subiu. O home colocouno entre os pólas e deslizouse pola árbore. Puxo con présa a roupa do Coello e, xusto cando acabara de asearse, o vento comezou a soprar moi forte.
> Coello estaba toleando ca dor e gritaba e choraba. Entón comezou a gritar: «*Cinye, Cinye*» (irmán, irmán).
> «Chama a teu irmán todo o que queiras, nunca me atopará». E, tras dicir isto, o home desapareceu no monte.
> Acababa de desaparecer, cando chegou o irmán. Ao ver a Coello na árbore, preguntou: «Por onde marchou?».
> Coello apuntou a dirección que collera o home. O irmán voou por riba das árbores, axiña atopou o home e tróuxoo de volta. Obrigouno a ocupar o seu antigo lugar entre as pólas e fixo que soprase un forte vento durante toda a tarde e noite, como castigo por ter posto ao seu irmán alí enriba.
> Despois de que Coello recuperase a roupa, o seu irmán deulle unha boa reprimenda e díxolle: «Quero que teñas máis coidado no futuro. Teño xa moito traballo e non podo estar parando cada dous por tres para facer viaxes e vir sacarte dalgún apuro parvo. Xa onte viaxei cincocentas millas para axudarche co xigante, e hoxe tiven que percorrer mil millas, así que ten máis coidado a partir de agora».
> Varios días despois disto, Coello viaxaba pola beira dun pequeno río e chegou a un pequeno clareiro no bosque. No centro, erguíase unha pequena e simpática cabana de troncos. Coello preguntábase quen podía estar vivindo aí cando a porta se abriu lentamente e apareceu un vello, que levaba un cubo de auga na man dereita. Na man esquerda tiña unha corda que estaba fixada no interior da casa. Mantívose agarrado á corda e baixou lentamente ao río. Cando chegou á auga, inclinouse e mergullou o cubo. Despois, volveu para a casa, aínda sostendo a corda para orientarse.
> Axiña reapareceu agarrado a outra corda e, seguíndoa, foi cara un gran montón de madeira e volveu con el á casa. Coello quería ver se o vello volvía a saír, pero non o fixo. Ao ver que saía fume da cheminea de barro, pensou en achegarse e ver que facía o vello. Chamou á porta e unha voz débil mandouno entrar. Viu que o vello estaba preparando a cea.
> «Ola *Tunkasina* (avó), débeo pasar ben, vivindo aquí só. Vexo que ten todo a man. Pode obter madeira e auga, e iso é todo o que precisa. De onde saca as provisións?».
> «Os lobos tráenme carne, os ratos arroz e fabas moídas, e os paxaros tráenme as follas de cereixa para o té. Con todo, é unha vida dura, xa que estou só a maior parte do tempo e non teño con quen falar e, ademais, estou cego».
> «Veña, avó», dixo Coello, «imos cambiar de lugar. Creo que me gustaría vivir aquí».
> «Se nos trocamos de roupa, volveraste vello e cego, mentres que eu asumirei a túa mocidade e a túa boa aparencia», dixo o outro. (A este ancián puxérao aquí para castigalo o irmán do Coello. O vello matara á súa muller, así que fíxoo vello e cego, e así permanecería ata que alguén intercambiase o posto con el).
> «Non me importa a mocidade nin a boa aparencia», dixo Coello, «fagamos o cambio».
> Intercambiaron a roupa e Coello tornouse vello e cego, mentres que o vello se tornou novo e fermoso.
> «Ben, teño que marchar», dixo o home. Saíu e, tras cortas as cordas preto da porta, fuxiu rindo. «Xa te cansarás de vivir só, rapaz tolo», e, tras dicir iso, marchou correndo cara o bosque.
> Coello pensou que lle gustaría recoller un pouco de auga fresca e probar os camiños das cordas para acostumarse a eles. Foi ós tombos ao redor da sala e, finalmente, atopou o cubo de auga. Colleu a corda e empezou a camiñar. Cando aínda estaba a pouca distancia da porta, chegou ao final da corda tan de súpeto que perdeu o extremo que tiña na man. Vagou por alí, chocando contra as árbores e enredándose en arbustos de ameixa e espiñas, rabuñando o rostro e as mans tan mal que se fixo sangue.
> Entón comezou de novo a berrar: «*Cinye! Cinye!*» (irmán, irmán). Axiña chegou o seu irmán e preguntoulle en que dirección marchara o vello.
> «Non sei», dixo Coello. «Non puiden ver por que camiño foi, pois estaba cego».
> O xenio chamou aos paxaros, que foron voando de todas partes. Cando chegaron, o irmán preguntoulles se viran o home que puxera aí castigado, pero ninguén o vira.
> O bufo veu de último e, cando lle preguntaron se vira ao home, dixo «hoo-hoo».
> «O home que vivía aquí», dixo o irmán.
> «Onte á noite estaba cazando ratos no bosque ao sur de aquí e vin un home durmindo baixo unha ameixeira. Pensei que era o teu irmán, Coello, así que non o espertei», dixo o bufo.
> «Moi ben, bufo», dixo o irmán. «Por estas boas novas, vagarás só de noite e repararei os teus ollos para que canto máis escura sexa a noite, mellor poidas ver. Sempre terás as noites frescas para cazar a túa comida. Vós, os outros paxaros, podedes cazar a vosa comida durante o caloroso día». (Desde entón, o bufo é un paxaro nocturno).
> O irmán voou ao bosque e trouxo o home de volta, cortou as cordas e díxolle: «Agora podes probar o que lle fixeches a meu irmán».
> A Coello, díxolle: «Non debería terche axudado esta vez. Calquera que estea tan tolo como para cambiar de lugar cun cego non merece axuda, así que ten coidado, que xa me estou cansando das túas parvadas e non che vou axudar de novo se fas algo tan tolo como isto».
> Coello comezou o regreso á súa casa. Cando xa case rematara a súa viaxe, chegou a un pequeno regato e, como tiña sede, tomou un chopo longo. Mentres bebía, escoitou un ruído, coma se un lobo ou un gato rabuñase a terra. Mirando cara a un outeiro que desbordaba o regato, viu catro lobos, co rabo entrelazado, tirando con todas as súas forzas. Cando Coello se achegou a eles, un soltouse e Coello puido ver que tiña o rabo roto.
> «Deixádeme tirar rabos con vós. O meu rabo é longo e forte», dixo Coello.
> Os lobos asentiron e Coello entrelazou o seu longo rabo cos dos tres lobos. Comezou a tirar e os lobos tiraron con tanta forza que lle arrincaron o rabo a Coello, na segunda articulación. Os lobos desapareceron.
> «*Cinye! Cinye*! » (Irmán, irmán). Perdín o rabo», gritou Coello. O xenio, ao ver que ao seu irmán Coello lle faltaba o rabo, dixo: «De todos os xeitos, estás mellor sen rabo».
> A partir dese momento, os coellos non tiveron rabo.

#### Editorial Review

This human-authored article has been reviewed by our editorial team before publication to ensure accuracy, reliability and adherence to academic standards in accordance with our [editorial policy](https://www.worldhistory.org/static/editorial-policy/).

## Bibliografía

- [Edmonds, M. & Clark, E. *Voices of the Winds: Native American Legends.* Castle Books, 2021.](https://www.worldhistory.org/books/0785839755/)
- [Hamalainen, P. *Lakota America: A New History of Indigenous Power.* Yale University Press, 2020.](https://www.worldhistory.org/books/030025525X/)
- [McLaughlin, M. L. *Myths and Legends of the Sioux.* Independently Published, 2023.](https://www.worldhistory.org/books/B0BYM4GWKC/)
- [Nozedar, A. *The Element Encyclopedia of Native Americans.* Harper Collins Publishers Ltd, 2024.](https://www.worldhistory.org/books/0007929803/)

## Sobre o autor

Joshua J. Mark é cofundador de World History Encyclopedia e o diretor de Contidos. Anteriormente foi profesor no Colexio Marista de Nova York, onde ensinou historia, filosofía, literatura e escritura. Viaxou moito e viviu en Grecia e Alemaña.
- [Linkedin Profile](https://www.linkedin.com/pub/joshua-j-mark/38/614/339)

## Preguntas e respostas

### Sobre que trata a lenda sioux «Como perdeu o coello o seu rabo»?
A lenda sioux «Como perdeu o coello o seu rabo» é en parte mito de orixe, o cal explica por que o coello ten esa apariencia, e en parte un conto didáctico sobre como se debe tratar aos demais, en especial aos máis débiles.

### Por que o xenio axuda continuamente ao coello na historia?
En «Como perdeu o coello o seu rabo», o xenio axuda ao coello porque son irmáns. A historia pretende ensinarlle ao público que todo o mundo é un irmán e que merece axuda sempre que a precise.

### Por que o coello se mete constantemente en problemas na lenda sioux «Como perdeu o coello o seu rabo»?
O coello de «Como perdeu o coello o seu rabo» cree que é un adulto maduro, pero, en realidade, é moi inocente e a súa curiosidade por como viven os demais fai que se meta en problemas continuamente.

### Por que o irmán maior non castiga aos lobos ao final de «Como perdeu o coello o seu rabo»?
O irmán maior non castiga aos lobos ao final de «Como perdeu o coello o seu rabo» porque non fixeron nada malo e, talvez, porque de verdade pensa que o coello está mellor sen o rabo.


## Citar esta obra

### APA
Mark, J. J. (2026, June 15). Como perdeu o coello o seu rabo. (C. F. Montero, Tradutor). *World History Encyclopedia*. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2390/como-perdeu-o-coello-o-seu-rabo/>
### Chicago
Mark, Joshua J.. "Como perdeu o coello o seu rabo." Traducido por Carla Fernández Montero. *World History Encyclopedia*, June 15, 2026. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2390/como-perdeu-o-coello-o-seu-rabo/>.
### MLA
Mark, Joshua J.. "Como perdeu o coello o seu rabo." Traducido por Carla Fernández Montero. *World History Encyclopedia*, 15 Jun 2026, <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-2390/como-perdeu-o-coello-o-seu-rabo/>.

## Licenza e dereitos de autor

Presentado por [Carla Fernández Montero](https://www.worldhistory.org/user/carla.rcy/ "User Page: Carla Fernández Montero"), publicado o 15 June 2026. Por favor, consulte a(s) fonte(s) orixinal(ais) para obter información sobre os dereitos de autor. Téñase en conta que o contido ao que se enlaza desde esta páxina pode ter diferentes termos de licenza.

