---
title: Guía do visitante ao conxunto arqueolóxico de vila Adriana
author: TimeTravelRome
translator: Eva Bruzos Bruyel
source: https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1750/guia-do-visitante-ao-conxunto-arqueoloxico-de-vila/
format: machine-readable-alternate
license: Creative Commons Attribution-NonCommercial-ShareAlike (https://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/4.0/)
updated: 2026-08-07
---

# Guía do visitante ao conxunto arqueolóxico de vila Adriana

Autor: [TimeTravelRome](https://www.worldhistory.org/user/romanpodkolzine/)_
Traducido por [Eva Bruzos Bruyel](https://www.worldhistory.org/user/evabruzos)_

Vila Adriana, preto de Tívoli, Italia, é unha opulenta e inmensa vila romana rodeada de xardíns que ocupa unha superficie aproximada de 120 hectáreas (296 acres). Construína o emperador Adriano (76‑138 d.C.) entre o 125 e o 134 d.C. para usala de casa de campo, aínda que podería ter pertencido orixinalmente á súa dona, Vibia Sabina (coa que estivo casado no 100‑136 d.C.).

Malia que a construción da vila comezou como un pasatempo co que satisfacer a súa paixón polo deseño arquitectónico e escultórico, Adriano abandonou Roma e fixo da vila a súa residencia oficial arredor do 128 d.C. Ademais do palacio imperial, o vasto complexo contaba cunha serie de zonas residenciais, bibliotecas, teatros, grandes instalacións termais, salóns comedores, pavillóns ao aire libre, ninfeos e xardíns decorados con esculturas. Adriano erixiu os suntuosos xardíns e edificios baseándose en temas con reminiscencias dos lugares que visitara durante as súas viaxes por todo o Imperio romano, incluídos Exipto e Grecia. Non se escavou todo o conxunto arqueolóxico polo de agora. Durante unhas escavacións recentes, apareceu unha extensa rede de pasadizos subterráneos que deberon de empregar os serventes para se desprazar polo predio.

[ ![The Canopus at Hadrian's Villa, Tivoli](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/3917.jpg?v=1765322839) O Canopo de vila Adriana, Tívoli, Italia Carole Raddato (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/3917/the-canopus-at-hadrians-villa-tivoli/ "The Canopus at Hadrian's Villa, Tivoli")Están abertas ao público arredor de 40 hectáreas (98 acres) dos parques de vila Adriana. Á parte dos xardíns e as termas, as zonas máis fermosas que se poden visitar son o teatro Marítimo (un estanque circular rodeado de columnas), o Canopo (unha canle de estilo exipcio) e os *hospitalia* (uns suntuosos cuartos para hóspedes). No propio xacemento hai unha oficina de turismo que ofrece información sobre as escavacións e a historia da vila e que ten unha maqueta desta.

 [![TimeTravelRome App](https://www.worldhistory.org/template/files/text-replacements-images/timetravelrome.png)](https://www.timetravelrome.com/ "TimeTravelRome Mobile App")### TimeTravelRome

Mobile App This article is provided by the [TimeTravelRome](https://www.timetravelrome.com/) mobile app, offering original content for thousands of ancient sites and monuments, as well as maps of Roman Roads. The whole Roman Empire is in your Pocket! [iOS AppStore](https://itunes.apple.com/ch/app/timetravelrome/id1265854977?platform=iphone&preserveScrollPosition=true#platform/iphone) [Google Play Store](https://play.google.com/store/apps/details?id=gr.magicapps.timetravelrome) 
 .sponsor.book img.key_art {
 box-shadow: none !important;
 max-width: 160px !important;
 }
 .button_container {
 margin-top: 1em;
 }
 .sponsor.book h3 {
 text-transform: none;
 margin-top: 0px;
 margin-bottom: 15px;
 font-family: "Libre Baskerville", "Palatino Linotype", "Book Antiqua", Palatino, serif;
 font-size: 22px;
 }
 .sponsor_message {
 margin-left: 190px;
 font-family: Karla, Arial, Helvetica, sans-serif;
 line-height: 140%;
 min-height: 200px;
 }
 .sponsor.book {
 padding: 20px;
 margin: 25px 0px;
 background-color: #f3f3f3;
 }

 .sponsor.book .key_art {
 margin-top: 0px;
 margin-bottom: 10px;
 float: left;
 }
 .sponsor h4 {
 font-weight: bold;
 text-transform: uppercase;
 color: #000;
 margin-bottom: 10px;
 margin-top: 0px;
 font-family: Karla,Arial,Helvetica,sans-serif;
 font-size: 13px;
 padding: 0;
 }
 .sponsor_book_author {
 color: #999;
 margin: -10px 0px 20px;
 }

 @media (max-width: 1199px) {

 }
 @media (max-width: 767px) {
 .sponsor.book img.key_art {
 margin: 0px;
 max-width: 120px !important;
 float: none;
 }
 .sponsor_message {
 margin: 30px 0px 0px 0px;
 font-family: Karla, Arial, Helvetica, sans-serif;
 line-height: 140%;
 min-height: 200px;
 }
 }
### O Canopo e o serapeo

Este espazo, construído cun deseño único, representa a canle e o templo de Serapis da antiga cidade exipcia de Canopo, ao oeste do delta do Nilo. Malia a temática exipcia, o Canopo (o grande estanque) está rodeado dunha columnata de estilo romano con columnas corintias; de estatuas gregas clásicas (incluídas unhas cariátides coma os do Erecteion de Atenas); e doutra colección de estatuas de temática nilótica. O serapeo (*serapeum*) é unha gruta artificial erixida nun dos extremos do estanque. Adriano non utilizou este serapeo de templo, senón de triclinio (*triclinium*) estival e de zona de recreo con vistas ao estanque. Esta construción, que probablemente deseñou o propio Adriano, debeu de constituír unha abraiante zona de recreo que poñía de relevo o alcance da dominación romana.

[ ![Canopus, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14006.jpg?v=1620753827) Canopo, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14006/canopus-hadrians-villa/ "Canopus, Hadrian's Villa")Os visitantes poderán apreciar aquí a mesma mestura de temáticas romanas, gregas e exipcias que Adriano combinou por toda a vila. O grande estanque, que mide máis de 120 metros (393 pés) de longo, conserva moitas das súas estatuas orixinais, coma as enormes cariátides gregas, un crocodilo do Nilo, un Neptuno ou a loba que aleitou os xemelgos Rómulo e Remo (en clara alusión ao río Tíber romano). Tamén se conservan entre as columnas algúns dos linteis (rectos) e os arcos (curvos) de estilo romano. A peculiar gruta do serapeo, cuberta por unha semicúpula, está feita de formigón e ten nichos nas paredes. Contén os chanzos do triclinio, sobre os que se recostaban os invitados mentres se daban un festín arredor dunha fonte.

### A praza de Ouro

A praza de Ouro non está lonxe dos edificios que constitúen o centro de vila Adriana. É unha das partes máis decadentes e ostentosamente ricas do complexo imperial. Os seus elementos principais son catro: unha abraiante construción abovedada; no centro, un cuadripórtico (*quadriporticus*, un espazo cercado polos seus catro costados por unha columnata continua) cunha canle; un comedor (*cenatio*); e, ao sur, un ninfeo (*nymphaeum*).

[ ![Dining-room of Piazza d’Oro, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14004.jpg?v=1620751992) Comedor da praza de Ouro, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14004/dining-room-of-piazza-doro-hadrians-villa/ "Dining-room of Piazza d’Oro, Hadrian's Villa")A *cenatio* tamén podería ter sido a biblioteca privada do emperador, unha interpretación que se propuxo tras comparala arqueoloxicamente coa estoa de Adriano en Atenas. Tanto se se trataba da biblioteca de Adriano coma se non, resulta evidente a importancia deste espazo para a figura do emperador grazas á arte que se puido recuperar: os retratos de emperadores posteriores —coma Marco Aurelio (que gobernou no 161‑180 d.C.) e Caracalla (que gobernou no 211‑217 d.C.)—, entre outras cousas, testemuñan que o complexo da vila seguiu con vida despois de Adriano.

Malia que a praza de Ouro foi obxecto dun saqueo máis que considerable durante séculos, sobre todo coas «escavacións» cazatesouros do século XVI, aínda se nota a opulencia do lugar. Inda segue en pé boa parte da cúpula cavernosa do vestíbulo, un marabilloso exemplo da mestría romana na construción de espazos abovedados. Así mesmo, no lado occidental do pórtico, aínda quedan algúns segmentos resplandecentes dun chan de mosaico policromado de mármore con motivos xeométricos.

### As termas do Heliocaminus

Estas instalacións termais levantáronse preto do teatro Marítimo, que era o refuxio privado de Adriano. Construíuse durante os anos 118‑125 d.C. e son os baños máis antigos de entre todos os que hai no complexo da vila. Probablemente, o seu uso estaba reservado ao emperador e os seus invitados.

O complexo termal constaba de varios vestiarios (*apodyteria*), así como dunha serie de baños quentes, temperados e fríos (*caldaria*, *tepidaria* e *frigidaria*). Tamén contiña un raro exemplo de *heliocaminus* (un cuarto caldeado polo sol). Esta estancia, cuberta por unha cúpula, contaba cunhas grandes fiestras acristaladas e cunha claraboia cenital para regular os niveis de vapor e permitir tomar o sol.

Pouco queda do *opus sectile* que decoraba as paredes e o chan, á parte dalgúns segmentos do revestimento orixinal de mármore. Pero os visitantes aínda poderán apreciar a envergadura e a beleza desta abraiante creación arquitectónica, malia que lle falte a súa decoración. Do *heliocaminus*, non sobreviviu o lado das fiestras acristaladas, pero si o seu muro interno cunha parte da cúpula, o que lles permite aos visitantes ver o interior desta sala de asentos circulares, así como os espazos subterráneos para o servizo.

### O palacio imperial

O palacio imperial de Adriano levantouse sobre unha vila de época republicana. Foi un dos primeiros edificios que construíu o emperador cando comezou a ampliar e a embelecer o predio. Algunhas partes da vila republicana orixinal resultan aínda visibles, coma o patio central, que estaba rodeado de pórticos, ou a decoración do chan do sector occidental do palacio.

Ao palacio accedíase por unhas escaleiras desde o patio da biblioteca. Contaba cunhas oficinas para o funcionariado, distribuídas arredor de patios abertos; unha biblioteca pequena con nichos para almacenar rolos de papiro; e diversos triclinios. Tamén tiña un suntuoso ninfeo semicircular, onde a auga baixaba en catarata por unha serie de chanzos ata unha pía rectangular. Durante unhas escavacións, apareceu un fermoso mosaico figurativo en *opus vermiculatum*, que revestía o chan do que se coñece como «o triclinio dos Centauros». Estes mosaicos atópanse na actualidade nos Museos Vaticanos e no Museo de Berlín.

[ ![Centaur, Roman Mosaic](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/2513.jpg?v=1751898791) Centauro dun mosaico romano Carole Raddato (CC BY-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/2513/centaur-roman-mosaic/ "Centaur, Roman Mosaic")A maior parte do palacio imperial está en ruínas, polo que na maioría das zonas só se poden ver anacos dos muros e os cimentos. Ao moverse pola infinidade de estancias e patios, os visitantes poderán facerse unha idea da envergadura do centro administrativo de Adriano. Inda resulta visible o muro traseiro con nichos do triclinio estival. A ábsida semicircular disposta arredor do ninfeo sinala a zona onde, no seu momento, caía a auga en catarata. Aínda se conservan en bo estado segmentos do fermoso mosaico branco en *opus sectile* que revestía o chan deste lado do palacio.

### O teatro Marítimo

O que se coñece como «o teatro Marítimo» foi outro dos innovadores proxectos arquitectónicos de Adriano que non seguiu ningunha das convencións romanas tradicionais da época. O emperador construíno nunha illa circular rodeada dun foso e decidiu precindir das liñas rectas —en cambio, combinou os muros convexos e cóncavos empregando formigón e pedra—. Este complexo, que tamén é unha vila por dereito propio, construíuse entre os anos 118 e 125 d.C. Adoitan chamala «a vila dentro da vila».

[ ![Maritime Theatre, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14005.jpg?v=1706016964) Teatro Marítimo, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14005/maritime-theatre-hadrians--villa/ "Maritime Theatre, Hadrian's Villa")Un muro circular, cunha columnata xónica na súa cara interior, separaba este complexo das propiedades circundantes e creaba un pórtico ou deambulatorio arredor da illa. Dúas pontes de madeira permitían salvar os 4,8 metros (15,7 pés) de anchura do foso para poder acceder á illa. Ao parecer, estas pontes retirábanse para restrinxir o acceso cando o emperador quería intimidade.

A *domus* da illa tiña unha serie de *cubicula* (cubículos ou dormitorios); un *triclinium* (triclinio ou comedor); un *tablinum* (sala de recepción con obras de arte); unhas termas; e un suntuoso *atrium* (atrio ou patio central) cun xardín e unha fonte. Interpretouse nun primeiro momento que o complexo fora un teatro, cuxo nome actual débese á escena marítima do fresco que decora a parede do vestíbulo de entrada.

O teatro Marítimo é sumamente interesante pola súa arquitectura nada convencional. Tanto a súa disposición en círculo coma o seu foso aínda resultan visibles e moitas das columnas xónicas seguen en pé. A vila da illa só se conserva en parte. Con todo, os visitantes poden dar unha volta arredor do pórtico e ver o interior das estancias desta pequena vila de uso privado.

### O teatro Sur

Situado no sur do complexo de vila Adriana, o teatro Sur tamén recibe ás veces a denominación de «odeón» (*odeum*), que é como o describiu o arqueólogo italiano Giovanni Battista Piranesi (1720‑1778). Un odeón era unha construción concibida para os recitais de música e poesía. En parte, esta falta de claridade radica no feito de que non existe unha definición arquitectónica do que era un odeón, malia que se identificaron moitos destes recintos para actuacións por todo o mundo grecorromano.

[ ![Theatrical Mask from Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14012.jpg?v=1620809320) Máscara teatral procedente de vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14012/theatrical-mask-from-hadrians-villa/ "Theatrical Mask from Hadrian's Villa")Non todos estarían de acordo en cualificar de odeón a construción que hai en vila Adriana, convencidos de que se trataría máis ben dun teatro. De feito, o seu tamaño —uns 50 metros (164 pés) na súa parte máis ancha— faríano comparable a un teatro urbano tirando a mediano. O feito de que estivese nos xardíns privados da residencia imperial debería lembrarlles aos espectadores a capacidade que tiña o emperador de mobilizar recursos e man de obra.

Calcúlase que este teatro tiña capacidade para uns 1.100 espectadores.

### O xardín‑estadio

O xardín‑estadio (tamén denominado «ninfeo‑estadio») é un capricho arquitectónico integrado nun grupo de edificios que constitúen o núcleo do complexo da vila. Deseñado coa planta dun estadio, un circo ou un hipódromo, este suntuoso xardín servía de lugar de retiro artístico e estético —de feito, era unha galería de estatuas—. Detectáronse caprichos semellantes a este, aínda que máis pequeno e menos suntuosos, noutras vilas da época imperial.

[ ![Stadium Garden, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14007.jpg?v=1620754105) Xardín‑estadio, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14007/stadium-garden-hadrians-villa/ "Stadium Garden, Hadrian's Villa")Hai indicios arqueolóxicos de que o centro do xardín estivo ocupado no seu momento por uns pavillóns, que estaban separados entre si polo claro que hoxe alberga os fragmentos dun grupo escultórico sobre o mito dos nióbidas —os fillos de Níobe e Anfión de Tebas na mitoloxía grega—, aos que os deuses Apolo e Artemisa asasinaron tras uns comentarios xactanciosos de Níobe. Esta escena, que adoita repetirse na arte romana, quizais a lembren os visitantes polo famoso grupo escultórico da Galería dos Uffizi, en Florencia, co que poden facer comparacións.

Ao fondo do xardín levantouse un ninfeo semicircular, que formaba parte dunha serie máis ampla de atraccións acuáticas.

Pode que o xardín‑estadio perdese o seu esplendor artístico, pero aínda quedan vestixios da abraiante despregadura de detalles arquitectónicos que ostentou no pasado, coma o ninfeo e as outras atraccións acuáticas.

### O edificio das Tres Exedras

Unha das construcións máis abraiantes de vila Adriana é o triclinio ou comedor con arcadas que se coñece ás veces como «o edificio das Tres Exedras». Aos visitante evocaralles as historias dos suntuosos banquetes de Adriano que aparecen nas narracións de Dión Casio (arredor do 164 d.C.‑arredor do 229 ao 235 d.C.) ou nos relatos máis espurios sobre a vida de Adriano da *Historia augusta*.

A construción consta de dous partes e, segundo os arqueólogos, ten influenzas dos edificios imperiais do outeiro Palatino de Roma, sobre todo polo que respecta á disposición xeral.

[ ![Three Exedras Building, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14008.jpg?v=1620936901) Edificio das Tres Exedras, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14008/three-exedras-building-hadrians-villa/ "Three Exedras Building, Hadrian's Villa")A entrada, ao norte do edificio, tiña unha gran fonte rectangular. Tras a fonte, había un atrio que se abría a tres espazos curvos ou exedras. En dous delas (a leste e a oeste), o centro estaba presidido por estatuas. Tras a exedra oriental, había unha variedade de estancias que comunicaban co edificio, pero a súa finalidade exacta segue a ser un misterio: suxeriuse a posibilidades de que fose un salón de audiencias, ademais do comedor antes mencionado. Estas estancias da á oriental achábanse contiguas ao xardín‑estadio. Enriba delas houbo no seu momento unha azotea cunha fermosa decoración.

Este edificio impoñente e magnífico, situado dentro do complexo central da vila, aínda conserva no seu sitio gran parte dos seus elementos arquitectónicos. Este é o caso concreto das paredes do comedor: os espazos das exedras están moi ben definidos e, nalgúns sitios, volveron levantarse as columnas para dar unha idea do espazo e da envergadura do lugar. Tamén é o caso da abraiante fonte da entrada.

### As termas Pequenas

As termas Pequenas, situadas no lado oeste do conxunto arqueolóxico, teñen un nome moi pouco axeitado. Hai que recoñecer que son máis pequenas que as termas Grandes, pero estas instalacións tan vistosas e luxosas seguen a ser unha xoia arquitectónica, incluso a ollos do visitante moderno. O que as caracteriza, desde o punto de vista decorativo, son os seus diversos elementos de mármore e, desde o arquitectónico, o sumo enxeño co que se empregaron os espazos abovedados. Dada a proximidade destas termas (*thermae*) a outras construcións do núcleo do conxunto arqueolóxico, especulouse con que se trataba dos baños que usaban o emperador e a corte imperial, pero isto segue aberto ao debate.

[ ![Small Baths, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14009.jpg?v=1620759608) Termas Pequenas, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14009/small-baths-hadrians-villa/ "Small Baths, Hadrian's Villa")Pouco teñen ao estilo da simetría que define a composición arquitectónica de, por exemplo, as grandes termas imperiais de Roma. Con todo, aquí puideron identificarse as salas típicas dunhas termas, coma a fría (*frigidarium*) e as temperadas (*tepidaria*). Segundo os historiadores da arquitectura romana, o deseño destes baños non parece rexerse por un principio claro. Asemella un exercicio da arte pola arte (ou máis ben da arquitectura pola arquitectura). Entre as peculiaridades que presentan estas termas tan atípicas está a cámara octogonal do centro.

Moito do que se pode ver nas termas Pequenas segue a ser abraiante, en contra do que suxire o seu nome. Isto inclúe o magnífico emprego do abovedamento para iluminar e crear espazos no seu interior. Boa parte da construción aínda segue en pé, incluída a sala octogonal. Ademais, os impoñentes muros son unha demostración da mestría coa que se traballou o enladrillado.

No chan das termas —que orixinalmente estaba elevado mediante o sistema de *suspensurae*—, saíron á luz as canles polas que circulaba o aire quente que permitía caldear as instalacións. Noutras partes do edificio, aínda hai sinais do seu luxo anterior. En concreto, nos corredores da á leste quedan mostras da rica ornamentación en mármore.

### O cuartel de bombeiros

O cuartel de bombeiros, que se levantou durante a primeira fase de construción da vila (arredor do 118‑125 d.C.), estivo durante un tempo nas aforas. Non obstante, ao expandirse aquela, o que foran as aforas acabou situado no centro.

Con todo, o seu carácter funcional dentro duns terreos pensados para o lecer reflíctese na simplicidade da súa forma, que contrasta cruamente coa experimentación e o enxeño evidentes noutras partes do conxunto arqueolóxico.

Esta construción de varios pisos, que ás veces recibe a vaga denominación de «edificios do servizo», adoita asociarse aos bombeiros ou aos gardas que protexían a vila. Ten unha disposición simétrica arredor dun patio central. No lado sueste, destaca unha latrina con espazo para 15 persoas.

Os muros do edificio, que seguen en pé tan altos como eran, resultan impoñentes. Aínda que careza da imaxinación doutros elementos arquitectónicos da vila, o seu tamaño expresa con elocuencia que nesta vila se traballaba a escala imperial.

[ ![Vigilant’s Station, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14018.jpg?v=1620815516) Cuartel de bombeiros, vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14018/vigilants-station-hadrians-villa/ "Vigilant’s Station, Hadrian's Villa")O emprego do *opus spictatum* no enladrillado do patio central, que asemella os motivos decorativos de espiña de peixe, é un recordatorio permanente da función práctica do cuartel de bombeiros dentro dun complexo imperial pensado para o lecer.

### A torre Roccabruna

No extremo suroeste dos terreos da vila, atópase a impoñente torre Roccabruna, que, segundo algúns arqueólogos, estaba inspirada nunha edificación ateniense (era ben coñecido o filhelenismo do emperador Adriano, é dicir, o seu amor pola cultura grega).

A torre tiña dous pisos: o inferior era de planta cadrada, cun espazo octogonal no seu interior; e o superior, unha plataforma circular cunha columnata, ofrecía unhas vistas formidables da vila e dos campos circundantes.

Na actualidade, os restos da torre son uns dos máis impoñentes de entre todos os que hai nos terreos da vila. Aínda que está un pouco lonxe do resto das edificacións, paga a pena que os visitantes tenten atopala.

### A palestra

Localizada nas inmediacións do teatro Grego, a palestra (un ximnasio) é outra das construcións de vila Adriana que levan un nome equivocado difícil de sacarse de enriba. Dise que lle puxeron o nome no século XVI, tras a descuberta duns retratos en mármore duns atletas coroados con follas de oliveira.

Era un complexo de proporcións monumentais que constaba de varios edificios integrados nunha superficie de 100 metros cadrados (1.076 pés cadrados). Accedíase á palestra por unhas escaleiras tamén monumentais. A peza central estaba rodeada dun pórtico dobre con numerosos nichos para as estatuas.

Unha estancia profusamente decorada —esplendorosa co exotismo das súas columnas e os seus chans de mosaico— que contiña algunhas obras de arte exipcíacas, coma o busto colosal de Isis, podería tratarse realmente dun iseo (*isaeum*, un santuario dedicado a esta deusa exipcia), segundo os arqueólogos.

[ ![Isis-Sothis-Demeter from Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/500x600/14011.jpg?v=1620761223) Isis‑Sotis‑Deméter procedente de vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14011/isis-sothis-demeter-from-hadrians-villa/ "Isis-Sothis-Demeter from Hadrian's Villa")Para os visitantes actuais, resulta evidente que o se coñece como «a palestra» tiña unha envergadura abraiante: poden formarse unha idea clara do seu antigo tamaño e esplendor grazas aos significativos restos arquitectónicos que fican no seu sitio. A estes confírenlles encanto os restos dos antigos programas decorativos que quedan diseminados por alí.

Hai tempo que se lles buscou outra localización ás súas diversas obras de arte, pero aínda poden verse nos museos de Roma. O máis destacado é o busto colosal de Isis, actualmente no Museo Gregoriano Exipcio do Vaticano.

### Os *hospitalia*

O edificio dos *hospitalia* atópase dentro do complexo central da vila. Constaba de dous pisos e era onde se aloxaban os invitados (é dicir, era un lugar de hospitalidade). Por desgraza, hai tempo que falta o segundo piso, pero queda unha parte nada desdeñable da planta baixa. Os cuartos que sobreviviron presentan uns recunchos que se interpretaron como espazos para tres leitos.

[ ![Hospitalia, Hadrian's Villa](https://www.worldhistory.org/img/r/p/750x750/14010.jpg?v=1620760459) Edificio dos «hospitalia», vila Adriana Carole Raddato (CC BY-NC-SA) ](https://www.worldhistory.org/image/14010/hospitalia-hadrians-villa/ "Hospitalia, Hadrian's Villa")Hai unha latrina na esquina noroeste do edificio dos *hospitalia*. Estes aseos tiñan capacidade para 15 hóspedes.

Malia que falte o segundo piso dos *hospitalia*, aínda quedan uns bos detalles arquitectónicos cos que todos os visitantes poden facerse unha idea do aspecto que tería esta construción na antigüidade. A isto tamén contribúe que sobrevivisen algún elementos decorativos espectaculares. Deles, os máis abraiantes son os restos do chan de mosaico monocromático dos cuartos.

#### Editorial Review

This human-authored article has been reviewed by our editorial team before publication to ensure accuracy, reliability and adherence to academic standards in accordance with our [editorial policy](https://www.worldhistory.org/static/editorial-policy/).

## Bibliografía

- Kleiner, Fred S. *A History of Roman Art.* Cengage Learning, 2016
- [Lanciano, Nicoletta. *Hadrian's villa between heaven and earth. A tour with Marguerite Yourcenar.* Apeiron Editori, 2005.](https://www.worldhistory.org/books/8885978312/)
- Mambella,Raffaele . *Sulla pianta di un sogno. Guida letteraria e storica della villa di Adriano a Tivoli.* Fontana di Trevi Edizioni., 2014
- Ueblacker, Mathias & Caprino, Catia. "Das Teatro marittimo." *Der Villa Hadriana*, edited by Ph von Zabern. Von Zabern, 1985

## Vínculos externos

- [Explore the Grandeur of Hadrian's Villa in Rome](https://mymodernmet.com/hadrians-villa/)

## Citar esta obra

### APA
TimeTravelRome. (2026, August 07). Guía do visitante ao conxunto arqueolóxico de vila Adriana. (E. B. Bruyel, Tradutor). *World History Encyclopedia*. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1750/guia-do-visitante-ao-conxunto-arqueoloxico-de-vila/>
### Chicago
TimeTravelRome. "Guía do visitante ao conxunto arqueolóxico de vila Adriana." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. *World History Encyclopedia*, August 07, 2026. <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1750/guia-do-visitante-ao-conxunto-arqueoloxico-de-vila/>.
### MLA
TimeTravelRome. "Guía do visitante ao conxunto arqueolóxico de vila Adriana." Traducido por Eva Bruzos Bruyel. *World History Encyclopedia*, 07 Aug 2026, <https://www.worldhistory.org/trans/gl/2-1750/guia-do-visitante-ao-conxunto-arqueoloxico-de-vila/>.

## Licenza e dereitos de autor

Presentado por [Eva Bruzos Bruyel](https://www.worldhistory.org/user/evabruzos/ "User Page: Eva Bruzos Bruyel"), publicado o 07 August 2026. Por favor, consulte a(s) fonte(s) orixinal(ais) para obter información sobre os dereitos de autor. Téñase en conta que o contido ao que se enlaza desde esta páxina pode ter diferentes termos de licenza.

